top of page

Recensión: Andrea Barreira, Non hai luz sen escuridade


Título: Non hai luz sen escuridade Autora: Andrea Barreira

ilustración da capa: Jose Ángel Ares

Revisión lingüística: Raquel Vila Amado Editorial: Urco Editora ISBN: 9788415699682 Nº de páxinas: 194 páxs

 

Sinopse:

Non hai luz sen escuridade é a primeira novela da brañega Andrea Barreira e cóntanos a historia de Lea, a Princesa da Escuridade, que leva desde que era unha nena a se debater entre o que os seus pais agardan dela e o medo que lle dá aquilo en que pode converterse. Cando chega o momento de facer a viaxe que a levará a atopar o dragón que lle pertence, Lea sae por primeira vez da escuridade dos seus dominios e agarda poder atopar a luz que vira unha vez sendo unha meniña. Ao longo da viaxe atopará moitas persoas novas e fará amizades, entre elas, Sarxa, a princesa das fadas, un ser totalmente antagónico a ela, ao tempo que adquirirá coñecementos, tanto de maxia negra como de maxia branca, e descubrirá cousas sobre si mesma.

 

O xénero fantástico é, nos últimos anos, o preferido polos lectores dentro da literatura xuvenil. Pese a que os elementos centrais das obras deste xénero sexan os mundos fantásticos construídos dende a imaxinación, @s personaxes valentes e brav@, a maxia e unha misión ou obxectivo dos protagonistas; hai historias que reflicten o nacemento de novas tendencias dentro da fantasía.

Non hai luz sen escuridade é unha desas novelas. A primeira historia de Andrea Barreira é un libro no que o clásico camiño da heroína comeza dende a senda do autorecoñecemento, da propia introspección. Lea non é unha personaxe xa conformada dende o principio da historia, senón que descóbrese a si mesma ó mesmo tempo que nós a ela. A misión desta rapaza é dobre, atopar ese dragón que lle pertence e atopar a súa esencia.

A luz ao seu redor foise atenuando e o silencio volveu rodeala. <<Que cren? Non me coñecen, nunca a viron... Nin imaxinan do que son capaz.>>. Porén, sabíao ela? Non estaba moi segura de ser suficientemente consciente do que entrañaba a súa persoa, mais tampouco tiña claro querer descrubilo. (páx. 20)

Nesta aventura critícase moitísimo toda aprendizaxe imposta e cuestiónanse os principios máis básicos dos individuos que hai nestas páxinas. A sociedade neste mundo divídese segundo as leis morais en dous tipos de individuos que sen embargo a protagonista quere discutir. Veremos a parte máis escura e negativa de Lea así como a súa face máis tenra e sensible. Unha aventura no que o mal e o ben non caen no vitimismo nin na exaltación dos que o fan.

A autora tamén gusta de introducir o xogo de apariencia-realidade e proba diso son tanto as personaxes, como Eume "o ser dos mil rostros" (páx.56), como as propias situacións e dificultades que xorden no camiño da protagonista. A incapacidade de ver a realidade, propia dos procesos de autodescubrimento, trasladase mediante este xogo literario con maior facilidade ó lector.

Respecto da construción da propia novela é preciso anotar a presenza de capítulos non extensos onde hai moito mimo en presentar as características psicolóxicas dos personaxes e introducir un estilo propio a cada un. A tradición e o misticismo tamén teñen representación na elaboracións de brebaxes ou na realización de cerimonias máxicas ás que os lectores asisten polo potente e voluntario contido visual da prosa da autora.

Ao caer a noite as bruxas crearon debuxos con candeas escuras. Colocaron a Lea no centro e a luz da lúa chea bañouna até que quedou presa dos seus raios. Espírona con coidado até que quedou núa. Sobre a súa pel pintaron con terra as runas que aínda non se formaron. Mentres o facían, ergueuse unha brisa que lle revolveu o cabelo, que lle caía até as nádegas. Ao rematar as feiticeiras colocáronse ao redor. O luar enchía cada recuncho do seu corpo volvendo vermellos os seus debuxos. O ceo comezou a chorar e as súas bágoas crearon novos símbolos de barro sobre a súa pel. (...) (páx. 83)

Da outra banda compre sinalar que nos primeiros capítulos as transicións entre espazos e situacións poden resultar moi abruptas e as resolucións dalgúns momentos tamén, aínda que cara ó final ese problema é case totalmente inexistente. Coido que os espazos precisan un pouco máis de traballo, é unha pena deseñar un mundo e non explotalo aínda máis no aspecto territorial.

É imposible esquecer dentro de toda a crítica social que se atopa na novela a necesaria visión de xénero da que a autora dota estas páxinas. Pese a non ser un tema principal na novela, non esquezamos que Lea é unha rapaza polo que tamén ten que loitar contra o sistema heteropatriarcal implícito tamén na súa realidade.

- (...) Educáronme para protexer damas en apuros!

Entón Sarxa lembrou o nacemento de Amadeo, príncipe do Reino dos Ríos. Ao igual que de Lea, agardaban moito del. Fora educado para ser protector de princesas e de reinos en apuros, mais o estraño era que estaba destinado a protexelos de seres como a feiticeira, polo que a fada non comprendía a súa insistencia.

- Ves que precise axuda?- a cara de Lea amosaba escepticismo.

- Tes todas as características dunha dama en perigo.

- Nin son unha princesa, nin corro perigo. Mais ao mellor estalo ti. (páx.111)

Coido que esta novela é unha boa estrea literaria de Andrea Barreira. Unha autora que ilustra a necesidade do cambio de tendencias dentro da literatura fantástica, incluíndo unha xa obrigatoria perspectiva de xénero e que promete moito neste eido da literatura galega.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page