Recensión: Pedro Feijoo, Camiñar o Vigo vello
Título: Camiñar o Vigo vello Autor: Pedro Feijoo Editorial: Xerais
Colección: Grandes obras>Edicións singulares ISBN: 9788491213260 Nº de páxinas: 184 páxs
Sinopse:
De a cabalo entre os manuais de historia e as guías turísticas, este libro propón un xogo diferente. É certo que, como as guías, vén cos seus planos, mapas e mesmo percorridos propostos. E que, como os libros de historia, tamén conta cun amplo relatorio de anécdotas, memorias, imaxes de época e documentos –nalgúns casos inéditos a día de hoxe–. Pero en realidade este libro é outra cousa...É a carta dun namorado, o convite para saír a camiñar e redescubrir a cidade a través das rúas e prazas do seu barrio vello.
A proposta de coñecer Vigo da man dun paseo que, sobre todo, se fai sen présa, devagar, deixando que os nosos pasos se perdan polo mar de anécdotas e historias que conforman a memoria da cidade. Porque, á fin e ao cabo, esa é a verdade: nada máis hai que saber onde observar con atención para descubrir que entre as luces e sombras da cidade vella aínda permanecen visibles os vestixios das moitas vidas que amalgamaron o Vigo vello. Eis a eterna vila mariñeira, si, pero tamén aqueloutra que os seus veciños defenderon a ferro e lume en máis dunha ocasión, e o Vigo industrial, e o metropolitano, e mais tamén o corsario.
Esta é a proposta que se fai neste libro: saír a camiñar o Vigo vello, e coñecelo de primeira man, a través do seu paseo.
Sabendo que a historia de Vigo é unha gran descoñecida para a meirande parte da súa poboación non é de estrañar que as pequenas historias que agochan algunhas das rúas que os vigueses transitan aínda séxano máis. Camiñar o Vigo vello de Pedro Feijoo é unha desas obras que nacen coa vontade de servir de guía para un paseo profundo e analítico polas rúas da cidade galega.
Sorprendentemente este libro non peca de presentarse como unha obra excesivamente academicista, de corte completamente histórico e cunha narrativa de difícil dixestión. Hai moito do Pedro Feijoo novelista na forma de tecer unha viaxe interesante polas rúas da cidade dunha maneira moi visual e mesmo lúdica. É un libro que chega con facilidade o cidadán e que oculta moreas de horas de lectura e de consulta de documentos cun fantástico traballo de síntese.
Este Camiñar o Vigo vello é a obra de referencia para calquera paseo pola cidade. Un libro que recende a mar, ó Vigo dos nosos antepasados e o duro traballo de compilación de moitísima información para facela accesible para calquera lector. Un agasallo para calquera vigués.