Recensión: David Walliams, A avoa gánster
Título: A avoa ganster Autor: David Walliams
Tradutor: Moisés Barcia
Ilustrador: Tony Ross Editorial: Sushi books ISBN:9788416884100 Nº de páxinas: 232 páxs
Sinopse:
Para Ben, os venres son o peor día da semana. Mentres os seus pais ven Bailando coas estrelas, el ten que pasar a noite coa súa vellísima avoa.
Non pode faltar a sopa de repolo e a partida de Scrabble. Pero un día Ben descobre que a súa avoa agocha un auténtico tesouro…
Será a ladroa de xoias máis buscada do mundo?
Sushi Books publica por primeira vez en lingua galega algunhas das divertidas obras do actor, cómico e autor inglés de bestsellers xuvenís de éxito internacional David Walliams. A avoa gánster é un deses títulos desternillantes e de áxil lectura que axudan a crear lectores e mantelos nunha época tan complicada como é a (pre)adolescencia.
Manter tanto a capa como as ilustracións orixinais de Tony Ross é un acerto da editora, así como respectar os distintos cambios de formato e tipografía que aparecen ó longo do volume e que aportan moito dinamismo a súa lectura.
Tamén é interesante presentar os valores que transmite este libro como esenciais para a xuventude: o respecto ós maiores, a paixón por todo o aparentemente banal, o amor pola familia, a dureza tanto física como mental das enfermidades e a necesidade de combatilas aferrándose a vida.
O seu ritmo áxil e a súa trama aparentemente sinxela mais moi imaxinativa fai que este libro sexa unha inclusión acertada no noso sistema literario. Coido que os libros de David Walliams gozarán dunha recepción moi positiva por parte dos lectores.