Recensión: Berta Dávila, A pel do mundo
Título: A pel do mundo Autora: Berta Dávila
Ilustracións: Alba Cid Editorial: Galaxia
Colección: Árbore ISBN: 9788491511465 Nº de páxinas: 76 páxs
Sinopse:
Atención!
Este libro é unha viaxe. Desabrochen o cinto que imos comezar: para ler poesía hai que ser o máis libre posible. Prepárense para coñecer persoas, sabores, nomes, linguas, costumes, palabras e formas de vida diferentes á súa. Non permanezan nos seus asentos, para cambiar o mundo, cómpre non estarmos quietos.
Eu tamén son dos que penso que as palabras son os únicos elementos que poden cambiar o mundo, mais tamén son a chave para repensalo. Neste libro Berta Dávila propón unha volta ó mundo nunha viaxe que busca tamén repensar a composición do mesmo e dos que nel conviven. Unha aventura poética necesaria para as crianzas.
O libro componse de 29 pequenos textos en clave poética, coido que perfectamente nomeables como "instántaneas", que ilustran moi ben realidades dos lugares que describen. Neles non só transmítense curiosdades senón tamén problemáticas das sociedades de cada espazo e as súas necesidades. Hai neste libro o tacto e o tino preciso para comunicar sen ferir e ó mesmo tempo entreter.
As ilustracións de Alba Cid penso que lle acaen moi ben a este libro polo seu deseño máis artesanal, coas súas liñas e trazados imperfectos e dinámicos propios do material escolar, que aportan ese matiz de inocencia necesario para que os nenos teñan unha experiencia de lectura máis entretida e con referentes pictóricos máis poderosamente imitables e comprensibles.
En resumo, A pel do mundo é todo un acerto. Un libro moi necesario para as crianzas cun formato moi atractivo e que presenta unha viaxe polo mundo actual na que se reconstrúen con palabras todas as realidades.