top of page

Recensión: Santiago Lopo, A arte de trobar


Título: A arte de trobar Autor: Santiago Lopo Editorial: Xerais

Deseño da capa: Miguel Vigo ISBN: 9788491212737 Nº de páxinas: 224 páxs

 

Sinopse:

No século XIII, unha "troupe" de artistas itinerantes procedentes de Galicia percorre os reinos do Camiño de Santiago. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galego-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Un códice oculto, a Inquisición, a herexía cátara e os segredos da alquimia uniranse ás cantigas medievais para conformar unha engaiolante trama nunha novela con grandes doses de intriga."A arte de trobar" é unha novela luminosa, escrita con felicidade e coñecemento, que non renuncia ao humor. Configurada a partir de capítulos curtos, é capaz de integrar unha trama implacable coa tradición máis notable de versos en galego e occitano. Documentada con rigor, e dotada dun ritmo moi áxil, "A arte de trobar" constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, que se escribiu en folla de pergamiño e con pluma de ave, á beira do mar.

 

A época medieval europea é un período bastante explotado na historia da literatura. É complexo aportar algo nun corpus tan inmenso onde xa se tocaron case todos os "paus" posibles. Sen embargo, este A arte de Trobar de Santiago Lopo resultou gañador do Premio Xerais 2017 polo que merece unha análise para atopar o segredo do seu éxito.

Esta historia presenta unha trama dobre que corresponde a herdanza de dous tipos de novela. A primeira sería a trama máis clásica protagonizada polas intrigas e problemas do clero e os gobernantes, que ilustra perfectamente a situación de inestabilidade en materia política, relixiosa e cultural na Europa do seu tempo. Fronte a esta, moi sinxela de atopar en calquera outra novela, atopámonos coa historia dun pequeno grupo de trobadores que ten o protagonismo no libro. Por suposto estas historias combinaranse nun final inesperado.

Persoalmente penso que na segunda trama está o interese deste libro. Lopo preséntanos a vida da clase popular non so mediante os seus divertimentos senón sobre os suxeitos que producen os mesmos. Este grupo de trobadores son a forma de introducirse na atmosfera artística da época. Na época de máximo esplendor da lírica europea, estres trobadores son o vehículo por excelencia dos xogos lingüísticos. O autor aproveita para introducir unha pequena parte da tradición lírico trobadoresca en galego-portugués así como o seu coñecemento, froito dunha rigorosa documentación, das cantigas medievais.

Os artistas falaban nunha lingua chamada galego, cuxa existencia eu ignoraba, pero que vós, coa vosa sabedoría, seguro que coñecedes. (páx. 57)

Irei a lo mar vee'lo meu amigo

preguntá-lo-ei se querrá viver migo, e vou-m'eu namorada. Irei a lo mar vee'lo meu amado; preguntá-lo-ei se fará meu mandado, e vou-m'eu namorada. Preguntá-lo-ei por que nom vive migo,

e direi-lh'a coita [e]m que por el vivo,

e vou-m'eu namorada.

Preguntá-lo-ei por que m'há despagado

e s'i mi assanhou a tort'[e] endõado,

e vou-m'eu namorada.

(páxs. 110-111)

A arte de trobar novela é moi agradable de ler. Estruturada en capítulos moi curtos cunha prosa moi áxil en combinación de períodos sintácticos curtos e longos, permítese introducir un compoñente satírico e humorístico no propio discurso. Pese a que existen breves momentos onde a tensión diminúe moitísimo, a súa correcta construción e a súa brevidade evita que a novela se descarte por culpa destes episodios.

En verdade, todas as linguas son fermosas cando se trata de trobar. (páx. 120)

En resumo, ante nós temos unha historia ben documentada, fresca e que semella escrita con tranquilidade. Un libro que presenta a lírica trobadoresca dende o punto de vista dos seus executores e que serve coma testemuña dunha das etapas de máis prestixio da historia da Galicia medieval.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page