top of page

Recensión: María Victoria Moreno, Guedellas de seda e liño


Título: Guedellas de seda e liño Autora: María Victoria Moreno Editorial: Galaxia

Colección: Costa Oeste (97)

Fotografía da cuberta: Shutterstock/kittirat roekburi ISBN: 9788491510710 Nº de páxinas: 152 páxs

 

Sinopse:

Unha novela chea de contrates, na que a nobre delicadeza do ambiente pacego habitado polos seus protagonistas contrasta vivamente coa ruindade sempre ao axexo dalgúns personaxes que por alí roldan. Escrita coa pulcritude estilística e o rigor construtivo que caracterizan a literatura da autora de Anagnórise, esta novela prescinde das convencións máis rutineiras da narrativa xuvenil e convídanos a compartir un mundo complexo, unhas veces radiante e outras veces noxento, que ten no amor a súa última e verdadeira xustificación.

Incluído na lista White Ravens 2002

 

A mellor maneira de comezar este ano 2018 no que se homenaxea a escritora e mestra María Victoria Moreno, imposible separar ambas facetas, é unha revisión dalgún dos seus títulos. Por iso non hai maneira mellor de achegarse a súa figura que cunha das súas obras máis coñecidas, Guedellas de seda e liño (1999) que Galaxia reeditou recentemente.

A autora tece unha historia co fío de historias persoais ligadas nun mesmo territorio. Un panorama da vida de individuos con distinto peso e poder adquisitivo que introduce tanto adolescentes como adultos. Unha historia con recendo ós anos setenta e oitenta onde a problemática do narcotráfico e o consumo de drogas son realidades habituais para os mozos e mozas galegos.

Descubría que naquelas terras privilexiadas e únicas era posible vivir ao mesmo tempo moitas vidas, desde a liberdade ardida do mar ata o agarimo manso do solo natal. (...) Sentiuse o vindeiro posuidor da palabra e de todas as cousas que as palabras evocan, e de todos os lugares onde as palabras chegan e de todos os tempos nos que as palabras xorden. (páx. 25)

Este libro ten unha estrutura moi peculiar e sistemática. En case todos os capítulos presentásenos a unha nova personaxe da que coñeceremos as súas relacións cos demais dunha maneira indirecta. Isto permite a autora crear capítulos curtos nos que a descrición dos novos personaxes é sintética e pulcra. Esa pulcritude tamén se observa no texto, sen aderezos de ningún tipo e con sentenzas directas.

O que se teme, ás veces, realízase coma un regalo da vida e o que se arela pode despois descubrirse coma un treito costento no camiño. Son así as cousas e non lles hai que facer; foron así sempre e seguirán sendo así. (páx. 62)

O mellor do libro quizá sexa que a vinculación dunha excesiva cantidade de personaxes nun mundo tan pequeno non sexa caótica. Os fíos "de seda e liño" que se entrecruzan no libro, manteñen a súa tensión durante toda a historia. Interesante tamén é a denuncia do amor tóxico , o consumo de drogas e o narcisismo que se respira nas páxinas.

En resumo, Guedellas de seda e liño é unha panorámica moi interesante da Galicia dos anos setenta e oitenta. Unha novela marcadamente xuvenil onde a crítica social mestúrase coa pulcritude no estilo e un ritmo moi agradable de lectura. Outra proba máis de que estamos ante unha autora merecedora de presidir este ano literario.

 

Para producir e publicar recensións, iniciativas culturais e entrevistas de calidade sen recorrer a publicidade, este blogue ten como financiamento único unha campaña de doazóns mensuais en Patreon. Podes participar nela dende un euro ó mes e, grazas a iso, contribuirás a manter este espazo e a publicación frecuente de contido.

https://www.patreon.com/palabradegatsby

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page