Recensión: Diego Alfonsín, Non o saben as estrelas
Título: Non o saben as estrelas Autor: Diego Alfonsín Editorial: Xerais ISBN: 9788491214298 Nº de páxinas: 96 páxs
Sinopse:
Antonio escribe bañado en lágrimas nun xélido garaxe da cidade de Lisboa. Carla fala da morte de Giuseppe Verdi, de corazóns detidos no medio da noite e do coro dos escravos de Nabucco a agromar entre a néboa. Nunha nota de despedida, Natsuki escribe na parede sobre rumores de pasos e a desaparición da neve. Castro quere coñecer a terra dos seus devanceiros e a noite antes de partir un irlandés canta onda unha fiestra cos ollos incendiados. Vidas que se adhiren á conciencia conformando unha familia de voces que poboan o día a día dun hostal de cuartos compartidos no centro da cidade onde o ronsel das súas presenzas desaparecerá, empurrado polo incesante ir e vir doutros viaxeiros.Gañadora da XXIV edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, o xurado salientou de Non o saben as estrelas «a súa orixinalidade temática e o carácter innovador dun texto de lectura engaiolante e capacidade envolvente».
As veces moitos libros en galego non reciben moita atención pola cantidade de novidades que saen as librerías cada mes, pola ausencia dunha personalidade literaria importante ou por a coincidencia en espazo e tempo con outros libros máis desexados polo lectora. Por iso aproveito para traer o comentario dun texto que foi bastante pouco comentado no seu momento, mais penso que ten cousas interesantes que dicir.
Non o saben as estrelas de Diego Alfonsín é unha novela curta que recibiu o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e que sen dúbida é un texto iniciático mais no que se visualiza bastante talento. Por suposto nesta historia hai moitas eivas en relación coa súa estrutura ou algúns feitos non perfectamente detallados e que afectan á comprensión, mais sen dúbida neste título hai bastante materia literaria.
Na miña opinión, este é un libro que se compón de moitísimas imaxes diversas que se crean en base a actitudes e situacións habituais na nosa sociedade, mais as ligazóns que se realizan entre elas teñen moito de literarias. Diego Alfonsín constrúe un texto con moitas ideas sólidas e trazadas cun carácter innovador e que realmente conseguen que o lector se interese polo texto. O que conta pode ser criticado de moitas formas mais a forma de contalo é bastante interesante.
Todos os personaxes desta novela están afectados pola inmundicia do mundo no que viven, e existen en base as súas necesidades máis profundas, tanto que as necesidades primarias non son relevantes na novela. Todos circulan pola cidade que o autor crea, sen pasar realmente por ela. Os personaxes vagan por ela esperando unha oportunidade que nunca chega e que rematará en desgraza.
En resumo, coido que este libro de Diego Alfonsín merece unha oportunidade. Non é un libro perfecto mais é bastante interesante de ler e hai no fondo algo de talento literario que con traballo pode dar lugar a moitos títulos interesantes.