top of page

Recensión: Paco Martín, O home que mercou un libro


Título: O home que mercou un libro

Autor: Paco Martín

Editorial: Galaxia

Colección: Costa Oeste (116)

ISBN: 9788491210160

Nº de páxinas: 104 páxs

 

Sinopse:

“Son as nove e vinte minutos do día 23 de xuño e hai menos de media hora que Aníbal Hortensio López da Carricova saíra da casa coa intención de camiñar os tres ou catro quilómetros que, de acordo cos consellos do médico, debía andar cada día para beneficio do seu corpo e mesmo da súa mente. Aníbal non ten máis ca vinte e catro anos pero non poderiamos dicir que estea en moi boa forma física. Sóbranlle oito ou dez quilos de peso en opinión do seu endocrinólogo, e na do monitor do ximnasio ó que ás veces acode cumpriría darlle elasticidade a uns músculos que teñen unha clara tendencia a se atrofiar por escaseza de uso...”

Así dá comezo esta nova obra de Paco Martín que é, sobre todo, un libro sobre os libros, sobre o esforzo que hai detrás de todos e cada un dos libros. Un libro para ler os que devecen por ler como respirar.

 

Cando lin a sinopse deste título de Paco Martín, interesoume moito a súa lectura pola temática que na súa información promocional atopamos: «Así dá comezo esta nova obra de Paco Martín que é, sobre todo, un libro sobre os libros, sobre o esforzo que hai detrás de todos e cada un dos libros. Un libro para ler os que devecen por ler como respirar». Sen embargo, teño que dicir que considero que parte das consideracións previas non están moi ben expresadas con relación co texto que atopamos cando comezamos a ler.

É evidente que esta é unha novela no que o libro como obxecto cultural é o protagonista, mais eu comprendo que a pretensión do autor é a de construír un texto na que o libro reciba a valoración que merece como patrimonio cultural e como ferramenta de construción dunha sociedade mellor. Iso non ten que ver co esforzo que hai detrás da creación dun título, ou a metaliteratura (libro sobre libros) que é o que se promove na súa sinopse. Non existe ningunha reflexión sobre o proceso creativo, tampouco sobre a figura do autor, nin sequera sobre o traballo no sector editorial ou nos puntos de venta.

É dicir, Paco Martín preséntanos unicamente unha dinámica historia sobre unha persoa que a través do contacto cun libro ve como as súas relacións sociais cambian e como todos os que o rodean, en contacto co libro, transmiten libremente o seu parecer sobre o mundo no que habitan. En resumo, unha historia de amor ós libros.

En relación coa estrutura da novela, esta basease nun formato bastante mecánico. Case todos os personaxes teñen un contacto co libro que porta Aníbal, o noso protagonista, e isto xera unha sensación de repetición constante que non é a desexada. Certo que as historias individuais en relación co libro son interesantes e moitas veces entretidas, mais como se chega ás mesmas segue conceptualmente os mesmos esquemas. A súa brevidade fai deste un aspecto non esaxeradamente molesto, mais coido que desmerece moito o conxunto de boas ideas que existen no propio texto.

En resumo, considero que este é un texto potencialmente moi poderoso, mais a súa estrutura repetitiva e a concepción errónea que do mesmo se promove fai del un libro aceptable, mais lamentablemente non da calidade que eu agardaba.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page