Recensión: Rosalía Fernández Rial, BONUS TRACK
Título: Bonus Track Autor: Rosalía Fernández Rial Editorial: Galaxia
Colección: Literaria ISBN: 9788491511540 Nº de páxinas: 164 páxs
Sinopse:
Ás veces precísase dar todo por perdido para que algo inesperado te sorprenda.
Pero sempre hai unha posibilidade para a esperanza. Por iso cómpre esgotar as pistas establecidas se queres que apareza o BONUS TRACK.
Xusto nese xiro imprevisto, cando xa parece que non queda nada, nacen os relatos deste libro de Rosalía Fernández Rial: vinte e dous contos tecidos con letras de cancións e derradeiras esperanzas. É importante agardar. As mellores hisorias comezan onde remata a melodía. Resiste. E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar.
Rosalía Fernández Rial fai o seu debut como narradora con este libro de relatos entre o musical, o poético e o urbano dende unha manifesta perspectiva feminista e que non busca resaltar os erros e miserias de sociedade para musicalizar o declive, senón para dar a sempre complicada derradeira oportunidade á espera do Bonus Track.
Nos vinte e dous contos que constrúen este libro flúe o talento ó mesmo tempo que os distintas notas das pezas musicais. A autora amosa unha sorprendente capacidade para construír textos ben estruturados e cunha prosa de moitísima calidade. Pese á diversa extensión dos relatos deste libro, vese que neles non hai un esforzo de síntese senón unha escolla selectiva e exquisita dos distintos termos en función das necesidades temáticas dos relatos.
Na miña opinión, nestes relatos hai moito dunha historia de desamor coa sociedade e coas inxustizas sociais dende unha perspectiva afterpop que bebe moito dos elementos urbanos e xeracionais. Para comprender isto so hai que reparar na selección musical do libro, nos recursos do cinema, nas influencias manifestas da cultura pop e a variedade de estruturas narrativas que teñen representación en cada relato.
Temas como o (des)amor, a subalternidade, os mitos clásicos dende o postmodernismo, a desigualdade ocasionada polo xénero, a precariedade da escrita, a figura do autor, o proceso creativo ou simplemente as relacións entre artes fan deste libro un compendio de actualidade e de rigor crítico sen esquecer en ningún momento o poder da ficción como arma revolucionaria.
En resumo, este libro de Rosalía é excelente. Temos ante nos unha autora que amosa que ten talento bruto non so para as letras senon para a arte. A interdisciplinaridade como norma, un estilo de seu e o seu rigor selectivo fai dela unha autora a ter moi en conta no noso sistema cultural. Agardemos que en próximos libros teñamos moito máis, e aínda mellor, desta autora.