Recensión: Tamara Andrés, irmá paxaro
Título: irmá paxaro
Autora: Tamara Andrés
Ilustracións: María Montes
Editorial: Cuarto de inverno
ISBN: 9788409158751
Nº de páxinas: 75 páxs
Sinopse:
Irmá paxaro é o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo. A autora, Tamara Andrés, emprega a poesía, nun texto profundamente narrativo, para mostrarnos a dispar evolución de dúas irmás que mantiñan un elo na infancia que lles permitía ser elas mesmas até que quebrou co despregar das ás da irmá pequena; a irmá paxaro.
É unha ledicia ter entre as mans un libro de Tamara Andrés e que ó mesmo tempo coincida coa estrea de cuarto de inverno, un novo selo editorial que amosa un amor polos libros que vese perfectamente expresado nas belísimas edicións dos seus dous primeiros títulos. Un pracer por partida dobre.
irmá paxaro é un libro que xoga constantemente na dicotomía entre tempo e esquecemento. As relacións entre estes dous entes abstractos materialízanse na figura de dúas irmás que puideron ser elas mesmas ata que o tempo ditaminou sentenza. O texto é profundamente narrativo pese a súa evidente disposición e carga lírica, e está cheo de imaxes, aparentemente cotiás, construídas e analizadas por unha ollada nostálxica e metafórica. Constitúe en si mesmo un canto a aquelo que foi, ó que se viviu con intensidade e que non se pode recuperar.
Especialmente destacable deste título é, na miña opinión, a creación dun non lugar literario onde residen todos os capítulos da vida destas dúas irmás e que, ó mesmo tempo, resulta un recipiente hermético onde capturar todos aqueles momentos e pantasmas cos que contactan as dúas irmás durante a vida. Isto converte ó texto nunha fonte constante de emocións.
Para rematar, irmá paxaro é un poemario non so estéticamente fermoso, senón tamén rico no seu contido. Neste texto é moi sinxelo empatizar co eu poético ó mesmo tempo que acompañámolo polo seu percorrido vital. A elegancia formal, aderezado coas incribles ilustracións de María Montes, e a calidade e profundidade dos sentimentos que nel se atopan, fan desta lectura un título moi recomendable.