Recensión: Suso de Toro, Dentro da literatura
Título: Dentro da literatura Autor: Suso de Toro Editorial: Xerais ISBN: 9788491214663 Nº de páxinas: 192 páxs
Sinopse:
Este libro quere ser unha introdución á literatura, aínda que tamén debe ser o relato da conformación dun escritor. Porque escribir literatura é un oficio severo que conforma a persoa, porque un escritor é unha persoa conformada na súa natureza por ese oficio da palabra. Esta é unha visión personalísima da experiencia literaria, que Suso de Toro quixo compartir.En palabras do propio autor, «escritores e escritoras evolucionan como persoas, no curso do tempo, e como creadores literarios, no curso da súa obra e das súas porfías estéticas. Hai algún momento en que un olla atrás e hai algún momento posterior en que un comprende que a tarefa está feita: aí é cando semella natural compartir, repartir ou, simplemente, contar o vivido e o aprendido».
Como filólogo e persoa interesada na literatura sempre tiven entre as miñas lecturas obras de carácter teórico que serven de introdución a moitos conceptos da teoría literaria ou da literatura comparada e mesmo problemas que ningunha das disciplinas resolveu con eficiencia. Por este motivo penso que este libro de Suso de Toro non se integra neste tipo de textos senón nunha categoría especial.
É evidente que neste libro fálase de literatura dende a óptica daquela persoa que lee e que ó mesmo tempo forma parte do sistema literario. Hai unha visión crítica con certas consideracións románticas sobre a literatura e o oficio de escribir mais dende a tenrura daquel que ama tan estraña profesión. Unha visión moi persoal, sen caer no excesivo intimismo, dun dos autores máis prolíficos das nosas letras.
Este título expresa tamén as inquietudes do escritor ou as valoracións mesmas sobre certos temas moi discutidos dentro da crítica literaria tanto académica como a máis amateur. Hai neste libro un profundo interese en expresarse sen equívocos e transmitir unha opinión propia e trazada durante unha longa carreira literaria.
Dentro da literatura é un libro que ben merece unha oportunidade tanto pola serenidade, intelixencia e bo facer do autor e polo interesante das súas opinións. Tedes o pracer de ler a un autor brillante falando do oficio de escribir na súa propia lingua, non o perdades.