top of page

Recensión: Arancha Nogueira, O único lugar onde ficar inmóbil


Título: O único lugar onde ficar inmóbil Autora: Arancha Nogueira Editorial: Urutau

Prólogo: Verónica Martínez Delgado ISBN: 9788569433507 Nº de páxinas: 60 páxs

 

Nos últimos tempos no eido da poesía galega xurdiron unha enorme cantidade de voces novas que nun tempo precario para o sector do libro e da literatura, e da lingua por suposto, verten os seus versos na nosa lingua e cun resultado que convida o optimismo. Hoxe traio o exemplo deste libro O único lugar onde ficar inmóbil de Arancha Nogueira publicado nunha editora pequena e foránea pero cun contido a ter en conta.

É o de Arancha Nogueira un libro moi xeracional e que bebe das principais preocupacións da sociedade en tempos de incertidume e falsidade. A autora fala da perda do amor, da familia, da infancia, da parella ou da ausencia de futuro dende a perspectiva dun doente. Non hai nestes versos unha posibilidade de solventar os problemas pasados senón de seguir adiante como autómatas vivindo no estrañamento e na autodestrución para atopar un lugar potable e propio.

e en todos os idiomas hai unha palabra para perda.

o líquido dos seus debuxos

dos ritmos todos

da vergoña da pronuncia

en todos os idiomas

aínda que non poida falalos.

(páx. 35)

Ese lugar "onde ficar inmóbil" é un espazo sen regras e sen localización, onde a única preocupación é pecharse nun mesmo para atopar algo puro ó que ligarse dunha maneira íntima, case espiritual. Este non é un espazo para a esperanza, senón que é a propia (des)esperanza. O eu lírico aférrase a súa existencia para conseguir o seu obxectivo: chorar de desesperación, rir da traxedia, visualizar os anacos dos nosos soños e simplemente descansar na súa soidade.

e estou saindo

de entre os nenos e os avós

como outra baldosa desfeita

e soa

mecánica

de cor azul como as formigas

camiñando como se tiver onde deixarme

ou onde sentar e tomar un té enfriado

como se toman todas as terrazas soas

sen exército.

(páx. 21)

a soidade non é un estado

a soidade é un estado mental

a soidade non é unha cuita

a soidade é unha concatenación errónea

(páx.37)

É preciso sinalar a perspectiva feminista dende a que se escriben estes versos. A figura masculina non é alguén á que se pida auxilio para un acubillo, senón que ese berro unicamente esixe colaboración, igualdade. É evidente que esa chamada desesperada non recibirá resposta, por iso a soidade é a única compañía válida para sentirse propia e individual.

Neste libro non hai nada sólido ó que aferrarse en termos sociais e ideais. Este terreo inestábel do contido contrasta coa estrutura sólida do poemario que divídese en tres seccións (sospeita, naufraxio, o único lugar onde ficar inmóbil) e un limiar ó cargo de Verónica Martínez Delgado. Os distintos textos técense mediante versos de extensión desigual combinados coa potencialidade dos silencios e estruturas poéticas diversas.

En resumo, hai neste libro de Arancha Nogueira unhas bases moi sólidas para un traballo lírico posterior de calidade. Dende unha perspectiva feminista e cunha voz desgarradora, este poemario presenta a necesidade de atopar algo puro que permita atopar a esencia propia, a tranquilidade, o sólido, e afastarse dunha sociedade estraña.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page