Recensión: Maria Victoria Moreno, Nosoutras
Título: Nosoutras Autora: Maria Victoria Moreno
Limiar e traducción de textos: Xavier Senín
Ilustracións e deseño da capa: María Montes Sueiro
Revisión Lingüística: Raquel Vila Amado e Isabel Soto Editorial: Urco Editora ISBN: 9788415699750 Nº de páxinas: 94 páxs
Sinopse:
O presente volume recolle sete textos que María Victoria Moreno escribiu en diferentes etapas da súa traxectoria literaria e que comparten o feito de non estar escritos pensando no público máis novo. Os relatos "O aguinaldo", "As follas feren xermendo", "Contra a noite" e "A casa das Marías" corresponden a unha etapa na que aínda non tomara a firme decisión de entregarse á lingua galega. Ao contrario que acontece cos relatos "A gaiola", se cada a súa primeira contribución á nosa literatura, e "Nocturno en tres tempos". Completa esta recompilación o texto "Nosoutras", que pola súa importancia dálle título a este libro.
Hoxe, día de celebración das nosas letras e da figura de Maria Victoria Moreno, penso que é o mellor día que puiden escoller para falar desta obra en concreto. Nosoutras, publicado por Urco Editora, é un deses libros que nacen para eliminar todos os falsos mitos e prexuízos, que aínda é posible escoitar, sobre a valía literaria de Maria Victoria Moreno e o seu amor polas nosas letras.
Neste volume, cun correcto e explicativo limiar de Xavier Senín, recóllense varios relatos da autora en varias etapas da súa traxectoria literaria que sinalan diferentes momentos da súa relación coa lingua. Algúns dos relatos non son orixinais en lingua galega, son traducións feitas por Senín, pero neles observase un interese pola fala e cultura do país. Aínda que a lingua sexa o castelán, facer seu algo que para moitos aquí é alleo fai que estes relatos teñan moito valor no volume.
A calidade literaria destes relatos é evidente. A presenza de elementos da tradición oral como as coplas ou cancións populares, a melodía da súa prosa e a introdución dun imaxinario persoal tan íntimo (os símbolos da gaiola e o paxaro, a súa visión do entorno, do xénero...), fan destes textos elementos indispensables para comprender a súa obra en xeral. Todos ilustran as diferentes etapas da súa obra e un deles, "A gaiola", pode que sexa o seu primeiro agasallo literario a nosa lingua.
O título non so se corresponde co texto "crítico" que existe no volume e que fai de auténtico manifesto sobre a importancia da literatura infantil e xuvenil e, especialmente, a de autoría feminina; senón que tamén recolle a importancia que se lle da a figura feminina en todos os textos. Sen dúbida a escolla é do máis axeitado para concibir un volume que de primeiras semella inconexo.
Remato este comentario convidándovos a tod@s a gozar deste libro que penso que remata con todas as dúbidas que a ignorancia pode crear. Nel tedes exemplos abondo da calidade narrativa dunha autora que tamén escribe para adultos cun rico e potente imaxinario, que presenta unha visión crítica da súa sociedade, unha necesaria perspectiva de xénero e que ten unha conciencia da importancia da literatura para un país, que aínda que non era o seu, decidiu acoller no seu corazón.