Inma López Silva: "O libro da filla fala sobre todo, dunha idea que me rolda a cabeza dende hai
Inma López Silva é escritora e crítica teatral. Naceu en Santiago de Compostela en 1978. Na universidade da súa cidade natal licenciouse e doutorouse en Filoloxía. Diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbonne Nouvelle, actualmente combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde ensina Teorías do Teatro e desde onde desenvolve unha intensa actividade crítica.
Columnista en La Voz de Galicia, é autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos principais premios da literatura galega.
Como narradora ten cultivado o xénero breve en libros coma Rosas, corvos e cancións (2000) ou Tinta (2012), así coma o ensaio feminista en
New York, New York (2007), Maternosofía (2013) e o polémico Chámame señora, pero trátame coma a un señor (2018).
Tras o éxito de aclamadas novelas coma Memoria de cidades sen luz (2007, Premio Blanco Amor, Premio San Clemente,Premio da AELG) e Aqueles días en que eramos malas (2016, Premio Lousada Diéguez, Finalista Premio El Ojo Crítico), publica agora a súa entrega máis esperada: O libro da filla (2020).
Foto: Judith Cendón
Texto: Texto "A autora" publicado na web propia da autora.
- Cal é o xerme de O libro da filla (Galaxia, 2020)?
A novela arrinca da niña vontade inicial de falar do límite responsábel entre a verdade e a mentira, das implicacións da crenza cando os datos que temos non permiten unha decisión racional sobre a veracidade duns feitos e, por tanto, sobre como inflúe na nosa liberdade a nosa relación coa verdade e a mentira como construtos. A partir de aí, hai un feito real que resulta determinante: o meu encontró real cun home preso no cárcere por violación da súa filla que me relata a súa historia e di ter sido vítima dun complot organizado pola súa exmuller coa súa filla no proceso de divorcio para quedar cun negocio próspero. Esa conversa, e as emocións que me subscitou, están no primeiro capítulo de O libro da filla como punto de partida de toda unha historia que se ficcionaliza arredor dunha xornalista que segue unha historia semellante a esta e debe tomar a decisión sobre se crer ou non crer a versión dos feitos que se lle contan, cuestión que acaba tendo implicacións persoais na súa propia vida, e implicacións cidadás nun contexto de ascenso perigoso e abrumador da extrema dereita. Por suposto, O libro da filla, ao final, fala da responsabilidade pública, do amor e do que estamos dispostas a ceder ou a obviar en virtude del e, sobre todo, dunha idea que me rolda a cabeza dende hai tempo: cando máis libres queremos ser, maior é a incomodidade en que nos vemos obrigadas a vivir.
- Como definiría esta novela?
Aínda que as miñas editoras decidiron cualificala como thriller xornalístico e político eu fuxo moito deste tipo de etiquetas. Para min é, sinxelamente, unha novela, literatura política, libertaria, que homenaxea o xornalismo comprometido e a cidadanía responsábel.
- Como valoraría o proceso de documentación? Supoño que partir dun caso real desacougante fai deste un proceso bastante difícil de afrontar…
O proceso de documentación é sempre o máis interesante de calquera novela, polo menos para min… Neste caso, houbo ese punto de partida, abondo rechamante, mais o resto da novela non é documental no sentido que si o foron outros textos meus coma Memoria de cidades sen luz ou Aqueles días en que éramos malas. Si hai aquí elementos que requeriron procesos concretos de pescuda, como o caso sobre a implantación das celulosas en Galicia do que fala nalgún momento Helena Sánchez, ou, sobre todo, as fórmulas alternativas de vivienda como a ocupación, as comunas ou a xestión de aldeas ecolóxicas. Polo demais, é unha novela que fala das vidas de persoas que poderiamos ser calquera de nós, influídas por unha determinada conxuntura persoal e política, mais perfectamente imaxinábel para calquera.
- Cal é o trazo que mellor define na súa opinión a Helena Sánchez?
É unha triunfadora desencantada con todo, mais non claudicou porque é vitalista e, sobre todo, libre.
- Neste título atopamos tamén como tema a irrupción da extrema dereita e os totalitarismos. Coido que non pode ser máis axeitado para os tempos que vivimos…
O certo é que eu levo xa varios anos con esta novela e eu mesma me sorprendín nun determinado momento relendo cousas escritas por min que soaban proféticas… Penso que, en realidade, neste último ano só asistimos a unha saída do armario de algo que estaba subxacente no noso contorno próximo, latente, e marcando en boa medida liñas de opinión e, sobre todo, desinformación. O feito de que apareza na novela ten un aquel intuitivo, pero tamén, seguramente, é o produto dun medo percibido ou da vontade de amosar a través do poder insuperábel da ficción un mundo posíbel non tan aloucado.
A autora explica a obra dende o seu punto de vista para a canle de Youtube "El Placer de la Lectura".
(Fonte: Youtube)
- Leva catro anos sen publicar ningunha obra de ficción. Pensa que agora é o momento máis axeitado para facelo ou responde isto a unha acumulación de diversos proxectos nos últimos anos?
Non planifico a aparición dos meus libros, a verdade. Polo xeral, as novelas lévanme moito tempo, varios anos, mais como nunca me centro en exclusiva nun único traballo, adoitan ir aparecendo libros meus cunha certa periodicidade. As novelas, porén, son proxectos nos que tento demorarme, e que traballo moito no sentido de que non forzo ningún tipo de data límite. Funciono de xeito diferente cos ensaios ou outro tipo de traballos onde procuro poner un comezo e un fin para un proceso que considero máis documental ou mesmo xornalístico ca puramente creativo. Coido que os procesos creativos non deben ter condicionantes de ningún tipo, especialmente cronolóxico ou editorial, e trato de preservar os meus procesos nese sentido sempre.
- Para rematar, ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?
Si, claro. Sempre estou con algo! Agora mesmo teño en proceso de escritura un proxecto xornalístico que publicará Galaxia seguramente a fins de 2020 ou comezos de 2021 que fago en colaboración coa fotógrafa Judit Centón. Desde hai case un ano, aproximadamente cando dei por rematado O libro da filla, estou cun proxecto de novela que aínda tardará unha boa tempada, creo.