top of page

María Alonso: "A escrita é un proceso lento, senlleiro e, ás veces, un pouco traumático porque


María Alonso é unha das malas herbas que abrollou en Matamá, na veciñanza de Vigo, nunha primavera ao cabo da infame década dos setenta. Licenciada en Filoloxía Inglesa e Hispánica, doutorouse no 2014 pola Universidade de Vigo.

Despois do cataclismo é a súa primeira novela, que complementa outros textos publicados en Madrygal, Elipse ou Contos Estraños. Ten gañados os accésits do XXXVIII Premio Modesto R. Figueiredo e do Premio Universidade de Vigo do 2014 con cadanseu relato.

Transmigrantes. Fillas da precariedade (Axóuxere, 2017) é a súa máis recente publicación.

Texto e fotografía: Ficha da autora na web de Urco Editora.

 

- Cando soubo María Alonso que lle gustaba escribir?

Pois aínda non teño moi claro que me guste. Gústame ler e falar de libros pero escribir, polo menos no meu caso, supón un esforzo titánico. Tardo moitísimo en rematar tanto relatos como novelas, e fágoo despois de meses ou anos de obsesión total porque en canto me meto nun texto, para min non existe nada máis. A escrita é unha especie de necesidade, a necesidade de contar historias; mais é un proceso lento, senlleiro e, ás veces, un pouco traumático porque desas historias xorden todo tipo de pantasmas.

Todas as obras de María Alonso. (Imaxe cedida pola autora)

Lembro que escribía na adolescencia relatos que lía ás compañeiras de clase nos recreos. Despois comecei a traballar moi nova e aí acabóuseme a inspiración. Foi ao rematar a universidade, despois de estudar dúas filoloxías e de ler centos de libros de tradicións literarias do máis diversas, cando volvín retomar isto da escrita. E fíxeno do xeito máis anti-natura, roubándolle horas de soño á noite porque eu son das que escribo de madrugada, antes de ser persoa.

- Cal é o xerme de Despois do Cataclismo (Urco, 2015)? Que supuxo para vostede a súa publicación?

Despois do cataclismo supuxo un proceso de aprendizaxe brutal. A historia en si fun quen de visualizala unha mañá coma se fose unha especie de aparición mística. Tiven a trama e as personaxes claras desde ese primeiro momento, mais o difícil foi plasmar todo este mundo distópico no que se encadra a novela sen ter un referente apropiado. Atopei na tradición celta e no rural galego os imaxinarios que precisaba para contextualizar a novela. A teoría feminista, por suposto, axudoume tamén a definir ás personaxes. Tiven todo moi claro dende un principio, pero o proceso de escrita durou máis de tres anos.

A súa publicación foi posiblemente un dos momentos máis máxicos da miña vida. Deume a oportunidade de entrar nun mundo apaixonante e de coñecer xente marabillosa. Decateime tamén entón de que isto da escrita non ía ser un proceso sinxelo, senón que é un traballo que ten que ser tomado moi en serio. Din cunha editora coa que dende o principio tiven moi bo "feeling" e facilitoume moito as cousas. Coido que foi a partir do momento da publicación no que decidín que non ía escribir por escribir, senón que soamente lle dedicaría tempo (anos no meu caso) a textos nos que realmente creo e que teñen unha motivación detrás que vai máis alá o simple feito de publicar.

- Cre que é correcto dicir que esta novela discute as xerarquías impostas pola historia e a sexualidade?

Si, e todo isto fíxeno cuestionando a idealización que eu mesma tiña da cultura celta. Un dos meus mellores amigos é arqueólogo e sempre que iamos de excursións rematabamos nalgún castro de alí ou acolá no que nos soltaba unha charla sobre a historia castrexa e do celtismo atlántico. Todas estas charlas serviron de semente xa que sempre me chamou a atención a versión tan crúa que ofrecía daquelas xentes de outrora. A distopía, neste caso, atopeina no pasado de Galiza; un mundo extremadamente bélico, misóxino e xerarquizado no que a muller era considerada un ben do máis prezado pola súa capacidade reprodutora.

No 2009, cando comecei a escribir Despois do Cataclismo, eu xa coñecía ben a novela de Margaret Atwood The Handmaid’s Tale na que se normaliza socialmente a cousificación do corpo feminino como ventre de alugueiro. Daquela aínda non existía o debate que existe agora, mais a min xa me chamara a atención e por iso hai unha relación máis que evidente entre a distopía de Atwood e a miña propia distopía castrexa.

- Que a novela admita varios niveis de lectura é un feito voluntario?

Non é casual, mais a maior parte dos textos de ficción teñen diferentes niveis de lectura. Eu son moi postmoderna nese aspecto e considero que, unha vez rematado o texto, este pertence ao público lector e non á autora ou autor. Despois do cataclismo xerou unha serie de reaccións do máis interesantes para min como escritora, moitas destas reaccións relacionadas coa violencia dalgúns episodios. Entre as diferentes lecturas que tivo, chamoume a atención a diversidade de achegas e iso xerou un debate interno moi produtivo. Eu, como filóloga e doutora en literatura, tiña unha visión moi académica do texto. Pensa que para a miña tese de doutoramento, que escribín á vez que escribía a novela, tiven que familiarizarme con todo tipo de teorías postcoloniais e feministas, polo que hai referentes teóricos moi claros para min en Despois do cataclismo, pero que a unha lectora de fóra do ámbito académico poida que se lles escape, e non por iso a súa lectura é menos válida.

- Cre que á humanidade viríalle ben regresar a época castrexa?

Non, e menos a unha distopía como a de Despois do cataclismo. Hai anos que deixei de idealizar calquera tipo de tempo pasado.

- Cales son as influencias literarias de María Alonso que están presentes na súa escrita?

Pois de todo tipo. Levo toda a vida lendo. Lembro que de pequena a miña nai traía prestados libros da filla da súa xefa para que lera eu porque na casa non había cartos para mercar nada fóra de nadal o do meu aniversario. Despois de adolescente xa aforraba eu da paga para mercar os libros que quería e que eran, na maior parte dos casos, clásicos da literatura. Lin a Metamorfose de Kafka con trece anos e non entendín nada pero pensei que era ese tipo de literatura a que quería ler. Tamén teño un recordo moi claro de estar lendo Cien años de soledad e quedar alucinada. O realismo máxico e as literaturas poscoloniais foron as miñas materias favoritas durante a carreira até o punto que decidín facer a miña tese de doutoramento sobre o tema. Agora estou moi interesada no uso da violencia brutal na nova narrativa latinoamericana, polo que os textos que estou a ler son ben distintos esteticamente, mais non no fondo xa que o realismo máxico non é outra cousa máis que violencia disfrazada de folclore.

Éme moi difícil atopar un texto que me apaixone, pero tamén é difícil atopar un texto que non me guste. Eu son das que intento sacar todo o posible de cada novela que leo, polo que sería moi complicado falar de influencias literarias. As influencias, máis que literatura, atópoas na vida real; nesas historias que motivan que lle dedique anos da miña vida a escribir unha novela.

- Falemos da última novidade súa en librarías. Como xorde Transmigrantes. Fillas da precaridade (Axóuxere, 2017)?

Transmigrantes. Fillas da precariedade é un ensaio que publicou Axóuxere a comezos deste ano e cuxa intención é a de achegarse, dun xeito crítico, aos condicionantes e posíbeis consecuencias da nova diáspora galega. O ensaio ofrece unha visión que intenta complementar ao resto de interpelacións que xa existen sobre o tema e que, sobre todo dende o 2014, intentan cuestionar o discurso dominante e hiperpositivo dobre esta nova diáspora. A través das redes sociais, que as veces funcionan como medio de comunicación inmediato, chegáronme respostas do máis xenerosas, sobre todo de membros desta nova diáspora que se ven reflexadas no contradiscurso que Transmigrantes busca ofrecer. É máis, persoas que non emigraron nunca e que non teñen a máis mínima intención de facelo tamén tiveron a ben pórse en contacto comigo para dicirme que a pesares de non pertencer ao colectivo transmigrante, si se viron reflexadas nas historias de precariedade das que fala o ensaio.

(Imaxe: Diario cultural da radio galega)

Tamén están os comentarios, recensión e críticas que falan de Transmigrantes como o primeiro texto que aborda o tema da nova diáspora dende esta perspectiva, e sería sumamente inxusto pola miña parte non dicir algo ao respecto. Transmigrantes non é o primeiro contradiscurso dispoñíbel, e estou segura de que non será o último. Teño a impresión de que había urxencia por abrir en Galiza, dado o noso pasado emigrante, un debate sobre o presente desta xeración que ten feito as maletas a partires da mal chamada crise do 2007. Ou pode que a recepción de Transmigrantes como o primeiro texto que aborda esta temática veña dada pola falta de perspectiva temporal ou polo descoñecemento que existe sobre o que se está a facer dende o exterior.

- Pensa que as teorías poscoloniais e do subalterno son as máis axeitadas para achegarse a cuestión feminina (e feminista)?

En Transmigrantes falo da emigración tanto de homes como de mulleres utilizando o feminino xenérico. Do que non hai dúbida é que é preciso adoptar unha visión feminista á hora de achegarse ao tema da emigración e da precariedade xa que, por exemplo, na última enquisa de sobre os datos de emprego, os datos oficiais indicaron que o 96% de persoas que perderon o seu emprego durante o último mes de novembro foron mulleres. Iso sitúa ás mulleres nunha situación de vulnerabilidade que en calquera outro contexto sería inadmisible, pero que para nós parece que pasou a ser algo anecdótico. As teorías poscoloniais e do subalterno, no meu caso en particular, axúdanme a entender o que acontece ao meu arredor e a adoptar un posicionamento crítico no referente a todas estas cuestións que a min me afectan directamente xa que son muller, adulta, pertenzo ao precariado transmigrante e vivo fóra querendo vivir no meu país de orixe.

- Ten algún traballo en marcha da que poida adiantarnos algo?

Pois o vindeiro ano publicarei unha nova novela que comecei a escribir antes mesmo que Transmigrantes e que tamén trata o tema da emigración. É unha novela cunha estrutura tripartita que fala do pasado, do presente e do futuro da migración galega empregando técnicas narrativas diferentes que van dende o realismo máxico até o distópico, pasando polo costumismo. Tamén teño outra novela rematada e que nestes momentos se atopa en proceso de avaliación. Trátase dunha novela negra na que me meto de cabeza no mundo sórdido da trata de mulleres e no feminicidio. Ademais teño dous relatos en galego que se publicarán nunha antoloxía o vindeiro ano e outros dous en inglés que se publicarán en diferentes medios escoceses.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page