Recensión: Neil Gaiman, Coraline
Título: Coraline Autor: Neil Gaiman
Tradutor: Tomás González Ahola Editorial: Urco Editora ISBN: 9788416121915 Nº de páxinas: 150 páxs
Sinopse:
Cando Coraline chegou a aquela nova casa, non podía imaxinar o que agardaba por ela detrás da porta cegada da sala.
Calquera cativa podía imaxinar un cuarto oculto, un rocho cheo de misterios e cousas vellas, mais outro edificio idéntico ao dela? Non, iso estaba alén da súa imaxinación.
Así e todo, non era idéntico de todo. Nese outro mundo alén da porta fechada da sala había algo raro e excéntrico, especialmente se se tiña en conta que o gato negro do xardín falaba e todos os seus habitantes humanos tiñan botóns cosidos no lugar onde deberan de estar os seus ollos.
Unha das obras de máis éxito na literatura contemporánea incorpórase ó noso sistema literario da man de Urco Editora en tradución de Tomás González Ahola. Neil Gaiman, autor de éxito en todo mundo polo seu traballo en diversos eidos artísticos, fala galego por primeira vez grazas a que persoalmente penso que é a súa obra de máis calidade, Coraline.
Coraline é unha esperpéntica e xenial esquizofrenia. A súa trama entre dúas realidades introduce todo tipo de elementos fantásticos e arrepiantes que se combinan xerando un imaxinario literario asombroso. Vese moito do Alice in Wonderland de Lewis Carroll na súa trama e da banda deseñada americana e os primeiros filmes de Tim Burton na súa expresión máis visual.
Todos os espazos que se describen na novela están moi ben traballados e favorecen moitísimo a inmersión do lector na historia. Por suposto esta plasticidade non tería tanto valor sen unha historia extraordinaria e ben estruturada como a que temos nas nosas mans.
As personaxes da novela teñen un "deseño" tan propio e orixinal que semellan arte en si mesmas. As súas descricións físicas e accións que realizan fanas tan visuais que non é preciso afondar moito na súa psicoloxía para que sexa sinxelo comprendelas. Todo isto fala moito da calidade literaria dun autor que utiliza correctamente todas as ferramentas das que dispón.
En resumo, Coraline é unha xoia da que xa podemos gozar na nosa lingua. Un libro dunha calidade literaria notoria, arrepiantemente divertido, cun compoñente plástico fascinante e que seguro gustará tanto os lectores xuvenís coma os adultos.