Recensión: Manuel Sánchez Gálvez, Maelström Maelström
Título: Maelström Maelström Autor: Manuel Sánchez Gálvez Editorial: Galaxia ISBN: 9788498657210
Nº de páxinas: 100 páxs
Sinopse:
E se o Capitán Nemo estivese a vagar por Vigo dende o afundimento do Nautilus?
E se levase 150 anos atrapado na cidade por unha maldición da que non é quen de escapar? E se a súa historia se cruzace coa dunha muller dos nosos días e a súa filla de seis anos? Nesta súa primeira novela, Manuel Sánchez Gálvez revélase como un autor na procura dunha narrativa de aventuras que nos leva de viaxe polos universos de Verne e de Nemo, mais tamén polas dificultaces que unha muller moderna e triunfadora no mundo empresarial pode atopar cando o seu mundo, que cría seguro, se esboroa. Unha novela engaiolante.
Manuel Sánchez Gálvez fai o seu debut como novelista con este Maelström Maelström (Galaxia 2017), unha novela curta, debedora da súa traxectoria como narrador no relato curto, que foi finalista do concurso de novela por entregas de La Voz de Galicia. Nela amosa unha gran capacidade de síntese e un traballo bastante acertado coa tensión narrativa, tan difícil de acadar nunha primeira obra.
Esta novela articulase en dos eixos que podemos diferenciar tanto na temática como no formato do texto na súa edición. Por un lado temos as memorias recollidas no caderno, que son ó meu parecer, o máis traballado da historia e o contido máis literario da mesma. Nelas predomina a descrición e o traballo coa psique do narrador en primeira persoa nun relato cheo de tensión e que busca a empatía.
Aquela noite, de pé na plataforma do Nautilus, vin como enarboraba os seus tentáculos vinte ou trinta metros por riba da miña cabeza. Porén, malia a chuvia e a escuridade case absoluta, agás polo foco do Nautilus, sentinme coma nun lugar familiar. Ningunha inquedanza ensombrecía o meu corazón, ademais acadei un obsceno benestar físico que agora, ao pensar nel, faime sentir vergonza. (páx. 20)
No segundo eixo temos a trama na actualidade, nun ton máis urbano e cunha presenza destacada de elemento cotiás e de mass media. Esta parte da historia semella a escusa perfecta para introducir o tópico do "manuscrito atopado" máis non se limita a ser fío condutor senón que introduce outras temáticas como a necesidade da familia ou unha crítica sobre como ó consumo excesivo do móbil e a tecnoloxía pode deteriorar a calidade real de vida. Estes dous pés combínanse nun corpo de texto ben construído, cunha prosa amena que prescinde de retórica e que distingue moi ben a necesidade dun tipo de discurso en cada trama.
Ás veces xogo melancólico con outras versións da verdade (...) Non son quen de distinguir cal das miñas lembranzas se asemella máis a realidade, confórmome con mergullarme entre todas elas na procura dun consolo que non chega. (páx. 43)
En resumo, Maelström Maelström é unha boa maneira de comezar unha traxectoria novelística. Un libro que bebe das historias de Verne, con referencias explícitas, e que as homenaxea nunha historia moi breve pero intensa.