Recensión: Iria Misa, Mamá, quero ser Ziggy Stardust
Título: Mamá, quero ser Ziggy Stardust Autora: Iria Misa
Ilustradora: Alba Barreiro Editorial: Xerais ISBN: 9788491214151 Nº de páxinas: 224 páxs
Sinopse:
Aine contaba nove anos a primeira vez que viaxou cos seus pais de vacacións. Naqueles días, ademais de percorrer a cidade, visitaron unha exposición. Era sobre unha estrela de rock que mudaba de aspecto coma os camaleóns. Un arreguizo estraño percorreulle o corpo cando se fixou na roupa que vestía, pois non soubo se era de home ou de muller. Emocionouse ao ver que tiña o cabelo roxo, tan semellante ao seu. Escoitou aquela canción que falaba dun extraterrestre que só quería cantar e bailar e tivo unha revelación: Aine, de maior, sería igual que Ziggy Stardust, un músico marciano que podía ser todo o que lle dese a gana. Coa axuda de Thomas, o seu inseparable amigo imaxinario, íao lograr.
Iria Misa da outro paso máis para establecerse como unha das autoras máis interesantes da nosa LIX con Mamá, quero ser Ziggy Stardust (Xerais, 2018), unha novela coa que foi finalista do Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade na súa primeira edición. Unha proposta moi entretida para o público infantil así como interesante respecto ós valores que presenta.
Gústame falar desta novela como unha "novela de violencias", algunhas son simplemente sistemáticas e que parten da estrutura patriarcal e da vida en sociedade; mais outras son as violencias autoinflixidas polo propio individuo e xorden da imposibilidade dunha autodefinición. Aine nesta novela vive nunha continúa batalla e na que é moi complicado atopar aliados, mais cando consigue recoñecerse así mesmo, comezará outra nova batalla da que seguro que será o gañador.
Respecto a narrativa da obra, o máis interesante é a introdución de Thomas como narrador da obra e un vínculo entre lector e Aline. Unha terceira persoa física, mais incorpórea, que distanciase da súa propia humanidade e xoga en termos de estrañamento, cousa que acae moi ben a problemática de Aline e por iso constitúe unha prolongación máis dun eu que non se autorecoñece nunha configuración socialmente imposta.
Coido que este tipo de novelas son as que deben ser lectura obrigatoria nas escolas galegas. Historias entretidas, escritas por e para un público complexo e curioso que necesita coñecer todas as realidades, e que expresan as inxustizas sociais con aquilo que é diferente dende un punto de vista sinxelo de comprender para a rapazada. Sen dúbida, unha das historias mellor construídas de Iria Misa.