top of page

Andrea Barreira: "Cando enviei a Lea a viaxar non estaba pensando nas persoas adolescentes"


Andrea Barreira Freije, (A Fonsagrada, 1986) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en comunicación medio-ambiental, social e internacional.

En 2015, publicou a novela xuvenil de xénero fantástico, Non hai luz sen escuridade, baixo o selo de Urco Editora.

Participou nas antoloxías colectivas Lendas de Gallaecia, Segunda Era e Encontros na Terceira Era, de Contos Estraños, Tebras na Alma, e Contos de Verán (Redelibros), para un público adulto. Colaborou en Ilusionaria IV, antoloxía solidaria de contos para crianzas e escribiu historias infantís na web de promoción da lectura Boolino. Ademais imparte obradoiros de narrativa para adolescentes e adultos en Gestión Cultural_Taller Abierto (Pontevedra).

A isto, súmanse os traballos como tradutora, dependenta... e o actual estudo de pedagoxía.

Texto e fotografía: Ficha da autora en Urco Editora

 

- Cal é o xerme de Non hai luz sen escuridade (Urco, 2015)?

Non hai luz sen escuridade xurdiu dunha casualidade e dunha necesidade. A casualidade produciuse no momento no que Xoan Escudero me animou a escribir un libro para unha editorial que estaba nacendo e buscaban manuscritos. Ao principio mireino con escepticismo, pois viña do mundo dos relatos e era un salto que non me vía capaz de dar. E de aí a necesidade. Despois de pensalo, decidín pórme a proba… Tampouco perdía nada por intentar escribir algo e Lea era unha personaxe que levaba comigo moito tempo... Segundo ía avanzando tamén tomei consciencia de que podía facelo: era quen de rematar unha novela. Cando a terminei metina nun caixón pensando: “Ala, puiden”, pero non a mandei a ningures ata que Urco sacou a liña xuvenil. E dar ese paso tamén foi un reto.

- Cales foron as influencias para crear o mundo e as personaxes?

Como che comentaba antes, Lea sempre estivo comigo. Non tiña ese nome, pero si ese carácter. Era quen me axudaba a durmir nas noites de insomnio. Podía levala ao escenario que quixera, pechaba os ollos e imaxinaba distintas historias: ora de feiticeiras ora de piratas. Desde nena fun moi lectora. Axiña me gustaron as bruxas, era moi seguidora de Roald Dahl e Michael Ende. A eles sumáballes as lendas locais e galegas en xeral que devoraba imaxinándome mundos cheos de fadas, mouras, bruxas e trasgos. Tamén crecín na época na que comezaba a poboarse a literatura galega de personaxes femininos da man de autoras como Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre ou Agustín Fernández Paz. Cos anos coñecín a filmografía do Estudio Ghibli. Aí abríronseme moitos mundos que se semellaban aos que se formaban na miña cabeza.

- A viaxe de Lea é tanto física como espiritual. De feito sae da súa “zona de confort” e obrígase a crecer, un pouco un simil do paso da adolescencia a idade adulta.

Relacionamos crecer, cambiar… co paso da adolescencia á idade adulta, pero eu creo que son pasos que non deberiamos deixar de dar. Cando enviei a Lea a viaxar non estaba pensando nas persoas adolescentes, senón en cada momento no que temos que pararnos, observarnos e aceptarnos ou coller folgos para avanzar. Era o que estaba a facer eu! Permiterme facer algo que nunca me atrevera e tiña 25 anos… É certo que nas crianzas e na etapa adolescente os cambios, a aceptación, a rebeldía é maior, pero esquecémonos de que non deberían quedar aí. Hai que avanzar, cambiar as cousas, ser cada día mellor… E tamén aceptarnos. Ou é algo que só temos que facer entre os 12 e os 18 anos?

Mesa de traballo da autora xunto con algúns manuscritos da novela. (Fotografía cedida pola autora)

- Penso que é importante o feito de que sexa unha muller a protagonista da historia porque esa escuridade inculcada no seu ADN é un pouco reflexo da sociedade na que nace, do mesmo modo que a muller na sociedade patriarcal. Lea forma parte, ao igual que cada unha de nós, dun contexto, dunha realidade, dunha sociedade. No mundo de Lea todo parece moi claro: ten que relacionarse con A, B e C e non con X, Z; ten que ser mala e facer maldades. Punto, xa está. Nós non estou segura de que vivamos nunha sociedade tan clara. Dame a sensación, cada ano maior, de que sempre estamos na tesitura de que fagamos o que fagamos estará mal: o que vistas, o que digas, o que fagas, as túas decisións... sempre xulgadas ao mínimo detalle. Ser muller non é fácil, nin aquí, nin en ningún dos mundos que creo. É unha loita constante por ser quen queres ser e, ás veces, moitas, a culpabilidade, as presións sociais… non nos deixan ver se o que queremos é real ou é imposto, se o que somos é real ou se seguimos un patrón/papel esixido. Entón toca aprender, unha e outra vez, toca coñecerte para manterte firme ante quen decide que es boa/mala (nai-amiga-compañeira-empresaria-traballadora-escritora-investigadora-informática-editora-crítica… dame igual a orde ou a situación, sempre é a mesma), para ser consecuente e consciente das túas decisións... Empoderarte, en definitiva. Cousa que tamén agardo das miñas personaxes.

Manuscritos da novela e dalgún dos seus relatos en Contos Estraños. (Fotografía cedida pola autora)

Con respecto ao principio da pregunta, eu iría máis aló. As mulleres somos, temos que ser, ou unhas santas/princesas maleables e controlables ou unhas bruxas/malvadas porque non nos deixamos controlar e buscamos os nosos propios referentes. Eu non quería que Lea fora unha santa pero tampouco quería que non se vira o seu contexto, as expectivas que se xeran ao seu redor… Porque ao final todo iso inflúe no xeito de ser de cadaquén, ben por asimilación, ben por oposición. E malia todo iso, quería darlle a Lea o dereito a ser quen quixera ser, aceptando o seu lado malo e o seu lado bo. Ao final Lea é unha personaxe ambigua, contraditoria moitas veces, aínda que para min sexa a parte escura da realidade. Unha parte tamén necesaria.

- A aparición de Sarxa indica tamén que na propia vida o antagonismo é relativo porque o ser humano non é completamente hermético. O antagonismo moitas veces vai nos ollos de quen mira, na boca de quen fala, do que queremos crer, escoitar… Moitas veces, non sempre, é unha cuestión de incomprensión e de non querer entenderse. Lea e Sarxa veñen de dous mundos nos que lles ensinaron que non se poden levar ben, que teñen que ser inimigas porque representan opostos, porque Sarxa é boa e Lea é mala. Escolleron por elas. Porén, deciden saltar esas aprendizaxes, superalas, porque se decatan de que xuntas son máis fortes, de que xuntas poden cambiar elas e cambiar as cousas… É unha cuestión de elección. Escollemos con quen nos relacionamos por afinidades, pero estas veñen de moitos lados: da infancia e das vivencias, do modo de ver e estar no mundo, da etapa da vida na que estamos, do noso entorno…

- Antes de publicar a novela, participou en algunhas publicacións colectivas e na revista Contos Estraños. De feito, isto é relevante porque na miña opinión hai un peso importante da estrutura do relato e a narración tradicional na novela. Qué opina vostede? Gústame escribir relatos, e aí Contos Estraños abriume moitas portas. Un relato permíteme experimentar, probar estructuras, xogar coas personaxes e ver como reaccionan, ata onde podo moldear as tramas, centrarme no pequeno, no detalle… Tamén son afeccionada ás lendas e aos contos, aos monicreques… Na novela esa oralidade, esa narración tradicional, non é buscada aínda que supoño que vén influída dos obxectos e personaxes que Lea vai atopando no seu camiño. Están tan integrados, téñoos tan interiorizados que supoño que saen sós.

- Séntese cómoda escribindo novela fantástica? Cales son as súas lecturas de cabeceira neste xénero?

Si, é o xénero no que máis cómoda me sinto. Na fantasía pódese falar de calquera tema que nos envolve e a realidade sempre nos asolaga, miremos cara a onde miremos. É un xeito de evadirse sen perder a consciencia da realidade na que estamos. Non son unha persoa de libros de cabeceira porque vou por etapas de lecturas compulsivas dun xénero ata que me farto e paso a outro e así unha e outra vez, para que vexas estou en modo acabar os libros de Jane Austen, devorar Margaret Atwood con paróns para distopías e ciencia ficción como a de Cris Pavón, a piques de poñerme con Angela Carter e rematando Entrebrumas de Hope Mirrlees...

Pero xa que me preguntas, se tivera que escoller libros de fantasía lidos ao longo da miña vida, quedaríame con Momo de Michael Ende, Matilda de Roald Dahl, lidos na infancia; Harry Potter de J. K. Rowling, Tolkien, lidos na adolescencia; Sangue doce de Cris Pavón, Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer azul de Begoña Caamaño que se ben non se entenden como fantasía teñen unha temática lendaria, ou calquera dos libros de Ledicia Costas, aínda que teño debilidade polas mulleres planta. Como podes ver son un pouco contraditoria entre as miñas lecturas e o que escribo.

- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha do que poida adiantarnos algo? Proxectos, moitos. Para min escribir implica evadirme, así que sempre teño a cabeza noutros mundos. Aínda por riba, canto máis estresada estou máis ideas teño… Teño en repouso unha historia e un par delas comezadas… Pero non son moito de falar destas cousas ata que as teño rematadas, supoño que por evitar as présas e expectativas. Gústame disfrutar do camiño, vivilo, coñecer as miñas personaxes e iso leva tempo.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page