top of page

Carlos Taboada: "A existencia, traballo e accesibilidade das bibliotecas resulta fundamental pa


Carlos Taboada (Pontevedra, 1979) é ilustrador, publicista, escritor e sobre todo lector. En 2008 fundou xunto a Enrique Mauricio o colectivo de actividades creativas Polo Correo do Vento a partir da colección de libros do mesmo nome. Esta colección consta de sete volumes dirixidos ao público infantil e foi publicada por Edicións Xerais de Galicia ese mesmo ano. Dende entón, a través de Polo Correo do Vento, ten levado a cabo numerosos traballos de ilustración, publicidade, creación audiovisual e diversas publicacións infantís como Un ronsel de ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño (2016), Periplo atlántico (2016) ou Meiga nova. Pequena biografía de Maruja Mallo (2017). Actualmente dedicase á realización de actividades de animación á lectura, obradoiros de ilustración e á creación de historias. A biblioteca de Pedrarcana (Xerais, 2018), a súa primeira obra en solitario, foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2017.

Texto: Ficha do autor en Xerais

Fotografía: Joana Lorenzo (cedida polo autor)

 

- Cal é o xerme de A biblioteca de Pedrarcana (Xerais, 2018)?

Os libros que nos cambian e a xente vencellada a eses libros. Familia, amigos, mestres, autoras, bibliotecarias, libreiras... Como son de importantes nas nosas vidas as bibliotecas que temos a man? Percorro decote centros de ensino e espazos de lectura de toda Galicia por medio do colectivo Polo Correo do Vento, facendo obradoiros de ilustración e actividades de animación á lectura, e sempre me fago esta pregunta… Os libros aos que temos acceso dende nenos, na nosa casa, no colexio, na nosa vila… O investimento en cultura de cada rexión, de cada país… Os profesionais que traballan neste eido poñendo paixón onde non chegan os medios... Son moi optimista, xa o sei (a tempo parcial, como dicía Galeano), mais penso que a influencia neste sentido é incuestionable e que mellora a nosa calidade de vida en moi diversos planos, mais lonxe de facer un asisado estudo ao respecto ocorréuseme contalo con moito humor nunha historia infantil e xuvenil.

- Nesta obra ademais de autor tamén é o ilustrador…

A creación desta historia iniciouse con bosquexos de textos e debuxos por partes iguais. Fun escribindo e debuxando a un tempo os mapas, lugares, frases... Aínda que para o Premio Merlín unicamente enviei o texto. Neste sentido é de agradecer poder ilustralo tamén eu mesmo para a súa publicación, xa que a mestura de dúas formas de expresión por parte dun mesmo creador é unha versatilidade que sempre admirei en moitos autores como Jacobo F. Serrano, Anxo Fariña, Antoine de Saint-Exupéry, Eduardo Galeano ou Chris Riddell. Tiña moitas ganas de facelo e resultou moi divertido.

Manuscrito con bosquexos das ilustracións da obra. (cedida polo autor)

- Esta obra foi finalista do Premio Merlín de Literatura infantil 2017. Supoño que aínda que non acadara finalmente o galardón tivo que ser moi gratificante o recoñecemento do xurado.

Foi unha ledicia tremenda. Presenteime para gañar, obviamente. Mais tamén polo atractivo do certame e pola carga afectiva e profesional que ten para min. Unha xuntanza festiva da cultura galega onde quería estar. Celebrábase na Illa de San Simón, onde estiveron presos na ditadura polas súas ideas o meu tataravó Celestino Poza Cobas e o seu fillo Celestino Poza Pastrana. Paréceme moi importante a recuperación da memoria histórica e a conservación desta illa como un espazo dedicado a este fin, a transformación dese horror sen dar a esquecemento, así que resultaba moi emotivo para a presentación da miña historia bibliotecaria, que ao seu xeito, tamén reflexiona neste sentido. Ademais comecei a miña andaina como ilustrador en Edicións Xerais e sabendo que o Premio Merlín tiña como secretaria á editora Helena Pérez, profesional admirable, e que contaba cun formato de xurado moi innovador no que se xuntaban distintos traballadores e usuarios vencellados ao mundo do libro (libreiros, tradutoras, mestres, ilustradoras…) coa posibilidade de ofrecer distintas visións e lecturas dunha mesma obra, todo isto pareceume unha garantía de calidade á que quería optar para probarme a min mesmo e tratar de estar entre os mellores.

Algúns exemplares do libro, Finalista do Premio Merlín 2017

E así foi. O feito de estar entre os finalistas e a mención do xurado foi moi importante para min, unha confirmación de que estaba a facer ben as cousas. Unha honra ter chegado ata aquí. E xa que estamos, aproveito para felicitar a María Canosa, merecida gañadora desa edición.

- Onde é Pedrarcana de Leria? Cal é inspiración para construír este espazo?

Para desenrolar a miña idea inicial necesitaba unha cidade. Unha cidade literaria para que fose contaxiada por un verso e pola posta en marcha dunha biblioteca. E ao ir escribindo e debuxando Pedrarcana de Leria foron saíndo recantos e habitantes inspirados nas que cidades e lugares que teño visitado e que máis me gustan: París, Bos Aires, Lisboa ou Pontevedra. En definitiva, trátase dunha vila atlántica na ría da imaxinación que mestura un pouco de todas as anteriores.

- Este libro pode considerarse unha historia de amor co libro e os espazos culturais como as bibliotecas…

Certo. Meus pais namoraron na biblioteca en Pontevedra, cando estaba na Casa dos Fonseca, pode que aí comezase todo. Eu tiven dende cativo unha chea de libros ao meu dispor e foi unha ledicia e unha fame que me acompañou sempre. En todas as cidades nas que vivín tiven unha estreita vinculación con estes espazos. Por iso esta historia comeza cun escenario distópico terrible: non hai bibliotecas, nin librerías, a xente non opina, as tabernas están baleiras, ninguén conta historias… Todo é aburrimento e desidia... Na serie de televisión ‘The wire’ de David Simon, hai un que di que considera realmente perigosa a unha persoa porque posúe o carné da biblioteca. E eu penso o mesmo: a cultura fainos críticos, libres… perigosos para quen nos queira dominar ou impoñer. Por iso estimo que a súa existencia, traballo e accesibilidade resulta fundamental para acadar unha sociedade mellor.

- Nesta obra tamén temos misterio e intriga coa aparición dun libro de tapas vermellas nunha vía, un tesouro agochado…

Si, a miña intención era a de facer unha historia de humor que mesturase e homenaxease distintos xéneros narrativos e tamén aos autores e filmes que máis me gustan. Quería divertirme escribindo e incluír relatos de aventuras, de misterio, de ciencia ficción… pero sobre todo rir e falar de libros, de películas, de pintoras, e reflexionar un pouco sobre a ecoloxía, a memoria e o mundo que queremos, todo nunha encerellada trama coral na que as personaxes van cambiando a través das súas lecturas e contaxiándose unhas con outras.

- Cal é para vostede a chave para construír un bo libro infantil?

A verdade é que descoñezo totalmente cal pode ser a chave para acadar un bo libro. Aínda así, eu escribo e debuxo pensando como son os libros que me gustan como lector. Os libros que non podes deixar de ler e reler, ben sexa polo seu humor, intriga ou polo seu estilo engaiolante. Aqueles que aínda que van dirixidos a un público infantil podan interesarme a min como adulto, como pedía Agustín Fernández Paz.

- Como valoraría o momento actual do libro infantil en galego?

O panorama actual da LIX galega en canto ao nivel de autoras e autores é sen dúbida brillante. E cando digo autoría inclúo a ilustradores e ilustradoras. Obras tan divertidas como orixinais que veñen da man de nomes como Ledicia Costas, Xosé Tomás, María Solar, Lucía Cobo, Teresa G. Costa ou Jacobo F. Serrano (por citar algúns dos que máis me gustan), conforman un vizoso canon galego actual, non só polos premios que recollen a eito dentro e fóra de Galicia, senón pola morea de lectores aos que chegan e enfeitizan xa que ao final é o que importa.

- Para rematar. Ten algún proxecto do que poida adiantarnos algo?

Teño moitos, ciscados pola mesa do meu estudo nun harmónico desorde de textos e debuxos. Aínda non sei cal deles atopará primeiro a súa saída ao público final mais podo adiantar que aposto por unha banda deseñada que non me deixa en paz.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page