Recensión: María Victoria Moreno, Leonardo e os fontaneiros
Título: Leonardo e os fontaneiros Autora: María Victoria Moreno Editorial: Galaxia
Colección: Árbore ISBN: 9788491510789 Nº de páxinas: 232 páxs
Sinopse:
Estas son as historias que lle suceden a Antón e mais a Leonardo.O primeiro é un estudante. O outro é un can que un día aparece por aí. Ao longo do libro ocorren moitas cousas, tanto a Antón como a Leonardo. Quen nolas conta é Antón: as aventuras no colexio, as trasnadas dos rapaces, as rifas dos profes, a amizade con Leonardo. A verdade é que non hai tempo para aburrirse. A Antón incluso lle parece que as cousas ás veces se precipitan un pouco máis. ¿É iso facerse adulto?
Esta entrada non pretende ser unha recensión crítica ó uso senón unha reflexión sobre a importancia deste libro para a LIX galega e tamén un lamento por non coñecer da súa existencia na miña infancia, cousa que de seguro tería agradecido.
Leonardo e os fontaneiros é un deses libros que definen unha traxectoria literaria e o interés da súa autora en chegar ó seu público. Presenta a posibilidade de facer diferentes lecturas do volume sen que ningunha delas sexa menos interesante que a precedente. Ó modo dos libros de Elige tu propia aventura, moi coñecidos na súa época e publicados en castelán en 1980 por Timun Mas, a autora convida ós lectores a viaxar polas páxinas do seu libro tomando decisións sobre como vivir a historia.
Pese a súa rixidez, propia dun experimento iniciático, este libro logra que a experiencia de lectura sexa diferente para os cativos e chegar a aqueles lectores que precisan dun compoñente moito máis lúdico na lectura. Antón, a voz narrativa, consegue facilmente erixirse como referente para os nenos polo realismo das súas accións e as problemáticas tan cotiás que achegan.
En resumo, Maria Victoria Moreno presenta unha historia que merece moitísimo máis recoñecemento do que tivo ata agora dentro das nosas letras. Un libro imprescindible para a nosa LIX co que os nenos poderán gozar elixindo a forma de lectura que máis lles guste e do que seguro gozarán.