top of page

Recensión: Alberto Canal, O trapecista da malla de rombos


Título: O trapecista da malla de rombos Autor: Alberto Canal Editorial: Xerais

Colección: Milmanda ISBN: 9788491213024 Nº de páxinas: 216 páxs.

 

Sinopse:

Con dez anos acabados de cumprir, Iupanki soña con converterse no trapecista principal do Circo de los Muchachos. Mais todo se volve na súa contra. Cando coñece a nación de Benposta, o país utópico onde reside a escola do circo e os nenos son quen gobernan, atópase con xente estraña que quere destruír o soño que axudaron a erguer cativos de diferentes partes do mundo. O neno Iupanki, aguilloado polo amor que comeza a sentir pola contorsionista Nuna, decide entón embarcarse na aventura de salvar o circo das gadoupas dos poderosos para asegurar que os artistas da malla de rombos poidan seguir levando a maxia do circo a todos os recunchos do planeta. Baixo a mirada inocente e soñadora dun neno, "O trapecista da malla de rombos" rende homenaxe á utopía que se fixo realidade en Benposta, a cidade dos rapaces. Un proxecto nacido do compromiso e a ilusión, que pasou a formar parte da memoria colectiva de varias xeracións.

 

Alberto Canal regresa ó catálogo de Xerais dous anos despois do seu anterior título, que persoalmente recomendo moitísimo, O amor nos escuros días de Birkenau (Xerais, 2016). Neste caso con O trapecista da malla de rombos (Xerais, 2018) fai a súa estrea na colección Milmanda cun título moi entretido e apto para todos os públicos.

Nesta novela atopamos unha historia que homenaxe a primeira experiencia de escola circense no país, e a segunda no mundo, que se estableceu nuns terreos ós que se denominou "Benposta". Nela temos unha mestura entre personaxes ficticios e outros reais que amosan un interese por facer unha documentación profunda sobre tema sen esquecer o literario da homenaxe.

Dicía meus rapaces cando se refería a eles, coma se estes tamén andasen no pasado pendurados das súas abas negras, ao xeito dos monos de Serengueti, e os alimentase coa ilusión que necesitaban uns cativos soñadores para comer o mundo coa beleza das súas acrobacias. (páx.13)

Iupanki é o narrador desta historia e a través da súa perspectiva coñecemos todas as desgrazas e alegrías que ofreceu aquela "utopía". Este punto de vista inocente da realidade que ten o noso protagonista ó comezo do libro pérdese co paso das páxinas cara unha perspectiva máis rebelde e combativa que xorde ó sentir que forma parte dun grupo.

Aika en ianomani significaba diálogo, e o que quixera reivindicar Moacir con aquelas palabras era xustiza, pois, segundo lles dixo aos rapaces cando decidiu contarlles a súa vida, as decisións xustas eran as que saían do diálogo e da conversación, que así era como actuaban os cidadáns da súa comunidade na selva do Amazonas. (páx. 123)

A novela tamén ten moitas chiscadelas a referentes culturais e figuras políticas da época tanto a nivel mundial como no propio país polo que tamén é interesante toda a información que un público xuvenil pode extraer dun momento histórico que sempre observan dende a distancia.

- Qué les, Nuna? - preguntoulle Iupanki antes de coller o bolígrafo e deixar a súa sinatura sobre a venda que envolvía o nocello da moza.

- Resistencia. É unha novela de amor de dous mozos portugueses durante a época das ditaduras. Recomendáronnola no colexio. (páx. 80)

Alberto Canal traza neste libro unha homenaxe literaria á historia recente do país que xa moitos esqueceron. Dende a literatura fai unha recapitulación de todos os elementos que constituíron o que para moitos foi un soño sen esquecer que a novela tamén ten que xerar esa ilusión no lector.

Iupanki pensou que Benposta era o mellor lugar do mundo para vivir, porque alí ninguén tiña un botón vermello que puidese destruír o mundo. Alí o único que posuían era unha montaña enteira de ilusión para lles levar alegría a todos os cidadáns do mundo, tal e como viñan facendo dende o ano 1956 -aquela data xa lle ficara gravada no maxín-, e iso enchíao de ledicia. (páx.159)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page