top of page

Cris Pavón: "A memoria, a linguaxe, a construción da identidade ou a mestura de ciencia e liter


Cris Pavón (A Coruña, nadal de 1962). Aos 3 días abriu os ollos. Aos 3 anos aprendeu a ler, e a contar. Aos 33 decidiu escribir en serio, mais con humor. Aos 39, máis en serio aínda, púxose coa primeira novela, Limiar de conciencia. Logo de 3+3 anos deuna por rematada. O proceso, seica, transformouna en escritora. É, amais, a súa 3ª obra publicada. As outras dúas son a novela Sangue 12 (Urco Editora, 2014) e o libro de relatos Á busca da orixe perdida das especies (Laiovento, 2015). Nega calquera tipo de obsesión con calquera número, malia recoñecer que o binario deixou pegada nela. Lectora precoz e escritora serodia, na súa narrativa aborda, mediante argumentos realistas ou fantásticos, a construción e o esboroar da identidade, a erosión do eu, e o papel que xogan a memoria e a linguaxe neses procesos. Recibiu os seguintes premios literarios: Premio relato curto Liceo de Noia (2008), 1º premio de relato da Asociación Mulleres Progresistas de Vigo (2009), o Premio no Certame Nacional de narracións breves Modesto Figueiredo 2013 e o XX premio Ricardo Carvalho Calero de Creación Literaria en 2014. Limiar de conciencia (Urco editora, 2017) é a sua publicación máis recente.

Texto: Ficha da autora en Urco Editora

Fotografía: Cedida pola autora

 

- Como xorde Limiar de Conciencia? Cal é o xerme da novela?

Fascinación e vertixe polos computadores e o seu potencial. Intriga por temas que se poderían resumir nunha pregunta: pódese chegar á consciencia artificial, ao que se entende por IA forte? É unha cuestión que se debate en filosofía, e na que se traballa en ciencia dende hai décadas, onde se desenvolven aplicacións cada vez máis potentes, pero moi lonxe aínda de nada que se poda comparar coa conciencia animal, e menos humana.

As pregunta sobre IA implican moitas outras sobre nós mesmos, sobre a nosa mente, linguaxe, xeito de coñecer, emocións, relacións cos demais. A miña resposta foi un conxunto de textos que se presentan como xerados por unha computadora, e que conforman unha novela: a forma de dicir si que tiña ao meu alcance. Unha sorte de xogo de Turing coa literatura. Un xeito para min perfecto de mesturar ciencia e literatura, maneiras de achegarse ao coñecemento que me interesan de sempre, temas que me acompañan dende hai moitos anos e dos que falo nalgúns artigos do meu abandonado blog: http://crispavon.com/category/literatura-e-ciencia/ É, por certo, a miña primeira novela, anterior a Sangue 12.

- LIDIA é a personaxe principal da novela. Pese a ser unha máquina, máis correctamente unha IA, ten un nome de xénero feminino. Débese a escolla a algún motivo en concreto?

Eu andaba a darlle voltas a unha historia de máquinas narradoras e, unha tarde que sentei moi decidida á escrita, apareceu LIDIA como personaxe, e con ese nome. Daquela sorprendeume que non se me ocorrera antes, de tan evidente que era: quen ía contar unha historia de máquinas narradoras mellor que unha delas! Para min foi un achado importante atopar esa voz textual, permitiume artellar as matinacións que viña amoreando ao redor da IA, e tamén dar estrutura ao texto, cos log’s diarios da máquina.

Fotograma do booktrailer de Limiar de Conciencia. Pulsa na imaxe para acceder ó video completo. (Cedido pola autora)

Certo tamén que na novela, no desenvolvemento das máquinas lingüísticas, preséntanse dúas xeracións. Para suliñar as diferenzas entrambas asignei a cada unha nomes de diferente xénero, e a segunda xeración é feminina, algo que ten directa relación co desenlace da novela. LIDIA é, claro, membro desa xeración.

- Está claro que a paixón pola tecnoloxía está impresa na súa maneira de narrar e nos personaxes das súas obras.

Eu, máis que como paixón pola tecnoloxía, a modo geek, véxoo como mostra de que me sinto concernida pola enorme presenza da tecnoloxía na cultura, e pola aceleración a que está sometida, que fai mudar substancialmente o noso mundo en períodos cada vez máis curtos. Aínda que se miro na galipedia ese termo geek, á vista dos títulos que alí aparecen, se cadra debo recoñecerme como tal. E recoñézome no sentido máis utópico, dunha tecnoloxía empregada para minguar as desigualdades, non para afondar nelas. Certo que o presente é distópico a rabiar -coa mellor tecnoloxía ao servizo do capitalismo globalizado, agudizando o consumismo, facilitando o control da cidadanía-, mais tamén existen iniciativas para facilitar acceso libre á información e ao coñecemento a grandes colectivos, como as das comunidades de software libre, ou as de gobernos como o de India -para facer tablets e ordenadores moi baratos, destinados ao seu estudantado-.

Cris Pavón traballando na súa escrita. (Fotografía cedida pola autora)

Por outra banda, a tecnoloxía fíxonos humanos, é un fito esencial na nosa evolución biolóxica. Creouse o xénero homo para denominar aos primates que usaron ferramentas. É absurdo renegar de algo que nos constitúe e nos define -e nos fai mudar- de xeito tan esencial. Tecnoloxía é o lume, a escrita, a imprenta, a electrónica. Nese sentido, si teño paixón pola tecnoloxía.

- De feito tamén na editora hai unha tendencia a premiar coa publicación das súas obras a autores que traballan a ciencia ficción. Isto vese moi claramente en que entre as novidades máis recentes tamén temos novelas como Aletheia Moritat.

Entendo que esa é máis ben unha pregunta para Urco pero, dende logo, eu non podo máis que celebrar que exista unha editora que aposte pola ficción científica. Encántame estar no seu catálogo, creo que é unha editora con liñas de publicación moi interesantes.

- Neste caso a lingüística e a tradución son tamén importantes na obra. Hai moita reflexión e metalingüística no feito de que a propia máquina que ten lingua propia teña que adaptarse para expresar noutras linguas as súas vivenzas.

LIDIA é unha tradutora e, non só é o seu traballo procesar textos literarios e ensaísticos, é que ten a capacidade lingüística como parte esencial dela. Cando queda illada e dubida por momentos se seguir a traballar con linguaxes humanas, remata por concluír que non pode renunciar a algo tan de seu. LdC apoiase moito na idea do eu como construción narrativa, un eu que fai historias sobre si e a súa contorna e organiza así o seu coñecemento. O aspecto no que eu quería incidir é, obviamente, a linguaxe como trazo distintivo da intelixencia humana. Pero, máis aló da sintaxe e a recursividade, subliñar o mecanismo narrativo como trazo humano por excelencia (algo que tomei do psicólogo cognitivo J. Bruner).

- Consume habitualmente produtos culturais catalogados de ciencia ficción? Hai algún elemento neles que fose determinante na creación da novela?

Seguramente máis cine que literatura, mais todos aportan o seu, por asimilación ou rexeitamento, dende 2001, unha odisea espacial até Ex-machina, que creo que é a última que vin. Entremedias destacaría Ghost in the shell (a de animación). E non esquecería Futurama. E se tivese que encadrar as IAS de Limiar de conciencia nalgún ‘prototipo’ cinematográfico serían entre HAL 9000 e Samantha de Her, por non intentar replicar a corporeidade humana. En canto a textos, sen dúbida influíronme os clásicos do xénero, incluído Neuromante. E dende logo lecturas sobre neurociencia, psicoloxía cognitiva, e temas afíns.

- Despois do éxito de Sangue 12 tanto na crítica como no público, sente presión ó publicar unha nova novela no mercado e cunha temática distinta?

Sempre sentes expectación por como se recibe o que publicas, pero igual presión é moito dicir. En principio non teño intención de escribir Sangue 13, perderíase o xogo de palabras-números do título, e, sobre todo, prefiro explorar outros vieiros. Despois de Sangue 12 publiquei outro libro, Á busca da orixe perdida das especies, que foi premio Carvalho Calero 2014, un conxunto de relatos ao redor da memoria con distintos enfoques. Como a memoria, a linguaxe, a construción da identidade, a mestura de ciencia e literatura, están en moito do que escribo, senón en todo, busco tratalos de xeitos diferentes.

- Para rematar. Ten algún proxecto literario en marcha do que nos poida adiantar algo?

Teño, pero agora mesmo non podo adiantar nada del.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page