top of page

Alberto Ramos: "A simetría das bestas é unha obra que reflexiona sobre conceptos como a soidade


Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986). Licenciouse en Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da capital galega. Como xornalista, traballou como correspondente cultural do diario Xornal de Galicia até o peche da cabeceira en outubro de 2011. Actualmente traballa como freelance e colabora en medios como Sermos Galiza ou Praza Pública. Como escritor, deuse a coñecer en 2006 coa novela Dor Pantasma, publicada na colección Mandaio da Biblos tras gañar o II Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia. Tres anos despois, en 2009, acadou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo. A citada novela foi publicada no verán dese ano no diario coruñés e despois editada en formato libro por Biblos en 2010. En 2012 participou no título colectivo de relatos Sete de Biblos, que reúne narracións breves dos sete ganadores do certame da editorial encabezada por Tucho Calvo e Carmela González Boo. Ese mesmo ano consegue o Premio Vicente Risco de Creación Literaria, convocado anualmente polo Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco, coa novela Todos os días, lanzada ás librarías por Sotelo Blanco en 2013. Dous anos despois, consegue o Premio Manuel García Barros pola novela Máscaras rotas para Sebastian Nell, publicada por Galaxia en 2014. Este ano recibiu novamente o Premio Vicente Risco de Creación Literaria por A simetría das bestas.

Fotografía: Sabela Iglesias

Texto: Fonte AELG

 

- Cal é o xerme de A simetría das bestas (Urco Editora, 2018)?

Talvez A simetría das bestas comparte coa miña anterior novela, Máscaras rotas para Sebastian Nell unha cuestión: a doenza como emenda á totalidade. Nas dúas obras contamos con dous protagonistas que, en determinado momento da súa vida, reciben un diagnóstico que rompe todo. É nese instante no que xorde a reflexión, o revisionismo da existencia e mesmo o axuste de contas. Até aí, entendo, a continuidade ou a similitude no punto de partida, xa que ademais de variar por completo o ton, a forma e o estilo, tamén muda as inquedanzas e os temas. No caso de 'A simetría das bestas', a súa protagonista está definida por unha dupla sabotaxe da natureza. Nace cunha deformación, cunha mala xogada da xenética, e remata cun diagnóstico cruel. Todo o que pasa polo medio na súa vida vén definido pola necesidade de convertese na maior das bestas. Non pola fealdade, senón pola obriga de adaptarse e sobrevivir a un medio hostil. Nesa bestial identidade, vai descubrindo cuestións sobre os traumas, a soidade ou a integración, que Caridad entende que é un mito coma o do ciclope, pero peor contado. Tamén se decata de que, malia os seus condicionantes, non é tan diferente ao resto do mundo, xa que todos ao redor actúan movidas pola mesma necesidade: sobrevivir dun xeito ou doutro.

- Por qué decide presentarse a un premio literario cun texto tan arriscado e con gran peso dun contido cualificable de filosófico?

O xurado do Premio Risco cualificou A simetría das bestas como unha obra de corte filosófico, a quen agradezo a súa decisión e as súas palabras. Pero, na miña opinión, talvez sexa un termo que me queda grande. En realidade, eu xúlgoo simplemente como unha obra reflexiva, xa que Caridad Verdet analiza e esmiúza a realidade que a envolve con certa voracidade e anguria dadas as súas circunstancias. Eu apostaría por falar dunha obra que reflexiona sobre conceptos como a soidade, a enfermidade, o trauma ou a integración. É dicir, sobre a vida e as súas cousas. É dicir, como calquera obra. E calquera de nós.

- Esta é a segunda ocasión na que acada o galardón. Como foi para vostede recibir o premio de novo?

En 2012 levei o Premio Vicente Risco por Todos os días, obra que acabou publicando unha Sotelo Blanco en vías de extinción. O percorrido da obra, polas circunstancias do selo, probablemente esmoreceu antes do que debería. En certo xeito, esa circunstancia tamén provocou que decidise enviar novamente a este premio, tamén con certo interese de que se o volvía gañar, puidera ser publicado por unha editorial como Urco, que considero que está a desenvolver nos últimos anos un interesante traballo.

- O xurado destacou sobre esta obra a correcta construción dos personaxes. Que pensa que fai tan interesantes á escritora Caridad Verdet e os demais integrantes desta historia?

Entendo que é unha obra no que a construción dos personaxes resulta unha pedra angular. Son personaxes fortes, curtidos polas circunstancias e que analizan constantemente a súa contorna, a súa realidade. Chegamos a coñecelos por todas as voltas que lle dan ás súas inquedanzas e os infortunios que os asaltaron ao longo da súa existencia. O interese, entendo, procede do seu desenvolvemento e da súa forma de enfrontarse a eles mesmos, as súas circunstancias e, en definitiva, ao ambiente hostil que é o mundo.

- O trauma e a herdanza familiar do mesmo son temas que se estudan en profundidade nesta novela…

Son elementos que están moi presentes nas vidas dos dous protagonistas, Caridad Verdet e Fervaq. As súas situacións familiares son bastante estremas, mais manifestan o que é unha verdade: a familia é como unha mancha de nacemento que non se pode eliminar. Sempre esta aí, e aínda que a intentes extirpar, segue aí. Na súa ausencia, tamén está presente. Para ben ou para mal, cargamos coa herdanza familiar, é parte da xenética. Pola familia, entran os traumas familiares, os medos, as fobias e as teimas. Pero tranquilidade, que pasa nas mellores familias.

- Nesta obra pódese situar a historia nalgún espazo urbano en concreto?

Poderíase, mais tampouco é importante, xa que en realidade hai unha vontade de diluír o espazo. Non é relevante a concreción do espazo, senón que as accións narradas polos protagonistas se desenvolven nun enorme e inmenso non-lugar: as súas vidas.

- Todas as súas obras publicadas teñen detrás un galardón. Ademais do prestixioso e do económico, hai algunha outra razón pola que non buscase outra forma de publicación? Descarta facelo no futuro?

Do futuro rara vez descarto nada. A fórmula de publicar a través dos premios responde pouco ao prestixio. Probablemente quede feo, pero si realista dicir que os premios literarios, para min, significan sobre todo uns cantos meses de aluguer. Pero é que a realidade é fea. Tamén precaria. E acadar algúns galardóns de cando en vez emenda a fealdade. Tamén alivia a previariedade. Por outra banda, os certames tamén outorgan unha visibilidade que doutros modos non se acada ou, cando menos, non con facilidade.

- Para rematar, Ten algún proxecto en marcha ou a piques de ver a luz do que poida adiantar algo?

Normalmente, cando escribo, non llo comento a ninguén ou case a ninguén. É unha teima, probablemente unha conduta neurótica, a de non admitir que estou a escribir algo novo. Non sei, quizais penso que me quita unha presión que realmente non existe. En calquera caso, pódoche dicir que non teño ningún proxecto en marcha. E de telo, tampouco o admitiría.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page