Recensión: Emma Pedreira, Os corpos invisibles
Título: Os corpos invisibles
Autora: Emma Pedreira
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491215844
Nº de páxinas: 208 páxs
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019
Sinopse:
L. C. é unha rapaza de quince anos que traballa desde os oito nunha fábrica téxtil de Londres en plena Revolución Industrial, onde as nenas escravas son parte da produción en cadea. A vida de L. C. dá un xiro cando cae nas súas mans unha carta escrita por Prometea Stoner, unha muller de familia acomodada propietaria dunha cadeira de rodas motorizada, unha saúde fráxil, toda unha lenda sobre as costas e unha vontade de ferro. As súas vidas non poden ser máis diferentes, pero ambas as dúas buscan a liberdade, a existencia e o recoñecemento que a sociedade lles negaba a elas e a todas as súas compañeiras.
Tras gañar o Premio Xerais de Novela 2018 con Besta do seu sangue, Emma Pedreira repetiu galardón, neste caso na categoría xuvenil con Os corpos invisibles, unha novela xuvenil de bastante interese por toda a información que contén e que constitúe unha homenaxe as grandes mulleres da época, invisibles en case todas as disciplinas do coñecemento ou da arte.
Os corpos invisibles é unha historia que serve de antoloxía dos abusos e discriminacións ás mulleres na época Industrial, mais tamén é unha novela que enche de luminosidade as relacións entre moitas mulleres que viven situacións de desigualdade. Na novela aparecen nomeadas, aínda que tamén existen referencias indirectas, moitas das figuras femininas máis importantes nas súas disciplinas, así como tamén temos noticias de momentos históricos relevantes para a historia da muller durante a lectura.
A necesidade da creación de vínculos entre mulleres como L.C e Prometea Stoner como a forma máis poderosa de loitar contra a súa situación é un feito que convida sempre o optimismo e fai da lectura un texto necesario. As mulleres desta novela caracterízanse pola súa realidade, xa que esnaquizan todos os arquetipos impostos pola sociedade, e a súa verdade traspasa conceptos considerados canónicos polo patriarcado. Prometea Stoner é, por exemplo, un suxeito do cambio e ten unha forza incrible pese a todos os atrancos que sufre na vida.
En resumo, Os corpos invisibles é unha novela que convida ó público xuvenil a facer visibles as historias de todas aquelas mulleres que foron invisibles durante tantos anos e que a día de hoxe, desgraciadamente tamén o son.