top of page

"Raclette cociña a lume lento a realidade" (A Movida, 6/04/2018)

Onte tivemos ocasión de gozar en Vigo da peza máis completa de Ibuprofeno teatro. Unha obra que logra unha catarse en comunidade ó facer que o espectador forme parte de dúas ceas privadas, que se desenvolven simultaneamente, con distintos participantes e que aparentemente non teñen nada máis en común co seu menú.

Texto: David González

Fotografías: Dossier para prensa

 

Comecemos as notas deste espectáculo cunha confesión. Xa asistín tres veces a este espectáculo. Semella que isto fai que coñeza todos os seus aspectos e tamén que detecte as súas miserias con facilidade. Gustaríame que iso fose certo, máis este Raclette ten tantos ingredientes que supón unha experiencia distinta en cada posta en escena. Como é posible isto se texto, elenco, decorado ou outros elementos parateatrais son sempre unha constante?


Santiago Cortegoso tece un texto onde nada é observado dende unha verdade universal. Todas as personaxes teñen unha visión diferente dos mesmos referentes e iso fai que o espectador teña que escoller a cara da moeda coa que máis cómodo se sinta. Todos os temas que preocupan a sociedade teñen presenza neste texto: traballo, amor, alimentación, política, maternidade, cultura, arte, economía ou ética. O estado de ánimo ou as realidades de cada espectador favorecen maneiras distintas de enfrontarse ó que nel se conta.


O paralelismo é, por esta razón, un dos elementos que máis engrandece este espectáculo. Ademais de a nivel discursivo e na sucesión dos acontecementos, tamén pode verse no posto que ocupa cada un na mesa e na necesidade de que en moitas ocasións dúas persoas se despracen de maneira que semellen unha espello da outra.

O compoñente “gastronómico” do espectáculo é todo un espectáculo por si mesmo. En escena as dúas cenas suceden nunha mesma mesa polo que hai todo un arte cerimonial e coreográfico á hora de arranxar a mesa, preparar e incluso consumir os distintos alimentos que hai nesta Raclette. Saltamos dunha cea a outra e somos conscientes de onde estamos pese a aparente homoxeneidade escénica.


A construción do espazo escénico é todo un traballo de enxeño. Á bancada xeral do teatro engádese a posibilidade de ter acomodo no escenario nunhas localidades ó redor da mesa. Tiven a oportunidade de ver este pase dende esa posición e paréceme unha decisión brillante. Xa que favorecen moitísimo o efecto de inmersión, grazas tanto a sensación de proximidade cos personaxes e os seus problemas, como á hora de captar os aromas que desprenden os alimentos.

O traballo do elenco é brillante. A calidade dos actores e actrices escollido e innegable e conseguen transmitir todas as emocións de aparente esforzo, pese as limitacións do espazo escénico, que requiren a concentración de manter o discurso ou preparar os alimentos. En especial destacaría ás actrices neste espectáculo, xa que as personaxes femininas nesta peza asumen con forza e valor a súa realidade fronte a fraqueza das masculinas que adoptan aptitudes extremas e incorrectas ante os seus problemas.


En resumo, Raclette é un espectáculo que comunícase co público de moitas formas, polo que é imposible que non lle agrade. Un produto artístico tan coidado que acada a perfección e que pon enriba da mesa todos os ingredientes precisos para cociñalos a lume lento e que o público se alimente de realidade.


(Este texto publicouse na revista online A movida o 6 de abril de 2018)


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page