top of page

Lois Alcayde Dans: "Hai historias para narrar que son moi próximas, ao carón da nosa casa, que


Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997). Escritor e xornalista. En 2016, con 19 anos, gañou o I Premio Balbino de relatos polo libro Camiños na sombra, e en 2018 o segundo premio na IV edición do Mazarelos da USC polo conxunto poético Xente da crise. Colabora nas revistas O Salto, Luzes e no xornal Sermos Galiza. Membro do consello editorial da revista Ligeia, coordina a súa ­sección de Xornalismo. Exerceu como redactor para a TVG e foi responsable de comunicación da emisora de radio coruñesa CUAC FM. Actualmente cursa o grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.

Texto: Biografía do autor na web de Galaxia

Fotografía: Cedida polo autor

 

- Como e cando comezou a súa relación coa escrita e a literatura en xeral?

É algo que acompaña dende a consciencia de querer construír unha voz propia. Cando somos pequenos dámonos conta de que atopamos certa dor, certa beleza, nas que nos podemos expresar individual e colectivamente. Uns a través das artes plásticas, outros a través da escrita, outros a través da arquitectura. Iso que creamos cremos que é auténtico e é interesante.

Concretamente, creo que comecei isto en segundo de primaria. O meu colexio convocara un concurso de poesía para todo o alumnado do centro e eu participara. Levei o primeiro premio, o cal foi unha sorpresa e orgullo para a miña titora, unha mestra marabillosa que se chama Eladia. Lembro que o poema, que repetía ao inicio de cada verso "Paz é" máis o que fora, remataba cun "paz é amar". Que ben neste caso seguir pensando o mesmo, non?

- Como definiría o seu proceso creativo?

Penso que ten bastante de anárquico e moito de arquitectura. Todo o proceso da idea dáse nun paseo, camiño bastante, nadando, falando… van aparecendo imaxes e fíos entre elas. As ideas sempre me veñen na realización dunha terceira cousa. Esa idea, nun comezo, é unha estética, que quero contar e que "voces", "cores", "ambientes" ou "texturas" vou empregar; toda a parafernalia absurda que temos na cabeza cando construímos unha historia e que non é nada romántica nin digna de estar en ningún pedestal (onde parece que se pretenden colocar ás artes) é só un proceso humano e alí ten a súa beleza. E tamén é beleza que sexa manchado, que sexa pegado aos días, ao chan, gastado.

Espazo habitual do autor para adicarse a escrita. (Fotografía cedida polo autor)

O proceso de creación de calquera artista podería ser arquitectura pura: manexamos espazos, forma, xente que fai algo dentro deses espazos, sombras, luces, subidas, baixadas. Neses lugares hai tensións, dramas e risas, hai conflito e tamén mensaxe: estamos nós e nos damos uso e lle damos uso ao mundo. Penso que, máis aínda en narrativa, ese conflito e esa mensaxe son o máis importante. Mensaxe só narrativa, non máis alá. Creo que a literatura nin debe ser dogmática, nin debe ser unha Biblia, nin unha vaca sagrada nin moralina. Debe ser literatura, creación.

- Cal é o xerme de Os jeans de María (Galaxia, 2019)?

A sorpresa do cotián. Interésanme as historias medidas e iso pódese cultivar ben en novela ou relatos, neste caso escollín relatos. Gústanme as historias que do miúdo contan verdades universais a través do impulso, leo a narradoras e narradores como Manuel Rivas, Carlos Casares, Carmen Martín Gaite ou Almudena Grandes precisamente por iso, pola realidade cotiá que dá pé nuns casos ao máis máxico e noutros á sinxeleza e a rugosidade da realidade ben contada.

Tamén é un libro que, penso, se debe ao meu oficio. Son xornalista e a realidade máis achegada, o que temos diante, teñen unha concepción global enorme. Hai historias para narrar que son moi próximas, ao carón da nosa casa, que son realidades e teñen formas universais. Podemos contalas 70 anos atrás, 100 ou onte mesmo e seguen tendo vixencia. Non temos que ir a Bangkok ou Oslo para contar boa unha historia máis se é unha boa historia a súa mensaxe, creo, vai ser entendida aquí e en Bangkok e en Oslo.

- Considero que os relatos deste título teñen moito de investigación no cotián. Extraen con moito tino o estrañamento que existe na pura rutina…

A rutina é moi interesante. A razón de que escollemos estas outras direccións ou, algo que quero propoñer no libro, cando esas direccións non son escollidas por nós, veñen impostas ou simplemente ocorren e rompen a nosa realidade. O choque ou o shock, tamén a sorpresa. Un mestre nisto foi Roald Dahl, máis aínda no relato curto.

É observar. Gústame o que di Andreu Buenafuente cando explica de onde colle moitas ideas, das conversas. Co ironía apódase a si mesmo "oreller", é dicir, que pega a orella e escoita. Creo que unha boa historia vén de querer escoitar.

- Se tivese que recomendar algúns títulos, cales serían?

Moitísimos! En poesía é imprescindible coñecer a obra dunha das poetas novas máis brillantes de Galicia que é Tamara Andrés, o seu Corpo de Antiochia foi dos poucos poemarios que me lin dunha sentada e relin varias veces. Outra voz marabillosa é a de Míriam Ferradáns, Agosto é unha alfaia, como o Lumes de Ismael Ramos ou As casas, de Carlos Lixó. Sendo máis clásico, teño un amor con Lorca e con Gil de Biedma, tamén con Luz Pozo Garza, Lois Pereiro e Pilar Pallarés.

Dentro de narrativa xa citei antes algúns autores e autoras; de Casares están Ilustrísima e O sol do verán; de Rivas As chamadas perdidas e Os libros arden mal; de Almudena Grandes o último de La madre de Frankenstein; de Martín Gaite calquera delas (foi das mellores escritoras que tivo España) dende Entre visillos ata Las ataduras, por exemplo. Mais tamén están Los cachorros, de Vargas Llosa; O triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor Freixanes; A señora Dalloway, de Virginia Wool; Tiempo de silencio, de Luís Martín Santos; Caída libre de William Golding; Zapatos italianos, de Henning Mankell; Carta a un niño que no llegó a nacer, de Oriana Fallaci; O Danubio, de Magris; Falando do asunto e Niveis de vida, de Julián Barnes; Retorno a Brideshead, de Waugh; Lluvia fina, de Landero; O que queda do día, de Kazuo Ishiguro, o recente Tus pasos en la escalera, de Muñoz Molina…

En ensaio temos a Rivas e esta obra mestra que é Contra Todo Isto xunto con todas as compilacións dos seus artigos en Luzes; a Hannah Arendt e o seu brillante Eichmann en Jerusalén ou A liberdade de ser libres; o recente Dentro da literatura, de Suso de Toro, excelente; un libro chamado O Home na procura do sentido, de Víktor E.Frankl, sobre as vivencias nun campo e concentración; Cartas a un amigo alemán, de Camus; Unha habitación propia, de Virginia Woolf e calquera de Erich Fromm ou Desmond Morris.

- Críticos como Armando Requeixo ou Mario Regueira valoraron moi positivamente o seu libro. Agardaba esta acollida?

A verdade é que está sendo un percorrido feliz, e agradezo moito as lecturas que se están a facer de Os Jeans de María. Sinceramente non, non agardaba que fora a ser tan completa e tan agradable, debe ser polos nervios!

- O seu texto é curiosamente o número 400 dunha colección tan privilexiada como a Literaria de Galaxia. Como valora a oportunidade recibida pola editora?

Para min é oportunidade da que estou moi agradecido. Unha aventura e un proceso de edición que foi fermoso dende o comezo ata a saída do final, incluídas as presentacións. Teño que mencionar aquí e dar as grazas a Francisco Castro, o meu editor, que puxo na súa confianza no libro.

- Para rematar, ten algún proxecto rematado ou en marcha do que nos poida adiantar algo?

Sempre se está a traballar en algo, non?

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page