Recensión: Carlos Reigosa, A soidade do asasino
Título: A soidade do asasino Autor: Carlos Reigosa Editorial: Xerais
Colección: Fóra de Xogo (Teatro)
ISBN: 9788491213284 Nº de páxinas: 72 páxs
Sinopse:
A dialéctica entre o asasino e a vítima ten moitas máis caras das que imaxinamos. E isto é así porque nesta peza teatral, cando os dous comezan a falar, sucede algo inevitable e prodixioso: deixan de ser dous descoñecidos! Xa non son os estraños que eran, porque, con verdades e mentiras, van descubrindo as súas identidades. Isto condiciona a acción, demora os feitos e pon sobre o escenario a esencia dunha “nova relación” que progresa cara a un final incerto.Pode o asasino deixar de selo? Non, mentres sinta que esa é a súa profesión e o seu compromiso. Pode a vítima evitar o seu destino fatal? Non, se non é capaz de cambiar a correlación de forzas de partida.
En "A soidade do asasino" todo sucede nun escenario único, mentres as ideas que flúen e conmoven están nas cabezas desas dúas persoas que avanzan por un vieiro descoñecido cara a un destino tan sorprendente como inevitable.
Na época do auxe de novas fórmulas teatrais que buscan experiencias máis intensas, Reigosa fai o seu debut como dramaturgo cunha peza dialogada que resposta máis as esixencias do microteatro que a unha formulación clásica do xénero.
A soidade do asasino é un complexo diálogo entre dúas personaxes que encarnan os papeis de asasino e vítima. Desa complexidade nace un constante intercambio de papeis no que descubriremos que ambos personaxes teñen moito que ocultar e que finalmente non existen tantas diferencias entre eles como a priori pódense intuír.
Nun bombardeo constante de interrogacións, o lector déixase enganar por unha aparente axilidade cando a realidade é que non existen avances na acción ata o final da obra. A escena única e a dúbida ó máis puro estilo hamletiano fai que sorprenda que o libro se creza ante as dificultades. Crear este aparente dinamismo so está altura daqueles autores coa experiencia e calidade de Reigosa.
Atopámonos ante unha peza que introduce un diálogo interesante e cheo de reflexións e que nútrese del mesmo para chegar a unha teatralidade un pouco elemental. Sen dúbida o pequeno problema nel é que o texto está máis pensado para a súa lectura. Penso que as carencias dunha notación máis detallada e referencias menos textuais e máis parateatrais farían do texto, no caso de solventarse, un bo exercicio espectacular.
En resumo, este libro ten moito de iniciático pero tamén aporta elementos que garanten que o proceso de creación teatral de Reigosa segue un camiño correcto.