top of page

Carlos Labraña: "Para min o teatro é representar un soño"


Carlos Labraña naceu en Cedeira en 1969. Fundou en 1988 o Colectivo Garola, dedicado á creación e montaxe de pezas de teatro infantil. Con eles participou na escrita de varias pezas dirixidas ao público máis novo, das que podemos salientar: O segredo de Daniel e A escada, ambas as dúas gañadoras do Certame Xeración Nós. Máis adiante, continua a escrita de maneira individual ou en colaboración cos seus irmáns Antón e Sabela con pezas como: O teatro dos soños; Indo para o Samaín, baseada na festa das cabazas; Os sons da buguina, finalista do Premio Meiga Moira; Teatro de xoguete, Premio Estornela; e Espantallo, Premio O Facho. Recentemente, formou o grupo de teatro Os Furabolos, para levar á escena ás súas obras.

Fotografía: Cedida polo autor.

Texto: Bio do autor na web de Galaxia.

 

- Que é para Carlos Labraña o teatro infantil?

Para min o teatro é representar un soño durante un curto espazo de tempo derriba dun escenario. Con el inventouse hai moitos séculos a realidade virtual. E en concreto se falamos do teatro infantil, aquel que conta historias que podemos comprender todas as persoas, tamén as nenas e nenos, que non son, aínda que algúns adultos o pensen, nada parvos.

- Que ten o público infantil que non ten o adulto?

Sinceridade, se non lles gusta unha peza non o agochan, móvense nas cadeiras ou dinllo as súas nais e pais, chegando incluso a querer marchar da sala. Enerxía, as nenas e nenos implícanse moito máis nunha representación que os maiores e gústalles participar cando se lles pide. E son moi agradecidos cando o pasan ben. A min encántame actuar para eles.

- Pensa que o teatro pode ser un elemento didáctico moi útil nas aulas?

O teatro, tanto lido como representado, pode ser moi útil nas aulas. As lecturas dramatizadas supoñen, entre outras moitas cousas, poder incorporar a todas as alumnas e alumnos sen deixar a ningún atrás ou un motivo xustificado para ler e reler un texto en voz alta e mellorar así a fluidez lectora. De feito, nos países anglosaxóns é un dos xéneros que máis se emprega nas escolas para aprender a ler. Se falamos da representación, imos un paso máis alá, xa que hai unha morea de contidos transversais que entrarían a maiores, como o de falar e moverse en público, realizar vestiario, preparar escenografía, organización…,en definitiva, un gran traballo en equipo. Por iso para min é a materia total.

- Cre que as ilustracións que acompañan os libros de teatro infantil teñen unha importancia desmedida na súa lectura e na concepción da posible representación?

As ilustracións nos libros infantís son importantísimas, xa que dan unha visión diferente do texto que a do autor e se se complementan ben poden chegar a engrandecelo. E no caso dunha peza teatral non é distinto. Iso non quere dicir que á hora de representarse se tomen de referencia para o vestiario ou escenografía, xa que son linguaxes diferentes.


- En Estrelecer (nun mundo onde as rapazas poidan ser libres), a súa última peza, todas as personaxes son femininas...

Eu había tempo que tiña a idea na cabeza, xa que no teatro prodúcese unha grande contradición, a maioría das persoas que participan nel son mulleres e, en cambio, as personaxes femininas que atopamos nas pezas son minoría e cunha importancia menor do desenvolvemento do argumento. Pero non foi ata Estrelecer, cunha historia a prol da igualdade, cando o conseguín levar a cabo.

- E son rapazas diferentes das que atopabamos ata o de agora na literatura...

Lévannos toda a vida contando historias nas que cando hai grupo de rapazas e rapaces que inician unha aventura elas sempre teñen un rol secundario, son medorentas e déixanse guiar polos seus compañeiros masculinos. Por iso, nestes novos tempos que vivimos, hai que cambiar esa visión machista da realidade. E eu quero participar activamente nesta loita, porque se imos á procura dun mundo onde as rapazas podan ser libres, o seremos todas.

- Cando poderemos ver unha representación de Estrelecer como espectáculo? Vaina estrear co seu grupo Os Furabolos?

Non creo que a poida representar coa miña compañía, somos poucos aínda que ben achegados. O que agardo e que teña unha boa acollida nos institutos e as rapazas se animen a representala. Mentres tanto, poderemos asistir á lectura dramatizada por actrices profesionais que se fará na sede da SGAE en Santiago o próximo outono.

- Pensa que o teatro ten o recoñecemento que debería ter no ámbito cultural do país?

O teatro ten un recoñecemento importante na nosa cultura, pero o que precisa é un pouco máis de apoio da sociedade e das institucións. E se falamos en concreto da literatura dramática, as editoriais teñen que tentar normalizar a publicación de textos teatrais creando coleccións específicas para visibilizar este xénero, xa que existe unha gran demanda por parte das escolas.

- Para rematar, cal pensa que é a chave do éxito para un teatro infantil de calidade?

Pois o de calquera actividade dirixida ás nenas e nenos, traballar co mesmo nivel de esixencia que fariamos cando se pensa noutros públicos.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page