Recensión: Henrique Dacosta, Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético
Título: Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético
Autor: Henrique Dacosta
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491216254
Nº de páxinas: 120 páxs
Sinopse:
Un libro divulgativo sobre a vida e a obra do autor das Letras Galegas 2020. Quen era, como viviu e como pensaba Carvalho Calero. Unha biografía clara e concisa para todos os públicos.
A primeira das miñas lecturas como preparación para o día das letras galegas é este breve ensaio divulgativo sobre a vida e obra de Carvalho Calero escrito por Henrique Dacosta.
Aqueles que busquen neste exemplar unha biografía extensa e unha análise academicista da obra do autor non atoparán neste libro tal contido. O libro de Henrique Dacosta presenta unha biografía sistemática, mais clara e ilustrativa da vida do autor e da súa obra literaria. De feito, engade nas últimas páxinas unha bibliografía bastante interesante e ben estruturada para aqueles que estean interesados en aspectos máis concretos da vida e obra do autor.
O autor prescinde no texto de adoptar calquera postura ideolóxica sobre a conflitiva figura do autor dentro das nas nosas letras e informa dende unha intención divulgativa dos puntos fortes e fracos da vida e obra do autor. En resumo, este texto constitúe unha presentación máis que axeitada sobre a figura de Carvalho Calero, que é valida tanto para o público adulto como para os estudantes de bacharelato.