Recensión: Jostein Gaarder, A terra de Anna
Título: A terra de Anna Autor: Jostein Gaarder
Tradución: David A. Álvarez
Ilustración e deseño de portada: Emily Forgot Editorial: Kalandraka ISBN: 9788416721146 Nº de páxinas: 160 páxs
Sinopse:
Nos seus soños, Anna é quen de albiscar un planeta agonizante no futuro, con moitas especies desaparecidas da face da Terra a causa da contaminación e do cambio climático. Evitar que ese escenario apocalíptico se faga realidade é seu reto.
Un pracer ter a oportunidade de ler este libro do autor noruego Jostein Gaarder (Oslo, 1952) en tradución de David A. Álvarez. Unha obra que era necesario incorporar ó noso sistema literario pola importancia que nela se da a temas medioambientais. Pese ó contido máis "de panfleto" que se pode un imaxinar lendo a sinopse ou algún fragmento, este libro ten unha historia moi ben tecida e que xoga con moitas realidades distintas.
Anna é unha personaxe interesantísima. Dende a súa perspectiva é posible a comprensión dos fenómenos meteorolóxicos, analizar os efectos que os distintos gases emitidos producen no ambiente e a lenta pero progresiva destrución do noso entorno que se produce coas nosas desafortunadas intervencións sobre el. Tamén fanse moitísimas recomendacións de títulos que tratan determinados aspectos do cambio climático e polos que a nosa protagonista ten moito interese.
Mirou para o escritorio. Había alí varios números desgastados de Estado da Terra, unha edición nova da Lista das especies de Noruega, un pequeno libro sobre o cambio climático e ademais o magnífico libro A Gap in Nature, co subtítulo Discovering the World´s Extinct Animals, que o pai lle trouxera de Australia había pouco. (páx. 43)
Ao aparcadoiro da gasolineira non paraban de chegar coches e, polo xeral, os conductores deixaban o motor aceso mentres mercaban na tenda salchichas e patacas fritas. Anna anoxábase polos gases que saían dos coches alí parados. Os gases e azulados dos escapes eran vivos e claros porque fóra estaban a moitos graos baixo cero, dez ou doce, talvez. Non tiñan ningún termómetro exterior na fiestra, pero no inverno aprendera a arte de estimar o frío que había segundo a cor e a consistencia dos gases que saían polo escape dos coches. (páx. 48)
A correcta combinación das dúas tramas, unha personaxe feminina cunha perspectiva analítica e crítica, e a presencia de dous mundos que perfectamente, co tempo, poderían ser ó mesmo fai deste libro unha xoia para que os adolescentes descubran todo o dano que estamos facendo o noso ecosistema e como combater contra iso.