Carlos Negro: "Gústame a poesía contaminada polo día a día das cousas, non perfecta, que corra
Carlos Negro (Lalín, 1970) é docente e escritor; da súa autoría son obras como Far-West (2001), Makinaria (2009) , Penúltimas tendencias ( Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil do ano 2014 ), Masculino singular (2016) ou Aplicación instantánea (Premio Jules Verne de literatura xuvenil no 2018) ; iniciouse no xénero poético con as laranxas de alí babá (1998). Recibiu tamén o premio Johán Carballeira polo poemario Héleris (2003) , o Vitoriano Taibo por Cultivos transxénicos (2008) e o Fiz Vergara Vilariño por Tundra (2017) . Ensaiou o xénero satírico no dicionario Abelcebú (2010) , de carácter burlesco; tamén no 2017, formou parte do proxecto colectivo Os aforismos do riso futurista, publicado por Xerais.
Nos últimos anos vén desempeñando un continuo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil, a través de recitais e obradoiros en institutos de toda Galicia; visita con frecuencia os clubs de lectura escolares, establecendo un diálogo sen prexuízos con respecto á poesía, entendida como un xénero aberto, imaxinativo e ao alcance de públicos non especializados na lectura académica. Así mesmo, en colaboración coa AELG e diversos concellos do país, ten impartido obradoiros de creación literaria para adultos. As súas experiencias didácticas neste eido recóllense no ensaio Ler poesía tampouco é para tanto , publicado en Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas (Apiario, 2015).
Recentemente, no 2018, vén de recibir o galardón ao autor do ano dos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares de Galicia, polo seu fomento dos hábitos lectores entre a mocidade e a través do xénero poético.
Texto: Bio cedida polo autor
Foto: Distrito Xermar. Fonte: AELG
- Comezamos forte. Que significa a poesía para vostede?
Como lector, significa un asombro, unha expectativa, unha válvula de escape. Un interrogante que esixe de nós un esforzo e unha apertura, saírnos de nós mesmos a través da palabra da Outra ou do Outro. Como escritor, a poesía redúcese ao poema: un intento concreto de poñer en tensión a linguaxe para indagar na vida sen concesións gratuítas, a través dun oficio que combina rigor, expectativa, intuición e gozo.
- Cales son os seus textos poéticos de referencia? Cales considera que son especialmente indicados para ler en consonancia con estes tempos que vivimos?
A poesía é unha galaxia en continúa expansión; hai poemas para cada momento, para cada idade, para cada estado de ánimo, para cada fenda existencial. Non me vexo capacitado para realizar unha síntese que resulte xusta coas posibles ausencias.
- Como definiría o seu proceso creativo?
Os procesos creativos son complexos e non sempre responden a pautas estritamente racionais. Hai, polo xeral, unha fase de inicio onde operan estímulos intuitivos, ideas inconexas e soltas, imaxes que nos afectan dun modo inesperado, un magma prelingüístico que vai collendo forma na cabeza, non aínda no papel ou pantalla. Ese magma, remexido durante tempo dun modo introspectivo, vai transformándose no lévedo primario dunha idea global, dun punto de partida para escribir un conxunto de textos que pulan na mesma dirección, aínda que non se saiba ben o destino.
Cando xorde esa idea-forza, adoito incidir en cada poema como parte dun todo, e non como unha peza solta que brille por si mesma; de aí que traballe case sempre cun conxunto de textos que interaccionan entre si, procurando unha estrutura sólida, interdependente, que sume no contraste das partes.
Logo, tras unha primeira fase de escrita bastante libre e salvaxe, onde se deixa aflorar todo o que xorde de dentro, vén o oficio: construción de sucesivos borradores, recolocación de textos dentro dun conxunto dado, adicción ou supresión de versos, depuración de lingua e estilo, fase de repouso e, tras un tempo prudencial, revisión última. E, sobre todo, rigor para eliminar todo aquilo que o oído perciba como fanfarria excesiva.
- En Aplicación Instantánea (Premio Jules Verne 2018), combina o texto en formato físico cunha conta de Instagram relacionada co mesmo. Pensa que a relación entre literatura, ou so no eido da poesía, e novas tecnoloxías é un campo necesario de explorar?
Se me permites retrucar cun xogo de palabras, coido que a poesía é a tecnoloxía máis nova que existe, aínda non superada por ningunha outra. Mesmo falar de “novas tecnoloxías” semella xa un arcaísmo. Como poeta, intento aproveitar calquera formato ou soporte que permita a expansión do verso e a interacción co público lector, e paréceme estupendo que se explore calquera posibilidade expresiva, mesmo aquelas nas que a palabra se camufla con procedementos da cultura de masas que circula pola internet. Gústame a poesía contaminada polo día a día das cousas, non perfecta, que corra o risco de ser efémera, aínda que no fondo aspire a perdurar. Nesa contradición escribimos poemas. Pero tampouco creo que a modernidade dependa de que un poeta use ou non as redes sociais, senón da perturbación que dea establecido nos códigos da linguaxe poética.
A libraría Coucerio recomenda Aplicación Instantánea de Carlos Negro. (Fonte: Youtube)
- Na súa opinión. Cal é a mellor forma de achegar ós adolescentes ós libros e mais concretamente ós textos poéticos?
Sen que existan fórmulas máxicas, porque non as coñezo, si estou convencido de que resultan fundamentais tres elementos básicos para achegar o gusto pola poesía a un público adolescente: a) en primeiro lugar, evitar calquera pose solemne e/ou académica, que estableza un distanciamento elitista entre o texto e o lector b) en segundo lugar, transmitir entusiasmo, é dicir, compartir a poesía como unha descuberta vital, e non como un cadáver textual a diseccionar c) por último, atrevemento e variedade á hora de escoller textos, sen establecer un cánon pechado nin comezar polos nomes sagrados da tribo, senón por aqueles que poidan romper o molde dos seus prexuízos.
- Como valoraría a situación da poesía actualmente en Galicia? Podería destacar algúns títulos de entre as publicacións máis recentes?
Unha valoración xusta do momento histórico que vive a poesía galega precisa dun distanciamento temporal e crítico que eu non son quen de facer; desconfío das idades de ouro que ás veces se establecen con certa lixeireza. De todas formas, coido que a nosa poesía goza dunha excelente mala saúde, tendo en conta que escribimos nunha lingua que subsiste con respiración asistida. Aínda así, cada ano leo dous ou tres libros de poesía dun nivel excelente, o que non é pouco para unha literatura dun país relativamente pequeno. Poño exemplos recentes: gocei moito coas Fosforescencias de Lupe Gómez, coa Feliz Idade de Olga Novo, co Atlas de Alba Cid ou con A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez, de Celso Fernández Sanmartín, entre outros títulos.
- Para rematar, ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?
Si, teño un libro rematado en fase de espera, pero prefiro non adiantar nada arredor del.
Só me resta agradecer a amabilidade de concederme este espazo para darlle visibilidade á nosa literatura en xeral e á miña voz en concreto. Beizóns!