top of page

Recensión: Ledicia Costas, Infamia


Título: Infamia Autor: Ledicia Costas Editorial: Xerais ISBN: 9788491210160 Nº de páxinas: 232 páxs

 






Sinopse:

Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos?Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura. Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.

 

Ledicia Costas é sen dúbida unha das autoras de máis éxito no noso sistema literario e no panorama literario nacional. Venerada polo público infantil e xuvenil polas súas historias, o público adulto agardaba o seu debut como narradora para adultos con impaciencia. Por fin temos entre as nosas mans Infamia, unha obra que se a tivese que describir cunha palabra sería esta: brutal.

Infamia é quizá unha das obras máis voluntariamente incómodas que lin en moito tempo. A atmosfera que Ledicia Costas crea é completamente gris e asfixiante. Existen puntos luminosos en forma de seres humanos pero tan contaminados polas súas historias previas que non teñen a suficiente forza como para transcender. A calidade narrativa da autora atrapa ós lectores, pese a súa resistencia, nese Merlo, un lugar tan triste e escuro como desgraciado.

Durante a súa lectura dinme conta que a novela non pretende ser unha historia cun final feliz ou infeliz. Coido que tampouco pretende limitarse a ser unha ficción. Infamia é unha historia que analiza a sociedade coa precisión de un cirurxián e sinala a escuridade que a humanidade agocha. Escuridade que se integra dende a propia infancia cando esta non foi o suficientemente feliz ou normal. A destrución da infancia é o primeira base que leva a infamia nesta novela.

Emma Cruz é a voz principal desta historia e a miña sensación ó comezo é que era o único puro que existiría en Merlo. Muller que cometeu e comete erros, mais que era unha voz do cambio. Unha persoa formada e liberal que pretende coñecer a cidade de Merlo e os seus habitantes para solucionar un caso que podería dar algo de luz a esa cidade. Que equivocado estaba. Emma Cruz é unha personaxe ferida de comezo a fin e que pese a súa bondade e os seus esforzos, non deixa de ser un personaxe tan destruído pola sociedade coma outros. Ela non pode ser artífice do cambio na cidade, pero a cidade xera un cambio na súa persoa.

En resumo, Infamia é unha desas obras que tras a súa lectura fan reflexionar moitísimo. Unha historia que non se va da cabeza aínda que peches o libro. Sen dúbida unha obra brillante e, na miña opinión, a mellor do que levamos de ano literario.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page