top of page

Sabela González: "A natureza e as paisaxes de Landereina son coma as de Galicia pero “ao bestia


Nacín en Burela en 1981, pero dende hai máis de quince anos vivo en Vigo, onde estudei Tradución e Interpretación. Actualmente, traballo na Universidade de Vigo como técnica de proxectos internacionais. Son tamén blogueira afeccionada, debuxante empedernida e poeta esporádica. Todas estas cousas compártoas no meu blog Gramática de Corpos (que podes atopar en www.sabelagonzalez.com) e, algunhas ilustracións, tamén, na Revista Dot.

Publiquei o meu primeiro libro, Bágoa de Lúa, a primeira parte da triloxía As Crónicas de Landereina, en xuño de 2013. A segunda parte, Feitizo de Sangue, veu a luz en febreiro de 2015, e no nadal de 2016 saíu do prelo o terceiro e desenlace, Sangue de Lúa.

Texto: Ficha da autora na AELG (http://www.aelg.org/centro-documentacion/autores-as/sabela-gonzalez).

Fotógrafo: Eduardo Castro Bal

 

- Como xorden As crónicas de Landereina?

Quen primeiro naceu de toda a saga, por extraño que poida parecer, foi o rei Bogardo. Corría o ano 2001 e eu estaba de Erasmus en Francia. Teño gravado un momento concreto de darlle voltas á historia do rei Bogardo, sentada no sofá cama plegable daquela casa de aluguer, coa tele de fondo con Xena ou algunha serie similar, en français, para practicar. Quería escribir con el un conto de fantasía “clásica”, de reis e castelos de pedra, mais Bogardo parecíame estereotípico de máis, non me acababa de convencer. Así que empecei a crear xente, terras e historias ao seu redor, dei en tirar para atrás na súa estirpe ata dar coa traxedia máxica clásica que me convencera e ata dar cos descendentes axeitados para lle dar solución. Así, o conto convertiuse en historia longa, e a historia longa partiuse en tres para que se dixerise máis facilmente e o meu conto acabou sendo crónica dunha terra inventada, paseniño, ao longo de moitos anos.

Todos os libros da saga. (Fotografía: www.sabelagonzalez.com)

- Cales foron as influencias literarias no eido da literatura fantástica para Sabela González?

A influencia máis forte a nivel de fantasía clásica, especialmente á hora de escribir as Crónicas, foi para min Ronja, de Astrid Lindgren, pero penso que tamén tiveron peso durante a escrita as Crónicas de Narnia: lin os sete libros en francés, para practicar, mentres collía forma a historia inicial. A pesar de que non diría que os libros de Narina son dos meus favoritos, si que penso que tiveron unha grande influencia en min e nas miñas lecturas posteriores. Son un bicho raro, quizais, que chegou a Tolkien por C.S. Lewis no canto de ir ao revés. Nos últimos anos, iso si, engadín novos favoritos entre os que destaca especialmente Neil Gaiman. Por que tardaría eu tanto en descubrilo!

- Como foi o proceso de planificación dun mundo tan complexo como é Landereina?

Leeeeeento :) Hai que ter en conta que todo o mundo das Crónicas e a súa historia se desenvolveron paseniño mentres me ocupaba eu doutros mesteres, como rematar a carreira, facer “medio” doutoramento, facer un máster e traballar. Retomaba o relato de cando en vez cando conseguía resolver como seguir onde quedara atrancada; outras veces o que retomaba era o deseño do mapa das terras de Landereina para apoiarme nel de cara a non me perder na historia. Tamén acompañaba a narración dunha árbore xenealóxica e dunha liña temporal na que anotaba nacementos, mortes e outros acontecementos. A maiores, por frikismo puro, fun creando unha linguaxe propia co seu alfabeto e a súa gramática. Así pois, a planificación complicouse pero penso que en gran parte se complicou porque me entretiven eu en complicala mentres a verdadeira narración non daba andado ou se paraba por falta de tempo ou de solucións ao acontecido. Resumindo: rodeeime de planos, notas, mapas mentais e de ideas e fixen moitos, moitos garabatos e así o mundo de Landereina foi tomando forma.

- Galicia e Landereina teñen algo en común?

Moito! Cando falo das terras de Landereina nos encontros cos coles sempre digo que a natureza e as paisaxes de Landereina son coma as de Galicia pero “ao bestia”; unha mestura entre Escocia e Galicia, se cadra. O reino de Landereina ten rías, inspiradas nas nosas rías, se ben as súas están orientadas ao sur no canto de cara ao oeste, pero a inspiración aí está. Eu imaxino Landereina moi verde e montañoso, con costas escarpadas nalgunhas zonas e rocheiros densos e escuros, mais tamén con praias rodeadas de vexetación baixa, ríos cubertos por árbores altas e outeiros frondosos.

Mapa de Landereina. (Ilustración da autora)

Na miña vila, Cervo, hai unha ruta, o Camiño Real, que vai a carón do río Xunco e no que a vexetación é moi espesa e a terra húmida, e nel parece que estea unha perdida nun bosque. Este camiño foi a miña inspiración para o bosque de Etlual. Ah! E as illas de Svörie están inspiradas nas Cíes. Ser son moito máis altas e algo máis grandes pero tomei a forma e perfil das Cíes moi conscientemente para as crear.

- Cada personaxe ten un nome peculiar e un traballo de caracterización moi relevante. Resulta complexo traballar con tantas personalidades e circunstancias persoais?

Ao principio si, a verdade. De feito, unha das miñas maiores preocupacións sempre é non ser coherente coa personalidade dos personaxes: paréceme que é moi importante ser fiel a cada un e cada unha coma se fosen persoas reais (na miña cabeza, sono, teñen que selo), pode haber unha evolución na forma na que pensan ou actúan pero non deben facer cousas que non lles acaian. Os nomes non me deron tanto que facer, foron máis ben un divertimento para min. Moitos deles están inspirados, de feito, nalgún trazo caracterísitico do personaxe: procuraba nomes que levasen ese trazo no significado ou traducía a palabra a unha lingua que me gustase (case sempre gaélico, islandés ou sueco). As personalidades si que fan a cousa máis complexa, e divertida, claro. Eu intentei ter clara a imaxe dos personaxes na cabeza e intentei que cada un tivese algo na súa vida que os marcase para ter clara a súa personalidade e a súa forma de pensar, de falar, etc. Se cadra non o conseguín con todos, pero estou satisfeita co resultado.

- Nalgún momento tiveches a tentación de matar a algún dos personaxes principais ou de introducir outras subtramas?

Máis que matar, algún dos personaxes que acabou sendo principal, nun principio, non tiña gran relevancia e non volvía aparecer. Concretamente, Breihm. Breihm non era máis que un vello amigo de Bunm que lles axudaba a cruzar o río, ata o día no que me resolveu, sen comelo nin bebelo, o máis grande atasco que tiven ao escribir Bágoa de Lúa.

Grazas ao libro que lle dá a Berenguela, Breihm gañou un pasado e, pouco a pouco, importancia. A verdade é que é un dos meus personaxes favoritos, así que me alegro de que así fose. Así aprendín, ademais, iso de que os personaxes, ás veces, teñen vida propia: sempre pensara que era unha chorrada que dicían os escritores para se facer os interesantes, pero Breihm demostroume que cando queren, escollen eles sós por onde ir. Estoulle dando voltas porque penso que si que alguén morría e lle deixei vivir... pero non caio. Ademais, tentacións aparte, ás veces matar a personaxes parece a solución ”fácil” e o certo é que eu intentei complicarme a vida todo o posible.

- Güenaela e Berenguela son as dúas principais heroínas desta historia. Existen nelas trazos da súa personalidade en común con vostede?

Uhm... Se che digo a verdade eu con quen máis me vexo en común é con Cátaba, pero tamén é certo que lle teño debilidade. Berenguela se cadra comparte comigo as ganas de ver o bon na xente e de manter a inocencia infantil, ese intentar seguir fascinándose coas cousas novas e simples do mundo. E creo que tamén comparte comigo o mal xenio de respostas cáusticas e pouco meditadas, ehem... Con Güenaela creo que non teño moito en común: é máis reflexiva, pero péchase ao mundo cunha boa coiraza. Penso que me levaría ben con ela, pero non creo que nos parezamos.

Entrevista á autora en Libros Lectureka (Youtube)

- Wiasmau é un personaxe cun trasfondo traballadísimo. A concepción tan complexa do personaxe foi pensada a priori ou madurada durante a escritura das distintas entregas da saga?

A maioría do que conforma a Wiasmau foi pensado a priori: el dálle o sentido a toda a historia, aínda que nacese por culpa de Bogardo. É por el que se crea o eixo da trama, a Pedra de Lúa, e é por el polo que viaxamos na historia ata coñecer como un home, mellor persoa ou peor persoa, pero un home normal á fin e ao cabo, se convirte nun tirano cheo de odio. Si que é certo que ao escribir o segundo volume e o terceiro profundei en aspectos del que ao comezo non previra, pero tamén é certo que, se ben sabía todo o que tiña que acontecer na historia completa, non furguei nos detalles de moitos dos episodios ata me enfrontar a eles.

- Agora que a triloxía xa se publicou por completo. Cal é a túa valoración persoal do resultado?

Estou contenta, como non. Teño días de inseguridade nos que non sei valorar a súa calidade e temo que non teña moita, pero teño moitos máis días de estar orgullosa do traballo que fixen e de todo o tempo e esforzo que lle dediquei. A fin de contas, son os meus primeiros libros, aprendín moito grazas a eles e aprendín tamén que me queda un monte máis por aprender. Pero son a miña criaturiña, que está viva na miña cabeza. Ás veces digo que me gustaría que fose un só libro, telo feito todo de golpe e que se publicase tamén de vez. Outras veces penso que podía ser unha triloxía pero que había moito donde rillar para estender as subtramas e personaxes de cada libro. Vou e veño, que sempre fun cu de mal asento. Pero non hai que esquecer que as cousas pasan como teñen que pasar e que a miña vida ou mesmo as Crónicas serían outras nesoutras circunstancias. E gústanme as cousas como están agora :)

- Tes algún proxecto literario en mente para un futuro próximo?

Será por proxectos! A verdade é que hai uns cantos na lista de espera. Teño comezada unha historia infantil, unha xuvenil e unha de adultos. Teño notas para todas elas... e non máis dun par de parágrafos en cada unha. Velaquí a miña maior frustración actual: fáltame tempo, non me faltan proxectos. Supoño que pouco a pouco irei recuperando o meu tempo para volver facelo meu, mais polo de agora, co traballo e outros estreses e co meu pequeno cheo de actividade como está, non hai segundos libres para pararse a poñer unha palabra despois da outra. Pronto, espero, desexo.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page