Recensión: María Solar, Quokka Moka
Título: Quokka Moka Autora: María Solar
Ilustrador: Victor Rivas Editorial: Xerais ISBN: 9788491214830 Nº de páxinas: 152 páxs
Sinopse:
Os quokkas son os únicos animais do mundo que sempre sorrín. Unha especie australiana de marsupiais que está en perigo de extinción. Imaxinas un animal que sempre sorrí, pero que é realmente insoportable? Pois esa é a nosa Quokka Moka. Insoportable ata fartar. Un día, sen querer, extermina a súa especie e só sobreviven ela e mais a súa riseira avoa, que quedou moi enfadada. As dúas, coa axuda do espírito do sapo Roco, o seu mellor amigo, deberán ir ao Antiuniverso na procura dos quokkos para tentar recuperar a especie.Unha divertida aventura vivida entre o mundo do dereito e o mundo do revés.
Ás veces é necesario que os máis pequenos atopen títulos cos que teñan unhas horas de diversión tan intensas que orixinen neles a necesidade de consumir historias. Se tivese que entreter a un neno toda a tarde cunha lectura fantasiosa e divertida, sen dúbida Quokka Moka sería unha das miñas opcións.
Durante a lectura deste título paseino fenomenal. Unha historia delirante, nada habitual e profundamente cómica sería unha descrición xenial para o novo libro de María Solar. Os máis pequenos da casa e tamén os seus adultos teñen a oportunidade de gozar dun libro que inmediatamente converte os seus lectores en quokkas, é dicir, non poden parar de sorrir coas ideas de bombeiro de este peculiar grupo de animais.
O tandem María Solar-Victor Rivas consegue crear un mundo de diversión, cheo de cores e de historias disparatadas que consegue que os lectores non aparten a vista das páxinas e mesmo se deteñan a comentar as fantásticas ilustracións de Victor Rivas.
Ilustración de Victor Rivas en Quokka Moka. (Fonte: http://vrilustracion.blogspot.com)
En resumo, un libro coma este é unha delicia. Sen dúbida recomendo este título a todos os nenos e nenas galegos e ós pais que non atopan ese libro que sexa capaz de converter ós fillos en lectores voraces. Este pode ser un dos libros e, por sorte, témolo na nosa lingua.