top of page

Iolanda Zúñiga (Marleen MaLone): "Nós tamén somos portadoras desa construción cultural que é o


(Marleen MaLone) Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) non foi culpable de malograr a súa vida. Foron os planetas quen se aliñaron o día do seu nacemento co fin de estampala contra a necesidade creativa. Subornou a unha astróloga para que lle refixese a carta astral, sen resultado favorable: o signo zodiacal Acuario, con ascendente en Acuario, aferrábase a ela, impedíndolle unha existencia ortodoxa. Na busca dun porvir común, obviou a quiromancia (sempre tiña as mans sucias) e a cafeomancia (a cafeína alterábaa). Suplicoulle, entón, a unha vidente, que lle augurara un futuro máis pragmático que quimérico. Nin a bóla de cristal nin o tarot a compraceron. Foi nunha terapia de regresión onde comprendeu todo: na súa vida anterior fora unha vedete, de nome artístico Marleen MaLone, á que lle encomendaran a misión de distraer as tropas no tempo da guerra. Tan ben desempeñara o seu papel que os soldados esqueceran lanzar bombas, pois andaban atarefados en desatoar os canos dos seus pistolos. Foi a bibliomancia quen lle puxo título a este manual cando a autora abriu un libro de Félix Rodríguez de la Fuente e, cos ollos pechados, sinalou co dedo unha frase: «O ruxir das femias en celo durante as noites de safari.» En Xerais, publicou o libro de relatos "Vidas post-it" (2007), o poemario "Amor amén" (2008), "Periferia" (Premio Xerais de Novela 2010) e ''Noites de safari'' (Xerais, 2018).

Texto: Bio da autora en Xerais.

Imaxe: Pelu Vidal

 

- Cómo xorde Noites de Safari (Xerais, 2018)?

Xorde como vinganza e, por extensión, como terapia. Alá polo ano 2012 coñecín un tipo egocéntrico, irrespectuoso e desorientado en materia amatoria e decidín escribir un relato vomitando as dores psíquicas que me causara ter sucumbido a el. Pero quedárame un texto moi dramático e nada atraente, semellante a un folletín de autoaxuda, mediocre para ser obxecto de consumo de futur@s lector@s. Así que anos despois decidín darlle un xiro, brusco, e tinguín o relato de humor. Intuín entón que esa fórmula si podía funcionar e foi aí cando a historia de Marleen comezou a engordar: engadín outros personaxes masculinos -algúns roubados á realidade e a maioría tirados da ficción- ata completar un libro, que finalmente resultou traxicómico.

Capa de Noites de Safari (2018) publicado por Xerais (fai click na fotografía para acceder á ficha do libro)

- Marleen MaLone é a narradora destas memorias. Cal é o xerme desta personaxe? Ocúltase algún segredo ou xogo dentro dese nome?

Marleen MaLone está inspirada nunha persoa que acompañou a miña nocturnidade hai quince anos. Pero o xerme é compartido: a predación de homes é unha arte que dominaba esa persoa, o aspecto máis emocional é colleita miña e moitas das anécdotas son ficción -ou forman parte da biografía de xentes que nos rodearon a ambas as dúas-.

Marleen MaLone e Iolanda son as dúas voces que se mesturan nesta obra. (Fotografías de Jorge Landín e Pelu Vidal)

O nome busca homenaxear unha canción de guerra que sempre me atraeu: "Lili Marleen" -así como o título e algún vocabulario empregado no libro pretenden ser outra homenaxe á serie documental "El hombre y la tierra"-. Por outra banda, a min encántame o wéstern e, logo de consultalo con Marleen, ambas quixemos, con este pseudónimo estranxeiro, reivindicar o papel daquelas mulleres pistoleiras, carismáticas, fortes e independentes, abastecidas de balas, como as que moitas aspiramos a ser.

- Este é un libro que amosa un personaxe feminino empoderado. Cal pensa vostede que son os elementos imprescindibles para construír unha personaxe tan necesaria?

Non creo que nada do que acontece na literatura sexa necesario, pero agradécello! De case todo se pode prescindir na vida, agás da vida mesma. De aí que a literatura sexa un placer (para quen le -se o texto é decente-, pois para quen escribe sempre é unha dor -sexa mediocre ou non o texto-) prescindible. A arte axuda á resistencia, pero a maioría da sociedade non a botaría en falta. Se pregunta polos elementos imprescindibles para construír unha personaxe pedagóxica, descoñézoos. De saber empregar esas ferramentas o sistema educativo non me vetaría nos seus plans de lectura e vendería moreas de libros.

Por certo, Marleen cre estar empoderada, pero os seus tropezos, enraizados en carencias, traumas e outras vivencias amargas pretéritas, din o contrario. Ela tamén leva incrustado nas carnes o machismo, e este non consente a medra da súa autoestima.

- Entre o humor, a sátira e a crítica social máis mordaz tamén atopamos unha reflexión sobre todos o daño que fan as mulleres todos eses comportamentos herdados da estrutura heteropatriarcal…

Nós tamén somos portadoras desa construción cultural que é o machismo, por iso temos que comezar identificando esa pegada en nós para poder reaccionar contra el. A baixa autoestima que padecemos, como resultado do heteropatriarcado feroz ,está presente nestes textos, si. O estrañamento ao que nos somete a nosa sociedade, ou o autoflaxelo das propias mulleres ao sentir que non son quen de satisfacer o que esa mesma sociedade lles demanda, segue vixente. Sen ir máis lonxe, o meu entorno trazara para min un decorrer vital que non cumprín. Defraudei en moitos aspectos: laboral, sentimental..., e no relacionado coa procreación. Eu, como Marleen, non elixín os camiños que o capitalismo heteropatriarcal considera adecuados. É esa ollada de conmiseración dos demais a que nos fai sentir fracasadas; en lugar de sentirnos triunfadoras, por irreverentes, por libres.

- A sexualidade neste libro trátase dunha maneira moi necesaria. Temos ante nós a realidade do sexo para as mulleres lonxe desa perspectiva romantizada do feito que a sociedade machista sempre impuxo…

O sexo sen implicación emocional tamén é algo demandado e gozado polas mulleres. Pero segue estando mal visto, mesmo por nós mesmas. E insisto no anterior: tamén somos portadoras desa construción social que é o machismo. Tod@s coñecemos mulleres que foron ou aínda son tachadas de "lixeiras de cascos", de "vida alegre", de "pendóns verbeneiros" ou directamente de "putas"; por levar a iniciativa fronte aos homes, por adoptar o rol masculino, por empoderarse. Eles adoitan recibir un único insulto, pero non menos ferinte, como o de "maricas"; por non ter esa iniciativa, por ser homes tímidos ou sensibles. Sacudirnos de enriba a época das cavernas -elas coidan d@s fill@s; eles cazan-, neste e noutros moitos aspectos, vai levar séculos. É preciso educar para combater estes aspectos retrógrados da cultura con raizame na bioloxía.

- Para rematar. Saberemos máis de Marleen MaLone no futuro?

Espero que non en plan literario, haha! Talvez debería de reencontrarme con ela, coa persoa que inspirou estes textos, e confesarlle que convertín a súa predación nocturna en materia literaria. Pero non creo que suceda. Ademais, seguro que lle incomoda saber que todo canto recordo dela, despois de tantos anos, sexa a súa arte para a caza; ao cabo, malia ser un asunto que envaidece aos homes, é algo ben irrelevante.

Fotografía da sesión fotográfica de Marleen MaLone. (Fotografía Pelu Vidal)


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page