Recensión: Stefano Benni, Margherita Dolcevita
Título: Margherita Dolcevita
Título orixinal: Margherita Dolcevita
Autor: Stefano Benni
Tradutor: Moisés Barcia Editorial: Rinoceronte ISBN: 9788417388140 Nº de páxinas: 230 páxs
Sinopse:
Margherita é unha rapaza de quince anos cunha imaxinación desbordante, moita ironía e inocencia, aínda que sen ser inxenua. Cun corazón defectuoso e algúns quilos de máis, Margherita vive coa súa excéntrica familia nas aforas da cidade, nun lugar poboado por xitanos, inmigrantes ilegais e personaxes que enriquecerán as súas experiencias.
Un bo día constrúen ao lado da súa casa un xigantesco cubo negro. É a casa dos seus novos veciños, aparentemente modélicos, pero que o van arruinar todo.
Literatura infantil e xuvenil é sempre unha etiqueta complexa para outorgar a calquera obra. Xa non so polo público ó que vai dirixido senón polos temas que trata. Teño claro que a literatura é unha das artes que máis posibilidades ofrecen, polo que aínda que tentemos establecer fronteiras, a cousa non é sinxela.
Margherita Dolcevita é un deses libros "totais" con respecto ó público ó que se dirixen. Unha obra da que gozan grandes e pequenos pola gran cantidade de temas que toca e polas lecturas que se atopan dentro deles. Neste libro é posible ler unha historia de aventuras e desventuras dunha rapaza peculiar, ata unha sátira delirante da poboación italiana e das estruturas familiares.
Este aspecto pode aplicarse tamén a linguaxe. Margherita Dolcevita é unha obra que non ten censuras de ningún tipo e que chama as cousas polo que son. Cousa que pode semellar agresiva nun primeiro plano pero que sen dúbida é unha mostra de realidade. Dicir as cousas tal e como son xeran tamén no lector a liberdade de normalizalas. Exemplo disto pode ser a sexualidade adolescente.
En resumo, Margherita Dolcevita é un libro moi entretido e do que todos os públicos poden gozar. Non coñecía a obra de Stefanno Benni e tras a lectura desta obra e de Tierra (Anagrama, 2006)*, coido que pode ser interesante integrar todas as súas obras no sistema literario galego.
*En castelán. Orixinal co título Terra (Feltrinelli, 1983)