Antón Riveiro Coello: "Fascíname esa posibilidade de poder abrir un sorriso ou un abraio no lec
Antón Riveiro Coello naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central (1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (2000) obtivo o premio Café Dublín corrrespondente a 1999. As rulas de Bakunin recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima. En 2007 publica en Galaxia A voz do lago, novela coa que se adentra na creación literaria para os lectores máis novos, e na colección Literaria Os ollos de K. Tempo despois de publicar A Ferida do Vento (2016), recente finalista do Premio Frei Martín Sarmiento, chega ás librarias Á sombra dos bonsais (2017).
Texto: Ficha do autor en Galaxia
Fotografía: Lorena Riveiro
- Cal é o xerme de Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017)?
Naceu coma un xogo, un divertimento na rede, onde, cunha periodicidade anárquica, dei en publicar micropostais que eran ben recibidas polos amigos. Ese contacto directo cos lectores animoume a seguir creando textos miúdos que, pouco a pouco, foron medrando en número e, quero pensar, en calidade. Unha boa parte deles figura neste libro, xunto a outros textos inéditos que compoñen un corpo temático diverso e participan desa vontade de concisión.
Imaxe promocional do libro. (Fotomontaxe: Editorial Galaxia.)
- Cal é o segredo para “contar o mundo en textos pequenos”?
Non o sei moi ben. Paréceme un xénero dificilísimo. Non me resulta doado esta escritura sintética, esta concentración expresiva, sempre baixo o punto de vista da concisión e dos seus límites. Esta austeridade do estilo contraponse aos parámetros que un adoita usar na novela, cunha escrita máis profusa e retórica. Talvez o segredo estea en ter unha imaxinación hiperbólica que poida apañar da realidade, de calquera feito cotián, un chisco de orixinalidade e concreción.
- Que teñen as fórmulas do relato e o microrrelato que tanto gustan a Antón Riveiro Coello?
Fascíname esa posibilidade de poder abrir un sorriso ou un abraio no lector condensándoo todo en poucas palabras, con elipses, con intertextualidades, con títulos que funcionan como foco e como inicio e prolongación dos propios textos.
Cadernos de notas cheas de documentación e esbozos de obras do autor. (Fotografía: Antón Riveiro Coello)
- Cales son as súas lecturas de cabeceira e que máis lle influíron á hora de escribir?
Sempre fun o lector moi anárquico. Con todo intento estar ao tanto do que se publica en galego e tamén noutros idiomas. Gustaríame dicir que Proust ou Joyce empurraron a miña vocación, pero eu nacín nunha casa na que non había libros e os meus clásicos da infancia apenas eran Marcial Lafuente Estefanía, unha adaptación da Odisea e algunha novela ilustrada. E como no instituto non dei galego por dous anos, non cheguei á literatura galega até ser maior de idade. Despois devorei un libro case diario e fun coleccionando amores distintos que ían de Ferrín, Cunqueiro e Casares a Ramón Otero Pedrayo ou Eduardo Blanco Amor. Caso á parte foi tamén a descuberta de García Márquez e toda a literatura hispanoamericana que hipnotizou a varias xeracións. Hoxe, leo de todo, cun interese especial pola literatura norteamericana.
- Recentemente coñecemos que A ferida do vento (Galaxia, 2016) foi elixida entre as finalistas do XIV Premio Frei Martín Sarmiento. Galardón que xa acadaras con Laura no deserto (Galaxia, 2011). Un novo éxito para un libro que está a gustar moito…
Si, estou realmente contento e emocionado coa recepción dun libro que para min ten un valor especial, non só porque está ateigado de referencias autobiografías, senón tamén polo intento de recrear unha parte substancial dese mundo vilego onde me criei e onde dei o paso crucial, coma todo o mundo, da infancia á adolescencia. Coido que unha das explicacións do éxito é a expresión sincera dese momento tan importante que, neste caso, pode servir de espello para calquera xeración porque a presenza da morte, o abraio diante dos primeiros amores seguen a provocar hoxe as mesmas sensacións que hai corenta ou cen anos.
- Tras moitos anos formando parte activa do sistema literario galego. Que opinión lle merece a situación actual da literatura galega?
Tan interesante coma a que poida haber en calquera outro sistema. Escribir, e máis en galego, converteuse dende hai tempo nun acto de resistencia. E, aínda que hoxe o público en xeral se decanta pola ficción audiovisual, hai na literatura galega moita diversidade e propostas de altura que talvez non atopen toda a repercusión que sería desexable. A creación vai por diante da propia sociedade. Non hai máis que ver o fenómeno da poesía, sempre tan frutífero no noso país, ou da literatura infantoxuvenil, cunha ducia esplendorosa de autores traducidos a outras linguas. Nos últimos anos eu salientaría a consolidación dunha xeración de narradoras moi interesantes que asentaron as bases dunha normalidade sociolóxica que se facía necesaria.
- Tras tanto éxito coas súas obras precedentes, sente igualmente a presión de non agradar o público cada vez que sae un dos seus libros?
Os escritores sempre estamos no punto de partida. O medo a defraudar é constante. A mesma vertixe. Hai algo curioso no mundo da escrita e é que segundo pasan os anos máis críticos e crueis nos viramos contra nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos, e pola contra, co andar do tempo, o proceso faise inverso e gañamos en esixencia e calidade.
- Para rematar. Ten algún traballo en marcha do que poida adiantarnos algo?
Levo xa un ano ás voltas cunha novela que, sospeito, aínda vai precisar dun ano ou dous máis. De momento, só adianto que será un texto intenso, contemporáneo, sobre a perda, e ten como título provisional: O paraíso escuro.