top of page

Recensión: Andrea Barreira, Palabra de bruxa


Título: Palabra de bruxa

Autora: Andrea Barreira

Editorial: Galaxia

Colección: Costa Oeste

ISBN: 9788491511816

Nº de páxinas: 168 páxs

 



Sinopse:

As portas do muiño das Xanas sempre estiveron abertas para os habitantes de Queixumes.

Xeración tras xeración prestáronlles axuda cada vez que eran requiridas. Todas as súas peticións foron cumpridas, sempre a cambio de algo. Porén, a chegada de Pío Salazar á vila vai mudalo todo.

Berenice, a última muller da casa das Xanas, vai ser xulgada. Xúlgase o seu xeito de vida, o seu ser. Xúlgase a ela e ás mulleres que a precederon. A ela e ás mulleres que comparten a súa forma de entender e estar no mundo.

Esta é a historia de Berenice, pero tamén de Xoana, de Morgana, de Marga, de Catalina, de Quiteria… das mulleres que non renunciaron á voz propia. Elas toman a palabra con forza e sentímola poderosa no aquelarre, no fogar, na rúa, nos espazos onde as sitúa a vida. E canda elas as persoas que as acusan, que as sinalan, que as xulgan e as condenan sen escoitalas, que exercen o seu poder. E á súa vez aquelas coas que comparten o seu amor.

A través desta páxinas saberás o que contan as bruxas, a súa verdade.

 

Andrea Barreira fai o seu debut na colección Costa Oeste de Galaxia con Palabra de bruxa, unha novela xuvenil escrita dende unha necesaria perspectiva de xénero e que aliméntase da tradición mística galega para construír un texto tan atípico como interesante.

Aínda que é certo que na novela afóndase tamén nos rituais máxicos destas bruxas, o certo é que esta destaca principalmente pola perspectiva das bruxas como mulleres que viven en e por a súa comunidade. As relacións colectivas entre mulleres son libres de calquera crítica no libro pois fanse dende a liberdade, a vontade e o dereito a autodeterminación. Redes necesarias que xeran forzas para solventar a lamentable realidade.

Dende moi nena, nas loites de luar, Berenice acudira ao aquelarre acompañando a súa nai e a súa avoa. Alí estaban as persoas que conformaban a súa familia malia non compartir con todas lazos de sangue. [...] En cada encontro había unha liberdade salvaxe que Berenice endexamais atoparía noutro lugar. Mulleres moi distintas que configuraban unha familia caótica na que non se xulgaban unhas diferenzas que alí eran valoradas, pois nelas residía o seu poder. No aquelarre, os aloumiños eras constantes, considerábanse como algo bo, natural, que non debía ser pechado nin oculto, como tampoco supuña algo pudoroso o feito de despoxarse das roupas como quen quita un disfrace que as apreixaba. Así volvían ser unha coa Natureza. Animais que aproveitaban o seu raciocinio sen esquecer as súas emocións, as súas paixóns... (páx. 91)

Este tipo de liberdades son as que tenta eliminar a sociedade na que viven, baseada na moral católica e na que a Inquisición conforma un órgano ditatorial terrible. Estas mulleres son xulgadas por toda a sociedade pola súa vida amoral e condenadas a vivir no silencio. As torturas que sofren teñen cabida nesta historia sen censurar a súa brutalidade, pois é tan necesario facela pública como a opresión que sofren en todos os ámbitos da súa vida. Ninguén lembra as veces que estas bruxas axudaron ós habitantes da cidade, as diferentes relacións interpersonais que estableceron con elas ou a cantidade de consellos recibidos. O que asusta non é a maxia destas mulleres senón a súa liberdade.

A nivel narrativo nesta novela hai moito de bruxería en canto a intermitente introdución de distintos episodios ou situacións puntuais entre as distintas partes deste longo xuízo no que Berenice non ten ningunha ocasión real de defenderse. Todos estes episodios aportan a historia moita profundidade e tamén aportan dinamismo a un proceso institucional bastante lento.

En resumo, coido que este libro de Andrea Barreira ten moito que ofrecer ó público xuvenil. Destacable é, especialmente, a mensaxe que transmite e que no final do libro esta ten especial forza e espectacularidade. Pola miña parte non podo facer máis que convidarvos a participar deste aquelarre.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page