Andrea Maceiras: "O acoso é un problema global que non afecta só a acosador e vítima"
Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. No eido do relato curto obtivo en varias ocasións o primeiro premio do Certame Literario do Concello de Cambre nas modalidades de narrativa e poesía, así como o segundo premio do X Certame Literario de Relatos Curtos ‘Os Viaductos’ do Concello de Redondela polo seu relato “Cando foi a última vez que pasou fame de verdade?”. A súa primeira novela xuvenil, “Proxecto Bolboreta”, é publicada na colección Fóra de Xogo en Xerais no ano 2007 como obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior. No 2010 queda finalista do VI Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia. Nese mesmo ano gaña o 4º Premio Meiga Moira coa súa obra “Violeta Tamurana” (2010), que tamén queda finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011. Con “Nubes de evolución” (Xerais, 2013) quedou finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias, 2014. Con “Volverás, golfiño” (Xerais, 2014) quedou finalista do Premio Merlín, 2013. En 2015 gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con “Europa Express” (Xerais, 2015). En 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa con "O que sei do silencio" (Xerais 2018).
Texto: Bio na web de Xerais.
Fotografía: Érica Esmorís
- Como nace O que sei do silencio (Xerais, 2018)?
A novela está libremente inspirada nunha historia real que me contou unha amiga que era profesora, algún tempo antes de que eu comezara na docencia. O relato que me fixo emocionoume moito e fíxome reflexionar sobre a idea preconcibida e moitas veces errónea que temos (ou que eu tiña) do acoso. A vítima deste caso tiña un perfil moi diferente do que habitualmente imaxinamos e iso levoume a pensar en que todos somos susceptibles de sufrir acoso e que mesmo para unha persoa acosada pode chegar a ser moi difícil chegar a recoñecerse nese papel. A sociedade invítanos a parecer fortes, felices, populares. E fainos crer que pedir axuda nos volve débiles. Iso convirte o acoso nun monstro silencioso, difícil de explicar para quen o sofre e difícil de detectar para os demais.
- Este libro non acadou o Premio Raíña Lupa máis tivo o recoñecemento do xurado como finalista…
Si. Os premios son importantes porque dan visibilidade, que é unha das cousas máis necesarias para a literatura.
- Neste libro tócase un dos temas que máis afectan á xuventude, o acoso. Coas novas tecnoloxías e as diversas posibilidades de contacto que ofrecen, o acoso neste libro non peca de describirse como escolar porque ese maltrato é constante…
As novas tecnoloxías xogan un papel importante na novela. Por unha banda, na obra reflíctese como as redes sociais son capaces de amplificar un problema que antes quedaba nos centros, pero que agora a vítima segue a sufrir na casa, no entorno familiar, en calquera lugar e momento porque a conexión é constante. Un comentario, unha fotografía, calquera feito insignificante que antes podía pasar desapercibido agora acada repercusión con celeridade grazas ao poder das redes. Pero, ao tempo, esas novas tecnoloxías axudan á narradora a superar o acontecido grazas ao blog no que vai relatando toda a historia e no que recibe apoio, respostas e suxestións da xente que a segue. Todo depende de como se empregue internet.
- Interesante é tamén que neste libro hai unha reflexión dende a perspectiva do acosador “pasivo” e non do acosado como é habitual…
En efecto, a obra está narrada desde a perspectiva de Delia, unha acosadora pasiva arrepentida que explica no blog todo que viviu. En Delia están presentes as presións do grupo, a procura da identidade, as dúbidas sobre como actuar... Actúa como unha narradora testemuña.
- A nivel narrativo escolle voces distintas, o que permite visualizar a situación dende perspectivas e temporalidades diversas. Foi sinxelo codirixir todas estas voces distintas sobre a traxedia?
A novela foi difícil no sentido de que aborda un tema delicado que afecta a adolescentes que se achan nun momento sensible das súas vidas, construíndo a súa identidade persoal e a súa forma de mirar o mundo. O feito de que existan diferentes perspectivas responde á idea de que o acoso é un problema global que non afecta só a acosador e vítima, senón a toda unha comunidade. A narradora acaba por decatarse de que os responsables do acoso tamén son aqueles que, sabendo que existe, no fan nada por evitalo, á marxe da súa condición ou idade. O resto das voces que contribúen ao relato, completan a súa visión sobre o problema.
- Delia, a voz máis principal, abre un blogue no que relata a súa visión de todos estes meses nos que acosou. Pensa que escribir é un acto terapeutico?
Escribir (igual que ler) ten algo de terapia, de catarse, de liberación. Delia é unha adolescente que busca redimirse, compartir a súa experiencia a modo de confesión. Elixe a escrita dun blog porque lle permite dar conta da súa historia desde a anonimia, ordenar o seu pensamento, reflexionar sobre o sucedido. O propio título da obra refírese a angustia que Delia sentiu ao gardar silencio ante eses feitos crueis: ela quere poñer en palabras o que viviu, avanzar a través delas e tratar de perdoarse a si mesma.
- Para rematar, ten algún proxecto en marcha sobre o que poida adiantar algo?
Teño algúns proxectos nos que estou traballando, pero ningún inmediato.