top of page

Recensión: Ledicia Costas, A balada dos unicornios


Título: A balada dos unicornios

Autora: Ledicia Costas

Ilustradora: Mónica Armiño

Editorial: Xerais

Colección: Camaleón

ISBN: 9788491214052

Nº de páxinas: 192 páxs

 



Sinopse:

A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución... e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos. Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios.

 

Despois dunha primeira e satisfactoria introdución no subxénero do Steam Punk para o público infantil con A señorita Bubble, Ledicia Costas publica esta nova novela para o público xuvenil no que da un paso de xigante na construción dunha fantasía digna dun subxénero que nace da man de Verne, Wells, Shelley e que se consolida actualmente con escritores como China Mieville, Leigh Bardugo ou o cineasta Hayao Miyazaki.

A balada dos unicornios é unha novela que reproduce un mundo perfectamente detallado no visual. O ambiente victoriano, a fascinación pola máquina mesma e como elemento integrable no humano, os máis peculiares medios de transporte, as vestimentas e os inventos descríbense no texto cunha intensidade e detalle que o propio lector é capaz, sen moito esforzo, de imaxinalos. Ademais temos as excelentes ilustracións de Mónica Armiño que axudan en moitos casos a plastificar o mundo que Ledicia crea.

Con respecto a trama da novela, temos que sinalar que a novela carece dunha introdución clásica e é trepidante dende o inicio. Unha novela de aventuras na que somos nós quen construímos as nosas valoracións sobre feitos e personaxes co paso das páxinas. Coido que esta trama está chea de homenaxes a distintas ficcións literarias e audiovisuais e incluso figuras históricas con nome e apelidos. Penso que é de valorar a capacidade de autora de combinar tantos e tan peculiares aspectos e facelos seus na novela.

Respecto ó estilo temos unha novela moi ben construída e cunhas descricións que son capaces de producir no lector todo tipo de sentimentos. Os momentos máis violentos resultan moitas veces complicados de dixerir pero combínanse con outros cómicos e mesmo algúns de carácter reflexivo. Penso que isto non é unha sorpresa no caso das novelas da autora viguesa.

Como aspecto negativo unicamente sinalo que a construción do mundo de maneira visual é fantástica, mais boto un pouco de menos un trato máis profundo do aspecto territorial e organizativo. É complicado introducir estes aspectos máis políticos e sociais nas novelas de aventuras sen que sexan indixeribles, mais penso que farían o mundo aínda moito máis interesante. Un mapa territorial ou unha árbore xenealóxica serían un "parche" aceptable.

En resumo, Ledicia Costas escribe unha historia á altura das expectativas dos seus lectores. Unha aventura chea de reflexións sobre o amor, os sentimentos, a importancia de loitar pola liberdade e a amizade. Unha novela que non por casualidade recibiu o Premio Lazarillo.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page