top of page

Iria Pedreira e Laura Romero: "Cómprenos coidar a nosa música, consumila e achegarnos a ela sem

Ferreñas e Rock and Roll é un catálogo ilustrado a toda cor no que se outorga protagonismo a trinta e unha músicas ou formacións integramente femininas que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega


Laura Romero ao lapis, Iria Pedreira ás letras e Baía Edicións á maquinaria xuntan os seus talentos nunha obra única que foi distinguida cun dos premios do II Concurso de ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola igualdade convocado en 2018 pola área de Benestar Social, Educación e Políticas da Deputación da Coruña.

Texto: Baía edicións Fotografía: Eva Mirás

 

- Cal é o xerme de Ferreñas e Rock and Roll (Baia, 2019)?


LR: O xerme está na creación dun proxecto anterior, que segue en activo desde o ano 2017, chamado Músicas Galegas Ilustradas. Pouco despois de entrar na banda Zënzar dinme de conta da escasa participación de mulleres na meirande parte dos festivais galegos. Así que decidín facer un proxecto no que mesturar ilustración, música e feminismo para dar a coñecer a tódalas músicas do panorama actual galego que me foran posible. Durante este proceso bato coa historia de Xosefa de Bastavales (a imaxe do logo) e comezo a pensar na idea dun proxecto que visibilizara, esta vez, a músicas que como Xosefa abriran camiño no pasado.


IP: Laura xa levaba tempo indagando sobre esta cuestión e visibilizando e dando cor e nova vida a moitas das músicas da escena galega actual cando se propuxo afondar no noso pasado e descubrir ás grandes pioneiras da música galega para convertelas nas protagonistas dun álbum ilustrado. Aínda era esta unha idea embrionaria cando decidiu presentalo ao II Concurso de ideas Luísa Villalta da Deputación da Coruña e cando me propuxo que a acompañase facéndome cargo do proceso da escrita, proposta que aceptei sen pensalo dúas veces.


- Como foi o proceso de documentación para este traballo?


LR: Intenso. Eu nunca fixera un traballo de campo destas dimensións, pero estou moi contenta co resultado e sobre todo co proceso. Tampouco considero que parara co lanzamento de Ferreñas e Rock and Roll, aínda sigo a ler, informarme e intentar contactar con outras músicas.


IP: Laura, pola súa traxectoria e a súa vinculación coa música a un nivel máis profesional, entendía moi ben este mundo. Sabía da xente, tiña os contactos e percorreu Galicia de arriba a abaixo na procura dun coñecemento e dunhas experiencias que, na súa gran maioría, non constaban en ningunha publicación previa. Falou con moita xente, mantivo moitas conversas e os resultados das súas pesquisas foron fundamentais para obter unha primeira impresión sólida que levase á composición dos textos. Eu encargueime de ler, analizar, reordenar e darlle outra forma á súa investigación, empapándome dela e respectándoa en todo momento sen perder de vista que o meu obxectivo primordial era a súa reconversión literaria (unha reconversión que, ademais, tiña que gardar unha harmonía coa imaxe e a ilustración, que é o centro creativo deste proxecto).


- Como foi o proceso creativo das ilustracións que realizou para o libro? Como valora o resultado final?


LR: A ilustrar xa estaba máis afeita! Pero o volume de traballo era bastante maior. Eu tendo a querer dar moita información nos meus debuxos, así que o que máis me custaba era escoller o que ía estar no capítulo. Obviamente non había sitio para todo o que eu quería, pero estou moi contenta co resultado final.


Ilustración e texto sobre María Doval (Fragmento do libro). Fonte: Baía Edicións


- Teñen algunha banda ou artista predilecta entre todas as nomeadas no texto?


LR: Gústanme todos os capítulos, pero sempre hai algún que é especial: o de Xosefa polo que comentei antes, os que falan de baixistas polo intrumento que toco, o de Batuko Tabanka pola ilustración…


IP: Sentinme moi identificada coa historia de Matilde Balseiro, pola súa vinculación ao mundo das bandas de música populares (que eu coñezo bastante ben porque toquei nunha durante moito tempo) pero tamén gocei redescubrindo a Ana Kiro, a nosa gran icona pop, e tomando contacto por vez primeira con figuras tan fascinantes coma as de María Doval, Finita Gay A Martela ou Pilocha. Todas elas procedentes de estilos moi diferentes pero que conviven neste libro co mesmo nivel de admiración e agarimo, sexan máis coñecidas ou, pola contra, totalmente anónimas.


-Como valoran polo momento a recepción do libro por parte do público?


LR: Está a ter moi boa acollida, a verdade. Hai moito interés no tema, en parte porque non hai libros que falen así das mulleres da nosa música.


IP: Coido que a recepción non puido ser mellor e iso desmente unha vez máis o argumento de que a cultura feita cunha perspectiva de xénero non interesa. Non pode ser máis falso e capcioso, e neste caso en particular está demostradísimo que a nosa música e as nosas músicas espertan unha gran curiosidade no público. Un público que após botarlle un ollo a esta publicación se pregunta: como é posible que non coñecese a estas mulleres tendo feito e logrado todo isto que pon aquí?


Presentación do libro en Ordes (14/02/2020). Fotografías de Eva Mirás e Yoshimura Eye.

- Como valorarían a situación da música galega na actualidade?


LR: A música galega está a vivir un momento de enorme riqueza e de enorme talento en tódolos estilos. A xente á que nos interesa, non só a música, senón a cultura galega en xeral, sabemos o valor que ten. Outra cousa é que as institucións ou os programadores e programadoras de grandes eventos a valoren igual...


IP: Concordo plenamente con Laura. Malia a pasividade e a escasa atención que dende arriba se lle presta á nosa cultura esta segue moi viva e achegando propostas sumamente interesantes e diversas. Cómprenos coidala, consumila e achegarnos a ela sempre que nos sexa posible pois nela podemos achar tamén unha calidade que nada ten que envexarlle a outras propostas foráneas.


- Para rematar. Cal é o seguinte paso para este proxecto?


LR: Queremos presentar Ferreñas e Rock and Roll en tantos sitios coma sexa posible. E seguir buscando máis historias esquecidas ou descoñecidas de mulleres coma as protagonistas do libro!


IP: Si, gustaríanos que esta publicación que vemos tan necesaria no contexto actual seguise calando na xente e convidando á reflexión. Agardamos poder continuar axiña coa nosa pequena xira de presentacións e, quen sabe, nun futuro próximo ao mellor podemos contar cunha segunda parte (porque hai material para novas entregas, de verdade que o hai).



Etiquetas:

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page