Recensión: Moncha Fuentes, O mar que nos leva
Título: O mar que nos leva Autora: Moncha Fuentes Editorial: Xerais ISBN: 9788491214519 Nº de páxinas: 160 páxs
Sinopse:
Cun comezo fascinante e unha enorme capacidade evocadora, O mar que nos leva é unha novela que nos arrastra, da man dunha muller chamada Mariña, pola memoria persoal, política e social das loitas obreiras do Vigo de 1972, dos movementos estudantís do ano 68 en Compostela e da emigración a Bos Aires dos anos 30. Esta é unha novela narrada con enorme detallismo e minuciosidade na descrición de atmosferas, espazos e territorios físicos e emocionais, que fai gala dun rexistro lingüístico brillante. Nun momento crítico da súa vida, Mariña Brei percorre o seu pasado e o da súa familia, desde Mens a Pontevedra, dándolle forma a unha novela espléndida, ateigada de referencias literarias e políticas, de conflitos persoais, que envolve aos lectores e lectoras nun remuíño de sensacións e intensas vivencias.
A docente Moncha Fuentes debuta como narradora da man de Xerais con O mar que nos leva, unha novela curta con moitísima forza e que arrastra ó lector nun mar de referencias espaciais, políticas, persoais e sociais, que fai da súa lectura un exercicio de supervivencia literaria. Ese detallismo fai da historia unha interesante testemuña a nivel histórico de moitos dos acontecementos da historia recente do país.
Sorprende neste libro a capacidade evocadora que ten e que fai que o lector pase as páxinas a gran ritmo, sorprendido polos longuísimos, mais acertados, períodos sintácticos da súa prosa e tamén polo orgánico do texto, que ten moito de ser vivo.
Precisamente na súas bondades están os seus problemas. Coido que esta novela, pese a que busca transmitir unha aparente sinxeleza, pode que non chegue a calquera lector dunha forma sinxela polo espontáneo, mais non impulsivo, da súa narrativa. É sinxelo chegar a idea xeral do texto, mais é complexo almacenar todas as referencias que nel se atopan e reflexionar sobre elas.
En resumo, O mar que nos leva é un libro dunha lectora e amante da lingua destinado a lectores habituais. Un libro moi dinámico e unha delicia a nivel narrativo e estilístico. Sen chegar a ser incómodo, o texto de Moncha Fuentes consegue transmitir unha fluidez que arrastra ó lector polo seu mar literario.