Recensión: Marga Tojo, Cara de velocidade
Título: Cara de velocidade Autora: Marga Tojo
Ilustradora: María Heregueta Editorial: Kalandraka ISBN: 9788484643760 Nº de páxinas: 48 páxs
Sinopse:
“Cara de velocidade” é o resultado de acudir á literatura como bálsamo, refuxio e bitácora da superación de «H».
Neste poemario están presentes os seus avances en forma de pasos de xigante e a satisfacción do retorno ao fogar logo dunha convalecencia; a enfermidade toma forma de monstro ao que se desafía, co que se dialoga e convive; e sobre todo,a vida cotiá afróntase con humor, fortaleza, optimismo e imaxinación fronte á adversidade.
A superheroína con superpoderes que protagoniza estes versos urbanos ten a capacidade de converter a hora de comer nun xogo disparatado ou nunha festa con improvisados instrumentos musicais; e dun accidente caseiro xorde a excusa perfecta para fantasear con fascinantes peripecias, trascendendo as súas consecuencias negativas.
Marga Tojo proxecta nela os seus temores e ledicias, ou inquedanzas cotiás que, a través do filtro literario, chéganos baixo o punto de vista infantil, cargadas de divertidas metáforas e cunha lírica musical -de efectos terapéuticos- que bebe de voces contemporáneas: Patti Smith, The Rolling Stones, Nina Simone,Fran Pérez Narf…
María Hergueta afonda no carácter lúdico dos poemas cunhas ilustracións próximas á estética do cómic de aventuras, con trazos estilizados e cores planas.
Coido que un dos avances máis grandes da literatura infantil nos últimos anos e outorgar referentes femininos ás nenas que teñen moito máis de naturais e igualitarios que de transxénicos e aparatosos. As figuras femininas na literatura non son un "fan service" para contentar ó público senón que teñen que ter a mesma importancia que merecen no plano real. A poesía non debe ser un eido alleo a todo este proceso e por iso teño claro que se fai moito ben a nosa literatura premiando libros como este de Marga Tojo.
Neste libro a autora convídanos a participar nesta "bitácora" persoal de H, unha nena que ten que solventar diariamente os seus problemas e medos grazas o seu afán de superación e a súa familia. Neste mundo que ten moito de musical e urbano, H é unha superheroína que consegue darlle vida a todo o que toca grazas ó seu entusiasmo.
Este libro está cargado de realidades filtradas pola cosmovisión desta rapaza que xoga con elas transcendendo a súa parte escura. A batería de referencias musicais fan da súa vida tras "superar ó monstro" unha festa continua, ás veces con instrumentos e músicos particulares, que lle permite fantasiar con futuros distintos.
Os versos de Marga Tojo convidan a participar neste xogo e neles plasma todos os seus referentes e preocupacións sobre o futuro dos nenos e nenas. As súas composicións respostan a metros variables e introducen divertidas figuras retóricas e de estilo que tamén camuflan realidades complexas. Algúns textos pode que para os lectores semellen moi transparentes pero xa adianto que hai moito que se pode extraer deles.
En resumo, Cara de velocidade amosa dende unha perspectiva feminista a necesidade de crear un referente para as nenas que goce da liberdade suficiente para elixir quen é en cada momento. Unha superheroína valente á orde da igualdade e que convida a ver a realidade dende outra perspectiva.