top of page

Estíbaliz Espinosa: "Na literatura randéome sen rede"


Estíbaliz Espinosa naceu en A Coruña en 1974, ano da mensaxe dende o radiotelescopio de Arecibo. Escritora, tradutora, músico. Publicou varios libros de poemas, moitos como expresión da cultura única que hibrida ciencia e humanidades [-orama, número e, Zoommm. Textos biónicos, Papel a punto de]. Obtivo premios como o Esquío ou o Espiral Maior. Formouse como socióloga e filóloga na UDC. Escribe e publica relatos e ensaio. É astrónoma afeccionada; interésalle a constelación que une tecnoloxía, ciencia, linguaxe e maternidade. Curiosidade (Aira, 2017) e ...as neuronas irmás... (Arte deTrobar, 2018) son os seus libros de poemas máis recentes.

www.estibalizespinosa.com

Tw: @EstibalizEs

IG: @estibalizespinosa

Texto e imaxe: Bio da autora na web de Aira Editorial (edit.)

 

- Comecemos cunha idea de peso. Que supón para vostede a poesía?

Mmm, un clásico para crebar o xeo dun machadazo ☺

De nena, os poemas eran iso que lle dedicaba ao meu gato ou á virxe María [son a típica atea caldeada nun colexio de monxas]. Moito tempo despois, pensaba na poesía como unha radiación lingüística destas unidades de carbono que somos. Unha torsión da linguaxe, a ver até onde é capaz de chegar.

A nivel social, a poesía é un tanto bipolar: tanto a consideran como pura e xenuína dun corazón auténtico [oh, Stephen King escribe poesía en secreto, ten un paxaro azul que quere saír!], como a brasa inintelixible de xente tipo Asuranceturix, presuntuosa, vaidosa, un bluff nacido da música que chegou demasiado lonxe, unha vez emancipada na era Gutenberg e confinada en páxinas de libro. Faime chiste iso. Atráenme os paradoxos, os crebacabezas.

Esta mañá véxoa como un transbordador que quixen pilotar para chegar a outro lado, pero o outro lado en si non é o único que me interesa. Tamén interésame a nave en si. E iso que en ocasións sentínme unha intrusa na poesía, alguén que debería estar escribindo novela gráfica, relato, programas sinfónicos...ou dedicándome só á música ou á astronomía. Pero, sabes que pasa? Que cando por exemplo me exclúen do presunto Canon da Poesía, considéranme unha friki, invisibilizan un vieiro literario de hai 20 anos que gustará máis ou menos [e iso do gusto é boa miraxe tamén, xa non só o digo pola socioloxía da distinción de Bourdieu: as redes sociais deixáronolo clariño coa cantidade de cousas que significan like]... refórzanme as ganas de dar coa palabra, de dar voz. Ao revés que esa tendencia a empregar a poesía para certa vitimización autoindulxente, trato de non caer nese cliché. Vitimizacións, as xustas. Son cero conspiranoica, sei que non existe ningunha confabulación secreta e consciente para eclipsar a ninguén. Simplemente, as regras de xogo na literatura –e iso custoume varias saudades asumilo- entrañan ás veces compoñentes extraliterarias, mesmo azarosas. Claro que ninguén che vai dicir que é recoñecido por coñecer a fulanito, ser máis plasta ca unha carracha ou por certas serendipias: ao final, a lectura que facemos do recoñecemento é a dos méritos propios. E logo o tempo peneira o seu. [Pero o tempo máis aló dunha vida humana, claro. Resulta que a posteridade literaria é unha idiotez. ]

Así que son desobedientiña. Que non me consideran poeta nas antoloxías, retrospectivas? Pois velaí van, dúas cuncas. Aprendín a crer no que escribo, sei ben que quero dicir e onde vou...malia que esas coordenadas sexan as da incerteza. E ao final, collinlle cariño ao transbordador, gústame pilotalo mesmo para ir a ningures.

Se a pregunta foi de peso, a resposta deixoume baldada.

- Como concibe o proceso creativo?

Con optimismo na capacidade humana de observación lúcida e de inventiva: a alegría da que falaba Spinoza [o filósofo xudeu, nada que ver comigo, que eu saiba] nun mundo que tira de ti cara abaixo, que trata de apagarte se fulguras. A curiosidade é unha paixón animal, infantil, sagaz nun eido como o poético, non exento de imposturas amargadas, resentidas. Fuxo diso. Cultivo un escepticismo optimista, igual no fondo son unha melancólica ou unha idiota, pero tanto ten.

O proceso creativo para min é bastante introvertido e autoesixente. Non creo nesa superstición de escribir sen corrixir. A escrita ten moito de deriva pero tamén de rigor e técnica. Matino moito os temas, son teimas que levan comigo dende nena, e ás veces teño que raspar, furgar en silencio [e son nai monoparental de dous, imaxina que silencio], porque as modas poñen en bandexa falar de certos temas cando xa callaron socialmente. Igual que existe unha axenda política ditada polos medios de comunicación [debemos falar disto agora], existe unha axenda literaria [cómpre escribir disto agora]. É doado: sabes que se escribes novela negra en certo momento, malo será! Hai escritor*s expert*s en osmar as tendencias e engatarse a elas, e non falo só de best-sellers. Ben, opción moi válida sempre que se faga con estilo [ahhh, o punch da cuestión], cunha voz propia. Pero unha opción válida.

A min vaime a exploración espacial.

- Cal é o xerme de Curiosidade (Aira, 2017)?

Mentres o artellaba, pensaba nel como un libro de texturas diversas, un prisma de luz con algo Mentres o artellaba, pensaba nel como un libro de texturas, un prisma de luz con algo de crebacabezas. Funo escribindo en anos, pero tiña o título e o seu ADN, digamos, dende 2012-2013: sabía que quería abordar a curiosidade humana como punto de ebulición no que a ciencia pasa ao estado físico da literatura, que quería unha voz ás veces coloquial e outras divulgativa, non moralizante, con retranca, lizgaira. Como a propia curiosidade que vai dun tema a outro, dunha extensión a outra [texto longo, chío de Twitter], coa mesma actitude de captura e mordacidade. Non se fala moito da curiosidade como motor, ás veces si como defecto [sobre todo nese feminino de fisgona, curiosa, sabichona]: quería poñer sobre a mesa a relevancia desta actitude pouco grandilocuente, e a reivindicación da curiosidade feminina polas corgas non trazadas, non esperables [dende mitos como Pandora a figuras como a astrónoma que abriu á teorización da materia escura, Vera Rubin], da muller como mente ademais de, como de sobra sabemos, corpo.

Estou algo cansa de utilizar a beleza como punto de partida para protestar de que só se fale da nosa presunta [ou non] beleza. Cansa do eu, do meu sufrimento, eu. Sempre tratei de esquivar ese eu de melaza, falar dun nós dende unha perspectiva de cosmonauta. Ou falar dende outras perspectivas. Neandertal, tardígrado, humana do futuro noutro planeta... Un prisma de voces.

Imaxe do libro Curiosidade de Estibaliz Espinosa (Aira, 2017) realizada polo tamén ilustrador da obra Celsius Pictor.

Asemade pensaba nun libro inzado co amor pola vida e o universo que pode ter unha escéptica, que malia todo é bastante. Artelleino nuns anos complicados, nos que pasei por un proceso de maternidade voluntaria en solitario sendo xa nai, con tratamentos ruinosos a nivel emocional, hormonal, económico... e nos que tamén quedei en paro e, polo que fose, as oportunidades de traballo literario minguaron. Vinme moi fóra. Así que xermolou durante unha crise primeiro coa industria de libro en si –ese machismo e clasismo de todos os sistemas, e certas inxustizas como non pagar o traballo d* poet* case nunca, ou un tópico da muller-poeta como un obxecto ben sexi e simpático, ben extravagante-. E xermola, en fin, da coexistencia do literario «de libro» coas redes sociais, unha relación que, por amante fetichista dos libros dende nena, sempre seguín expectante. Esa nosa relación sapiens-libro.

A isto sumouse logo o dó pola perda dun ser querido. En Curiosidade non escarvo aí. E calquera caso, dor, dó ou fracaso literario están transmutados: quixen non aproveitalos nun beneficio seguro [na poesía parece que se choras, gañas], senón convertelos en optimismo, nun campo de forzas universal e vital.

A fascinación polo que descoñecemos pero albiscamos creo que tamén ten que ver con Curiosidade: o que queremos dicir en realidade [as trampas da semántica e da pragmática], o tecido oculto do cosmos e os fíos dos que imos tirando, as mulleres curiosas que me precederon e me continuarán, a vida e non vida [Marte, Chernóbil], o que se ve e non se ve...

- Levaba varios anos sen publicar un libro de poemas en galego. Existe algún motivo?

Teño a sensación de que todos estes anos publiquei arreo na web e no Twitter, participei en bastantes recitais, aquí e fóra, en feiras... E polo visto leuse obra miña, en galego e noutras linguas. Pendurei libros descargables na miña web, como o orixinal galego de Papel a punto de , con centos de descargas. Outra cousa é que compute oficialmente, ao non conformar libro. Certo que se cadra non publiquei en papel tanto como semella ser preceptivo, eu vivo do que escribo e ás veces dáme preguiza que o mediático forme TANTA parte do xogo [agora xa todo me dá igual, avante]. Quero dicir, que non son funcionaria ou teño outro traballo. Na literatura randéome sen rede. E son afortunada: páganme por fedellar no que adoro, escribir sobre lite, música, astronomía, traducir, locutar historias de mulleres científicas para radio, recitar, cantar, conferencias ou obradoiros, artellar a von Humboldt con Hipatia de Alexandría...

En canto a motivos... hai anos houbo un linchamento na web que me fixo cuestionarme certas cousas. Xente que me difamou sen vir a conto, por algo completamente absurdo. Haters, supoño, só que no momento iso non tiña nome. En fin, eses filloputismos lamentables.

Embora debo dicir que coñezo xente moi boa, cunha nobreza de carácter e un non-tomarse- moi-en-serio-a-si-mesma á altura do seu talento. Na literatura e en campos como o da literatura científica, que para min é [ou pode ser, se se escribe con estilo] literatura sen máis.

- De onde provén o seu interese pola astronomía?

Contemplar as estrelas e preguntarse que raio son é o primeiro acto poético da nosa especie. Como todos os bos actos poéticos, algo inconsciente. Coma ti, coma ese gato, ese lique, esa osa, o papel, o lixo, calquera material... eu son po de estrelas. Refugallo reciclado de estrelas. Teño curiosidade por botarlle un ollo ao álbum de familia...

A autora baixo a vía láctea. (Fotografía: Óscar Blanco)

Medrei preto do Planetario da Coruña, inaugurado aos meus 11 anos. Ter ese ollo branco, buñueliano, aí aberto constantemente no alto dun monte onde había antigos muíños de vento, turra, atrae, move as aspas do encéfalo. Anos antes, máis cativa, vía a serie Cosmos co meu irmán. Aí tiñas ao Carl Sagan paseando por uns cantís supoño que dos Estados Unidos, e eu convencida de que andaba aquí ao lado, nos cantís de Dexo [un escenario idealizado da miña nenez, onde fabulaba dende as aventuras dos Cinco ou de Puck até o «ponto» homérico ou o Nautilus]. Sagan era un poeta do cosmos, pero non ía diso. As grandes poetas nunca son moi conscientes do grandes que son.

E tamén, menos poeticamente, confeso que aos 18, cando estudaba Socioloxía, roubei un libro. Era un volume francés con fotos titulado «Iniciación a la astronomía». Devorei aquel libro, igual convertinme nel.

- A ciencia é outro dos eidos onde a figura da muller é máis invisibilizada …

Ese «outro» presupón que tamén o é o eido das humanidades, non? Ou todos os eidos, en xeral. Si, a historia é un palimpsesto, pero tamén un xacemento fósil. Reescríbese e redescúbrese de contino. As achegas da muller en campos tradicionalmente masculinos son abondosas, pero de recoñecemento lento. Na literatura, a palabra foi un pouco por diante, se cadra por non ter que pasar tanta peneira. Aínda así, en calquera canon de autor*s, mesmo nas citas, predominan os homes. Na ciencia e na tecnoloxía, peaxes como a revisión por pares, as patentes...deixaban á muller que «pensaba» case sempre en mans de homes que «decidían».

Lembro un experimento chorras que fixen en Twitter durante unha época na que levei a conta dunha proposta política incipiente: un chío meu dende esa conta [e polo tanto, anónimo] recibía 400 retuits. Idéntico chío dende a miña conta persoal meses despois: 5 retuits. Por suposto que se pre-xulga quen di as cousas, non os contidos en si. Iso cabreábame moito. Trato de fixarme nos contidos antes que no «quen».

A historia da invisibilización da muller acontece, entre outros factores, ao poñer o «quen» antes cós contidos. Daí o mansplaining e outras manobras de condescendencia clásicas.

- Pensa que simbiose entre ciencia e literatura pode ser orixinar unha ferramenta útil para comprender o mundo?

Non sei se para comprendelo, pero si para poñernos en órbita, para min a perspectiva literaria esencial.

É a ciencia a que trata de comprender o mundo, riscar o aparente para descubrir as leis, elementos, enerxías que o conforman. O noso ollo engánanos, sempre. Pero de ilusión [óptica] tamén se vive. Acontece que a nosa maneira de achegarnos e desentrañar o mundo é lingüística, mesmo na matemática, e iso ten moito de literatura. En Filoloxía estudamos lingua e literatura, xuntas. Por que? A lingüística parécese máis á neurociencia, falamos de áreas do cerebro, de sintaxe [orde, kosmos]. A literatura entendemos que é sempre unha ficción [porén, non concordo con iso]. A literatura é só un xeito de contar as cousas de maneira que permanezan, esclarezan, emocionen, golpeen, transmuten a propia lingua e con ela o pensamento. Pensa nun avance tecnolóxico ou científico do s. XX: algúns foron por serendipia, outros por investigacións previas, pero a ciencia-ficción [literatura, por certo, inxustamente tratada como menor] está na orixe de moitos outros, dende viaxar á Lúa até as tablets ou os robots [Verne, Aelita, Star Trek, Asimov, Ursula K. Le Guin, Stanislaw Lem...]

Estíbaliz Espinosa e os raios cósmicos de Nicola Tesla. (Fotografía cedida pola entrevistada)

Non trato de transmitir que a literatura e a ciencia deban unirse: é que penso que xa o están! Só suxiro facelo evidente talvez implementando instancias [culturais, literarias] que se fagan eco desa simbiose: a ciencia non é exactamente unha ficción, pero bebe da ficción. A ciencia traballa con rigor, datos...pero chega a nós en forma de metáforas [o tecido espazotempo, a frecha do tempo], historias [o gato de Schrödinger, como brincadeira cruel sobre a mecánica cuántica], relatos [o universo newtoniano, o relato das grandes extincións na Terra, a formación dunha estrela a partir das nebulosas...].

Narrada con gancho, a ciencia é apaixonante como un bo poema ou unha novela. Negra, abofé, mais tamén rosa, marela...Como entendo que a boa narrativa SEMPRE ten algo poético [e poético non significa proliferación de adxectivos raros, ollo, nin cursiladas], a ciencia que nos contamos pode ser poética [leamos a Annie Dillard, a Natalie Angier, a Sagan, a Antonio Sandoval, por exemplo] . E a poesía que facemos pode servirse da ciencia [con rigor, vaia, non como palabras estrambóticas sementadas ao chou]. Existe incultura científica na xente autodenominada «de letras», que usa «entropía» como palabra rara que queda molona, pero impórtalle unha figa que quere dicir a segunda lei da termodinámica e todo o estudo, fundamental, da enerxía en física. É pavero, pero tamén unha putada. Como o uso de «cuántico» ou, agora, de «epixenético» [ até venden un champú disque epixenético. Así, cun par].

Oxalá unha boa cultura científica, non aproveitarse estupidamente do seu léxico.

- Vén de gañar o XV premio Afundación por As neuronas irmás. Existe algunha relación entre ese próximo título e Curiosidade?

Existe, si. «As neuronas irmás» é unha reconexión, nace dun proceso devastador da perda do irmán, no que non me quixen deter demasiado na dor persoal. En vez diso, ramifica o dó en curiosidade ante as simetrías e asimetrías entre o universo e nós, a partir da noción de irmandade/sororidade, do que significa ser irmás e irmáns. Nun sentido literal e tamén figurado.

Booktrailer de As neuronas irmás de Estíbaliz Espinosa. (Fonte: Youtube)

Adéntrase na similitude entre as estruturas neuronais e a malla cósmica de galaxias, as diferenzas entre a nosa Europa e a Europa lúa de Xúpiter, Galicia e Galitzia...Quixen poñer astrónomas a carón de Safo e tamén deter o paso ante a intelixencia artificial, o cerebro da muller ou animaliños como tardígrados ou paxaros. O que implican lingüisticamente a conciencia, os soños, sermos unha especie máis entre millóns de especies nun planeta máis entre millóns de planetas.

Se queres, é unha especie de poesía constelada, onde a ciencia forma parte desa constelación, a carón da muller, a maternidade, a linguaxe, a natureza, a irmandade... e o san escepticismo. A curiosidade é como a tonalidade na que levo afinando unha poética durante anos.

- Como valoraría o estado actual da poesía en lingua galega?

Mmm, curioso. Por un lado, escribir poesía é sospeitoso, polo outro digno de lástima. Por un lado é prestixiosísimo, polo outro podes morrer de fame se non buscas nas lindeiras de escribir libros. Por un lado, nas librarías adoita ocupar os peores postos, por outro todo o mundo valora o lirismo de tal ou cal obra. Por un lado, a poesía parece que ten que soar decimonónica, por outro lado en Twitter, nos graffiti ou na web teño lido e anotado auténticas xoias [sempre levo algunha aos obradoiros]. Por un lado, a poesía son Chus Pato, John Ashbery ou Anne Carson e por outro, Elvira Sastre, Bob Dylan ou Neorrabioso.

Como podemos chamar a ese estado? Un estado-Xano? Bifronte?

A poesía en lingua galega, en concreto, viviu etapas non menos curiosas no século XX. Por un lado as mulleres comezaron coller forza dende antes xa dos 80, pero por outro tardaron en verse recoñecidas [Chus Pato, Luísa Villalta, Ana Romaní, até María Xosé Queizán]. Por un lado, que as mulleres escriban poemas: óptimo, pero por outro que pensen [ensaio, ciencia, filosofía...], cóllese con máis suspicacia e máis pinzas. Con todo, imos indo. Quedan feudos, pero menos. Este ano houbo premios da crítica para dúas mulleres...

Editoriais novas que apostan pola poesía. Iso é se cadra o máis novidoso. Falta crítica, crítica mordaz estilo Szymborska no Correo Literario, que baixe ínfulas e resitúe o mal talento, malia que tamén imos indo.

Estíbaliz Espinosa nun mercadillo de Valencia. (Fotografía cedida pola entrevistada)

A poesía galega foi no século XX moi filolóxica: a literatura É lingua. Todo o que teña a ver coa lingua, é literatura. Mais eu non entendo esa ecuación así, ou non unicamente así. A literatura é máis transversal, a lingua tamén. Daí que apoie dende hai anos un Día das Letras e as Ciencias Galegas. Que propoña proxectos que xunguen a lingua, a ciencia e a literatura. Antes soaban raros e non tiñan acubillo. Agora semella haber un espertar de todo iso. Faime sorrir. E sorrir con malicia. A figura de Casandra é certamente triste [xa non digamos no sentido que lle dá Rebecca Solnit, a muller desacreditada por dicir algo impropio dun varón], pero non podo evitar soltar salaios moi pero que moi poéticos farfallando polo baixo: «sabíao». E logo «mèrde, alors».

Embora, habemos estar no bo camiño. A poesía galega segue a mutar, como sempre fixo. Minha senhor escribe nas paredes, escribe ornitoloxía ou sobre liques, sobre enerxía escura...O poético é un xeito de tratar e considerar a lingua. Atravésao todo. Política, ciencia, tecnoloxía. A boa poesía cativa mesmo que non fale de nada en concreto, tamén adoro esa inconsecuencia. E alégranme proxectos de ciencia en galego, dende Efervesciencia [na radio] a Moléculas en galego [no Twitter], o Setestrelo do Consello da Cultura ou recentemente os básicos de ciencia en Xerais. Hai uns anos propúxenlle a esta última clásico de ciencia traducido e respondéranme con outro clásico do «non»: non encaixa en ningunha colección. Anos despois, xa teñen colección. Pois é unha nova espléndida.

- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou próximo a ver a luz do que nos poida adiantar algo?

Hai un par de proxectos aí, fotosintetizando. Un sería máis ensaístico, outro poético e divulgativo.

Acaba de saír «As neuronas irmás», en Arte de Trobar [o libro do Premio Afundación-Pen]. Veño de colaborar co Planetario da Coruña nun proxecto escuro, espléndido e necesario que verá a luz en breve... Tamén unha antoloxía bilingüe [La lluvia en el mar, Sial Eds.] na que se incluíron poemas meus [sabemos que as antoloxías son esmelgas moi persoais, pero curiosamente hai rachas nas que se está en todas e rachas nas que non se está en ningunha]. E quedan colaboracións con entidades como o Consello da Cultura Galega, o Cuaderno de Cultura Científica da UPV, ou a revista Principia, no ronsel da literatura científica.

Tamén colaborarei por 2ª vez cunha editorial norteamericana nun libro colectivo sobre mulleres: Broad Knowledge, da serie Women up to no good, da editorial Upper Rubber Boot.

Imaxe do libro As neuronas irmás de Estíbaliz Espinosa. (Fotografía cedida pola autora)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page