top of page

Recensión: Montse Pena Presas, Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia.


Título: Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia.

Autora: Montse Pena Presas

Editorial: Edicións Laiovento

ISBN: 978484874041

Nº de páxinas: 172 páxs

 

Sinopse:

Que libros demostran que os feminismos deixaron a súa pegada nas obras literarias para nenas e nenos? Que grupos de mulleres comezaron a traballar a prol da coeducación e dunha literatura igualitaria en Galicia? Velaquí as dúas preguntas a partir das que nace este ensaio. Un ensaio que quixera abrir ventás, recuperando nomes de activistas, de críticas e de autoras, mais que sobre todo pretende afondar nalgunhas obras que apuntan determinadas tendencias, mostrando que os feminismos serviron na literatura infantil para que aumentasen as rapazas protagonistas (e os xeitos de selo) que aparecían nas obras literarias e para reivindicar e reler escritoras.

Ademais, as angueiras das mediadoras e das autoras feministas permitiron cuestionar a calidade e os valores das narracións destinadas á infancia e á mocidade, posibilitaron novas temáticas, deron presenza aos personaxes LGBT ou privilexiaron outros xeitos de ser nenos e mozos que escapasen aos corsés do xénero. Todo isto facilitou a creación dun lectorado máis crítico, máis imaxinativo e tamén máis empático. Por isto, este é un libro sobre libros que pensa que a literatura aínda pode cambiar o mundo.

 

Coido que a día de hoxe é preciso ler as cousas de forma distinta, aínda que as veces tamén se precisa formación previa para chegar a ese punto. Na miña opinión a literatura precisa de feminismos para crecer tanto como expresión artística como para ser, en palabras de Gabriel Celaya, "un arma cargada de futuro". Na miña opinión, Montse Pena Presas realiza neste libro unha contribución necesaria a unha historia da literatura galega dende unha perspectiva lila.

Este ensaio realiza unha panorámica dos feminismos en Galicia e, en especial, á contribución dos mesmos á literatura infantil e xuvenil galega. Parte das bases da instauración do colectivo feminista en Galicia e fai un repaso polas publicacións que se produciron tanto a nivel académico como estritamente literario. Hai neste traballo unha finalidade divulgadora combinada coa necesidade de servir como punto de partida para unha investigación complexa e a longo prazo.

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia pese a formularse dende unha perspectiva científica é un libro ameno e ben estruturado. Este é un libro cheo de referencias e con moito peso do texto propio, fronte ó costume de introducir citas textuais das obras consultadas, pecado capital de moitos textos desta clase. O traballo de reelaboración propia dos datos e a documentación fai deste texto un exercicio máis brillante se cabe.

En resumo, o de Pena Presas é un ensaio moi interesante e con moito que dicir. A súa consulta non aporta só coñecementos senón tamén unha lista de (re)lecturas a todos aqueles que o len. Sen dúbida, un traballo necesario e a inauguración dun camiño cara a constitución dunha historia feminista da LIX en lingua galega.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page