top of page

Recensión: Diego Ameixeiras, A crueldade de abril


Título: A crueldade de abril Autor: Diego Ameixeiras Editorial: Xerais

Colección: Narrativa ISBN: 9788491213383 Nº de páxinas: 136 páxs

 

Sinopse:

Un incendio nunha casa abandonada. Dous cadáveres. Un home e unha muller sen teito que se refuxiaban na vivenda. Pero a conmoción dura o mesmo ca portada dun xornal. O suceso, un de tantos titulares, cae axiña no esquecemento. Ninguén se concentrará nunha praza pola parella. Ninguén se indignará nun programa de televisión. Ninguén apelará ás nosas conciencias nas redes sociais. Eses mortos, simple estatística, descansarán baixo a alfombra da nosa mesquindade.Unha novela escura e opresiva, escrita cun desacougante lirismo, sobre a miseria moral que habita en nós. Un rexistro turbador da violencia contemporánea, na súa representación máis sórdida e brutal, sen fuxir dos ángulos en sombra dunha realidade desalentadora. Unha inspección precisa da ignominia en curso dos nosos días, relatada sen apartar os ollos do horror. Un relato atravesado por unha estraña e clarividente poesía da crueldade. Os protagonistas coñecen o abismo. Non hai aquí espazo para a esperanza. Só para unha historia salvaxe.

 

Diego Ameixeiras está de volta cun libro que, sen dúbida, é todo un ambicioso exercicio literario que merece un posto privilexiado entre toda a súa obra publicada. A crueldade de abril é un deses libros dos que un non pode saír indiferente.

O libro estructúrase en tres partes (amor, odio e vinganza) que representan perfectamente ese fío decadente da existencia tanto dos personaxes desta novela como da nosa sociedade actual. Esta estructura de base temática permite introducir distintas voces e temporalidades para contar unha historia que semella caótica de primeiras, pero que se pecha dunha forma ben trazada.

Todos os personaxes do mundo concibido por Ameixeiras son realmente noxentos tanto na súa concepción como nos seus actos. Este libro presenta personaxes viscerais dunha violencia discursiva terrible e cunha patente obsesión pola sexualidade que chega a un nivel primitivo e puramente biolóxico. Non hai ningún personaxe nin masculino nin feminino que aporte un ápice de luz á trama, mesmo o final remata por reventar a derradeira burbulla de esperanza que pode ter o lector na sociedade.

Este libro é case unha poética da crueldade e, sen embargo, non se detén en reproducir textualmente a violencia explícita. Ameixeiras consegue que o libro recenda a crueldade e non presente unha pornografía da violencia nin contido considerado "gore". Parte do mérito diso tamén corresponde a que a gran crueldade da trama atopase na psicoloxía, en temas como a violencia de xénero, os abusos, as relacións tóxicas ou de mutua necesidade e a corrupción humana ante o capital. Todos estes temas preséntanse dende un punto de vista moi realista e pouco literaturizado.

Penso que para moitos lectores pode ser conflictivo convivir con esa brutalidade e inmoralidade da trama e os seus personaxes, pero considero que iso é parte do arriscado do libro. Ameixeiras presenta a podredume que rodea ós seus personaxes dende as súas voces e iso condiciona moitísimo rexistro e discurso. O resultado considero que é moi bo, mais non apto para todas as sensibilidades.

É o de Ameixeiras un libro que xoga voluntariamente co inmoral, cheo de crítica social e unha trama aditiva, mais tamén un compendio dos elementos "sucios" do día a día. Todos eles analizados dende unha ollada determinista e cínica da sociedade na que vivimos.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page