Recensión: Pilar Pallarés, Tempo fósil
Título: Tempo fósil
Autora: Pilar Pallarés
Editorial: Chan da Pólvora
ISBN: 9788494769894
Nº de páxinas: 46 páxs
Premio Nacional de Poesía 2019
Sinopse:
Pilar Pallarés comezou a escribir Tempo fósil a finais de 2011, cando a ampliación do aeroporto de Alvedro levou por diante a casa familiar, que o pai construíra coas súas propias mans. O libro medrou deste xeito arredor da destrución do lugar, da familia e da imposibilidade de deixar pegadas indelebles. Máis que unha indagación na nostalxia, estamos ante un libro extraordinario sobre o paso do tempo, obsesión dunha autora que contempla e sente a aniquilación como unha cuestión colectiva. Tras case unha década de silencio, Pilar Pallarés regresa cunha poesía desapracible e brillante, rigorosa e hipnótica. Sen dúbida, Tempo fósil marca unha inflexión de poderosa radicalidade na súa obra.
Tempo fósil chegou as miñas mans debido a moitísimas recomendacións de xente con bo criterio e co aliciente de ser o título que recibiu o ano pasado o Premio Nacional de Poesía 2019. Polo tanto, o libro non foi ningunha sorpresa pola enorme calidade literaria que hai en cada verso, nin tampouco pola súa temática, senón polas incribles imaxes que hai nel.
O meu parecer non é moi distinto probablemente do doutros lectores e comentaristas, Tempo fósil é unha crónica case fotográfica do proceso de constante autodestrución que vivimos. As imaxes que hai nel son voluntariamente duras e específicas, polo que o lector ten a sensación de que sente como as pezas do que antes consideraba piares do seu concepto de realidade, quebran co paso das páxinas.Os que esnaquizamos todo o puro, somos nós dende a obsesión de construír novo sobre vello ignorando o poder de todo aquilo que deixamos atrás.
DA RUÍNA da razón nace a palabra
que busca regresar, romper o cerco:
o pexegueiro, o dafne,
o loureiro común, unha roseira brava,
o camelio, o romeu,
a pedra de alicerzar que foi asento,
os carreiros de xabre,
o incendio da memoria
mentres se parte o esternón da casa.
Sen dúbida unha brillante construción literaria que cuestiona e critica moitísimos valores da sociedade moderna.