top of page

Pablo L. Orosa: "A miña idea era escribir unha historia sobre a periferia das conciencias, sobr


Pablo L. Orosa (Oza dos Ríos, A Coruña, 1985) é xornalista. Iniciou a súa traxectoria profesional en Galicia e dende 2013 traballa como reporteiro freelance de información internacional.

Neste camiño cubriu a posguerra iraquí, o conflito kurdo, a transición democrática en Birmania, o xenocidio rohingya, os estragos das maras na sociedade centroamericana (polo que recibiu o premio XII Memorial Joan Gomis), a fuxida dos refuxiados de Sudán do Sur ou a guerra contra o yihadismo en Somalia. Sempre que pode volve a Galicia para escoitar a seu avó contar historias de Foucellas.

Fálame do silencio (Xerais 2018) é a súa primeira novela.

Fotografía: Cedida polo autor

Texto: Bio en Xerais

 

- Cal é o xerme de Fálame do silencio (Xerais, 2018)?

A verdade é que non ten un único xerme. Empecei a escribir algúns capítulos fai máis de oito anos, pero despois deixei a novela nun caixón. Anos despois, miña nai recuperou un texto de seu avó que foi unha desas persoas que ‘marchou a comprar tabaco e non volveu máis’ e retomei a idea de escribir unha novela sobre iso. Dende aí, fun encaixando as pezas mentres viaxaba…de feito foi nun traxecto en autobús por Laos onde por fin lle atopei sentido ao que quería contar.

Booktrailer de Fálame do silencio. Fonte: Youtube

O proceso de escritura levoume boa parte do 2016, mentres traballaba en Guatemala. Fun engadindo tramas e personaxes a historia inicial, pero tratando de non desviarme do que quería contar: o papel da memoria (ou da súa ausencia) na construción do que somos.

- Esta é a súa primeira novela. Sempre tivo interese na creación literaria?

Creo que tiña 12 ou 13 anos cando estaba a ler La Familia de Pascual Duarte e ao rematar púxenme a escribir un conto que non valía para ler, pero a min tanto me tiña. Eu quería escribir algo como o que acababa de ler. E aínda hoxe sigo con esa teima. Eu escribo por admiración. Vou ‘collendo recorte’ do que estou a ler e trato de imitalo. Supoño que iso nótase, ou polo menos eu o noto, na novela: poderíache dicir que autor estou a ler en cada momento de escritura da novela.

Non sei se podería dicir que tivese interese na creación literaria, pero si souben pronto que me quería dedicar a contar historias. Por iso me matriculei en xornalismo, aínda que despois resultase que non é doado poder contar historias nos medios de comunicación. Mais ese xa é outro debate.

- Como é o proceso de ambientación da novela en dúas A Coruña tan distintas? Precisou de moitas horas de documentación?

A verdade é que non é unha ambientación fidedigna. A novela fala da Coruña da Transición e máis fugazmente da Coruña previa ao alzamento do 36. Pero son dúas Coruñas construídas na miña imaxinación a través de elementos que vou atopando en revistas, xornais, novelas…vou apuntando todo ou gardando os enlaces, especialmente de cousas que me resultan curiosas ou fascinantes, como o barrio chino que había no Papagaio e do que fala Cela nas súas novelas ou Luís Pousa nun artigo en La Voz de Galicia. Eu tomo iso como punto de partida e intento crear o meu propio barrio chinés.

Iso mesmo fágoo coas outras localizacións da novela, como Sidney, Madrid ou Buenos Aires. Porque é verdade que a novela ten a Coruña como punto de encontro, pero moitas das historias acontecen lonxe de alí. O que pasa é que dun ou doutro xeito rematan por afectar aos que quedaron na cidade.

- No sistema literario hai un montón de textos que teñen a guerra civil e os seus efectos como tema central. Que pensa que pode aportar a súa novela sobre este tema que non aporten outras?

Eu non diría que sexa unha novela sobre a guerra civil. De feito este non é outro libro sobre a guerra civil. A miña idea era escribir unha historia sobre a periferia das conciencias, sobre iso que se rompe cando tomamos decisións que sabemos que terán consecuencias. A guerra civil ou, máis ben neste caso, a Transición son momentos históricos que funcionan moi ben para propoñer este tipo de dicotomías: podo salvarme si, pero iso implica deixar caer a outros. A min interésanme especialmente este tipo de historias. Fai un par de anos escribín para Luzes unha reportaxe sobre un dos superviventes do xenocidio dos Xemeres Vermellos na Cambodja no que falaba precisamente do custo de saír vivo. Dos que se quedan atrás. Do vasos quebrados da memoria.

Ese é un pouco o fío condutor de Fálame de Silencio, as distintas traizóns que os tres narradores se fan a si mesmos para saír adiante e como cada un deles trata de atopar algo co que xustificarse ante os demais, mais sobre todo ante si.

- O Durban ten algún referente real ou é un espazo construído mediante pezas doutros?

O Durban é a suma de moitos lugares. De tabernas da Coruña, si, pero tamén de moitos sitios polos que viaxei nos últimos anos. Coido que os bares, especialmente os bares de mariñeiros, teñen algo máxico, de aldea gala, de reduto onde atopar historias afastadas das modas e do discurso mediático da televisión. Coñecín unha aldea moken, no mar de Andamán, onde andaban moi preocupados porque dende que chegara a televisión os cativos xa non acudían á noite a escoitar as historias dos anciáns. Agora preferían quedar vendo películas, pero nesas películas non lles ían contar que cando se retira o mar e os animais escapan cara outra das illas é porque vai vir o lafoon, que é como eles chaman aos tsunamis. Cando o de 2004, non morreu nin un só moken, porque todos coñecían o que ía pasar polas historias dos vellos. A próxima vez que aconteza, dicía un dos anciáns, van morrer moitos. Pois para min os bares de mariñeiros, como o Durban, son o último acubillo para as nosas historias deste lado da ribeira.

- Vostede como xornalista sempre anda en busca de historias. Pode ser esa a razón de elixir a un xornalista como personaxe responsable de completar esta?

Supoño que o feito de usar un xornalista como narrador foi unha forma de autodefensa. Para min todo o proceso da novela estivo cheo de inseguridades e o feito buscar un xornalista para contar parte da historia foi como empregar unha boia: sabía que nesa fase ía estar cómodo e que a historia podería avanzar sen máis dificultades. Tratábase de falar sobre un mundo que coñezo e no que teño referencias próximas, o cal facilitaba moito o traballo. As partes de Samuel Eirís eran como un pequeno descanso no camiño.

- Para rematar, ten algún proxecto literario en mente do que poida adiantarnos algo?

Por agora estou asimilando aínda todo o que pasou con Fálame do Silencio, todo o proceso de corrección, edición, promoción…quero aprender ben a lección e celebrar cada instante. Non se sabe o que pode vir no futuro. Si que é verdade que teño outra historia na cabeza, pero non é aínda o momento de meterme con ela.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page