Recensión: Marta Dacosta, Labirinto ou memoria
Título: Labirinto ou memoria
Autora: Marta Dacosta
Capa: Tokio
Editorial: Caldeirón
ISBN: 9788409012879
Nº de páxinas: 100 páxs
Penso que as vivencias e lembranzas son materiais de moitísima calidade para construír literatura. Sen embargo, tamén son un material perigoso tanto pola súa volatilidade como polo egocentrismo que promoven de base. Coido que este libro de Marta Dacosta non peca de anecdotario en clave poética, senón que afonda correctamente en todos os sentimentos de cara a facelos visibles e universais ós seus lectores.
Os textos deste libro viran arredor dos camiños da memoria e da necesidade de comprender os elementos como elos dun proceso sen fin, que ten moito de literario, máis tamén de profundamente humano. As conexións que establecemos con determinados sons, olores, situacións ou obxectos son aquelas que determinan o noso comportamento.
As relacións da autora coa realidade plásmanse no poema coa universalidade necesaria como para non ser exercicios introspectivos, aínda que pecan moito de reiterativos respecto a ideas, termos e imaxes. Considero que é un libro que continúa a liña poética e ideolóxica doutros poemarios da autora, pero que non por iso o resultado deixa de ser satisfactorio.
Labirinto ou memoria é un libro efectivo. Realiza perfectamente un percorrido polos sentidos e sensibilidades universais mediante o empirismo individual sen pecar de egocentrista. Un libro atractivo que non busca ser rompedor, senón contribuír a unha reflexión sobre a nosa memoria.